Despois de todo o lío sobre o Códice Calixtino (que ata inspirou unha aspirante a canción do verán) anunciouse que o volume ía estar a disposición do público nunha exposición que estará aberta ata o 6 de xaneiro no Museo Centro Gaiás na Cidade da Cultura, o que a min parecíame un tanto ridículo como cando visitei a exposición de Dragon Ball na pasada edición de Viñetas desde o Atlántico: ¿que interese ten ver unha portada ou só unha páxina dunha publicación situada detrás dun vidro? E precisamente nesa liña veño de ler unha interesante reportaxe no Apple Magazine na que amosan unha exposición de libros manuscritos na que, xunto aos textos orixinais, colocan un iPad, o que permite tanto consultar máis páxinas que a que estea aberta o día no que visitemos o museo, como interactuar cos tablets, o que engade valor á exposición dun xeito considerable, combinando dun xeito bastante equilibrado a presenza de obxectos físicos de grande valor coa posibilidade de fozar cunha versión virtual dos mesmos sen maltratalos.
Os iPads empregados inclúen unha versión da aplicación Morpholio Exhibit que nos vindeiros meses pretenden levar a outros museos. Supoño que farán negocio con esta solución de xeito inicial, pero resulta evidente que empregar tablets de Apple para tal función é desproporcionado, de xeito que sería bastante máis atinado o uso de tablets baratos con Android aos que cargar os contidos (que son o realmente importante), polo que espero que nos vindeiros meses haxa moitas exposicións que adopten o concepto, e o desenvolvan internamente, o que de seguro agradecerán moitos visitantes a exposicións nas que poidamos considerar frustrante non poder botar as zoupas aos orixinais exhibidos.
19 Novembro, 2012
Debe estar conectado para enviar un comentario.