Agradoume ver que o debate de se a Internet é unha ameaza que resta valor aos contidos dos museos esmoreceu, e agora están a buscar usos das tecnoloxías nos museos (mediante interactivos, códigos QR, NFC…) mentres que dende a Rede están a ofrecer dende visitas virtuais ata exposicións paralelas, o que contribúe á difusión e popularización da Cultura, que é a finalidade última de todos estes esforzos. Os museos non son un fin, son un medio, e cando antes o entendan algúns, máis se beneficiará a sociedade.
Eu compartín mesa con Susan Hazan, que só provocou envexa [icon icon=”0034.png”][/icon] ao amosar a magnitude do Israel Museum (81.000 m2 de nada e con pezas tan insignificantes como os Manuscritos do Mar Morto) e o bo trato que teñen por parte de Google (que permite percorrer todo o museo coa tecnoloxía de Street View e visualizar as pezas en alta resolución a través do Google Art Project); mentres que Francisco Fuco Doménech dos Museos Científicos Coruñeses falou dalgúns dos seus proxectos na Rede como as webs das exposicións de O asombro de Mr. Darwin e Eureka!, e o novo e-Museo, amosando o moito que pode facerse con poucos recursos grazas ás posibilidades da Rede. Dúas faces totalmente distintas de cómo pode estar un museo na Internet.
Pero tras seguir a meirande parte dos relatorios, con participantes máis ou menos brillantes e provocadores, eu quedaría coa intervención final de Merete Sanderhoff (da Galería Nacional de Dinamarca), quen fixo unha firme defensa das licenzas Creative Commons, dando a entender que é a súa mellor estratexia para difundir os contidos dos museos e aproveitar o uso que fagan dos mesmos os usuarios. Dende a súa institución apostan seriamente por proxectos como Wikimedia, buscan colaborar con outros organismos que sigan a mesma filosofía en proxectos conxuntos e incluso lembrou unha interesante reflexión: as investigacións non deben rematar na Wikipedia, senón comezar alí, e enriquecerse a través das ligazóns que inclúen os artigos citando as súa fontes. Algo que estaría ben que tivesen moi en conta os profesores de ensino secundario á hora de formar aos cidadáns do futuro.
Debe estar conectado para enviar un comentario.