Resultados das eleccións autonómicas

Pasadas as 20:00 horas, cos colexios electorais pechados, podemos comezar a falar do que vai dar de si esta xornada, na que foi evidente o incremento da abstención, e...

Pasadas as 20:00 horas, cos colexios electorais pechados, podemos comezar a falar do que vai dar de si esta xornada, na que foi evidente o incremento da abstención, e da que van coñecéndose os resultados a partir de enquisas elaboradas e pé de urna que sitúan ao Partido Popular (PP) nunha maioría absolutísima.

Resultados da enquisa a pé de urna de IPSOS para a TVG

Enquisa elaborada por Sondaxe para La Voz de Galicia e V Televisión

Os resultados poden seguirse en liña a través da web segundo vaia avanzando o escrutinio, pero mentres podemos comentar que segundo datos cos que conta a TVG o PP podería levar entre 39 e 42 escanos (superando os 38 de 2012), o PSdeG-PSOE caería de 25 en 2009 a 18-20 escanos, a Alternativa Galega de Esquerda (AGE) levaría entre 8-10 converténdose na sorpresa da xornada, e o BNG derrubaríase de 12 a 7-8 escanos. Estes datos coincidirían cos de V Televisión, que concreta os resultados en PP: 39, PSdeG: 20, AGE: 8 e BNG: 8.

Quixera destacar que esta campaña mudou con respecto das anteriores en boa medida pola impresionante cobertura mediática, grazas en boa medida por contar agora coa mencionada canle V Televisión, de xeito que tanto a cobertura da xornada de hoxe como as entrevistas e debates durante a campaña foron máis ricos que noutras ocasións.

Durante o escrutinio tamén penso achegarme aos resultados concretos de Melide, que coido que son moi interesantes, pois na vila o BNG conseguira uns resultados moi bos en 2009 (co 24,14% dos votos) de xeito que agora temos a incógnita de se eses electores volveron a confiar no Bloque ou optaron pola Alternativa.

ACTUALIZACIÓN (20:54): Polo momento os resultados aínda son pouco significativos (só un 5,45% dos votos escrutados), pero confirman en o que dicían as enquisas en liñas xerais, con 48 deputados para o PP, 15 para o PSdeG, 6 para AGE e 6 para BNG, mentres que en Melide, co escrutinio xa no 18,14% temos que o PP leva o 68,13% dos votos, o PSdeG o 12%, AGE o 9,03% e BNG o 8,08%.

Como a cousa continúe así teremos un PP moi forte, un PSdeG que non consegue recuperar a confianza do electorado (en boa medida por culpa da falta de democracia interna) e un BNG que demostrou non saber xestionarse ben, ao deixar que a súa escisión conseguise superalos en votos ou, como mínimo, pórse ao seu nivel.

ACTUALIZACIÓN (21:02): Co 8,63% xa vemos como o PP cheda con 46 escanos, pasando o que perdeu ao PSdeG, o que parece que vai repetirse en varias ocasións nos vindeiros minutos, mentres que AGE e BNG continúan en empete técnico.
En Melide, co 25,03% escrutado temos que o PP leva o 63,07% dos botos, PSdeG o 11,85%, AGE o 10,04% e BNG o 10,58%.

ACTUALIZACIÓN (21:05): Co 10,96% escrutado confírmase o anterior, e o PP quedaría con 45 deputados e o PSdeG con 18 deputados.

ACTUALIZACIÓN (21:08): O escrutinio está a mudar por momentos, e co 13,06% do voto escrutado teriamos un PP con 45 escanos, un PSdeG con 17, AGE con 7 e BNG con 6. O PP consolidándose e AGE evidenciando o desastre do BNG.

ACTUALIZACIÓN (21:13): Co 17,78% do escrutinio podemos ver como o PP comeza a achegarse ao que podería ser o seu resultado final, con 44 deputados, o PSdeG con 17, AGE con 8 e o BNG con 6. De manterse as cousas así, AGE non só pescaría no caladoiro do BNG, senón tamén no do PSdeG, dando un resultado que poucos prevían, mentres que Rosa Díez, Mario Conde e Xoán Bascuas pasan totalmente desapercibidos en Galicia.

ACTUALIZACIÓN (21:16): Volvendo a Melide temos que co 34,77% o PP levaría o 62,31% dos votos (bastante máis que en 2009), o PSdeG o 11,97% (case a metade que nos anteriores comicios autonómicos), AGE o 9,93% e BNG o 11,22%. Deste xeito nin BNG e AGE xuntos chegarían á porcentaxe de votos do BNG en 2009.

ACTUALIZACIÓN (21:21): Estou a alucinar co feito de que co 25,27% do escrutinio Alternativa estea a incrementar a súa distancia co Bloque, e así teriamos ao PP con 43 escanos, o PSdeG con 17, AGE con 9 e BNG con 6. E logo, as enquisas da semana pasada dicían que Alternativa estaba ás portas de conseguir grupo parlamentario… ¡ninguén anticipara un resultado tan bo para a formación de Beiras!

ACTUALIZACIÓN (21:56): Co 68,86% do voto escrutado, o PP levaría 41 escanos, o PSdeG 18, AGE 9 e o BNG 7, achegándose un pouco máis ao que parece máis previsible dentro do que sería unha maioría rotunda do PP.
Con 100% escrutado en Melide teriamos que o PP mellorou significativamente chegando ao 58,29% dos votos, o PSdeG quedaría co 13,28% dos sufraxios, AGE co 10,44% e o BNG co 12,47%. Vaia, que o PSdeG tería un resultado nefasto (tivera o 24,22% dos votos en 2005 e o 21,48% en 2009) e o BNG correría a mesma sorte (en 2005 fixérase co 24,62% dos votos e en 2009 co 24,14%).

Reparto de escanos no Parlamento de Galicia

ACTUALIZACIÓN (22:15): Co escrutinio no 84,99% o panorama non muda, e parece que xa está todo o peixe vendido. O Partido Popular de Galicia reforza a súa maioría absoluta; o PSdeG pasou de 25 a 18 escanos, perdendo a posición que conseguira manter en 2005 e 2009, e forzándoos a unha renovación profunda se queren ter relevancia no futuro (o que non favoreceron os actuais dirixentes da formación); Alternativa Galega de Esquerda dá esperanzas a moitos que pensan que o panorama político pode mudar facéndose con 9 escanos (aínda que o futuro de AGE é incerto, por non ser un partido político, senón unha unión de forzas para concorrer ás eleccións); e o BNG pasou de 12 a 7 escanos, quedando nunha posición moi feble que coa emerxencia de AGE indicaría que os cidadáns non podían depositar a súa confianza no rumbo que estaba a tomar a formación nacionalista.

O escenario político galego vai mudar moito nos vindeiros anos, pois os partidos que queiran optar a ser alternativa do PP terán que gañar credibilidade e solvencia, pois se recibiron tan poucos apoios coa conxuntura económica actual, cando melloren as cousas aínda poderían telo máis difícil. Do que si terían que tomar nota é de que o noso sistema electoral non quere moitos partidos representativos, e así o PP pasou de 38 a 41 escanos levando unha porcentaxe de sufraxios lixeiramente inferior.

ACTUALIZACIÓN (22-10-2013): Ás 1:01 horas confirmáronse os resultados de onte, permitindo facer xa algunhas contas que poden levar a engano, como o volume de perda de votos dos distintos partidos, pois mudou drasticamente o censo galego entre 2009 e 2012, pasando de 2.648.276 votantes a 2.300.336, ou sexa, 347.941 votantes potenciais menos, o que sería unha consecuencia de 2 factores: as defuncións e a emigración. Nas redes sociais hai que se aventura a dicir que este último factor non o quere pór ninguén sobre a mesa, e que prefiren facer unha mala análise electoral a dar conta que a crise está a provocar unha nova vaga migratoria en Galicia.

Deste xeito, a participación non sería tan inferior como denunciaban algúns (pasar do 64,43% ao 63,80% é un descenso insignificante), a caída de 135.493 apoios ao PP sería proporcional ao descenso demográfico, o que non é así co BNG, que caeu 125.323 votos. En números absolutos a forza máis prexudicada foi o PSdeG, con 230.817 votos menos, deixando claro que é precisa unha renovación interna (que dende as bases xa querían facer antes das eleccións, pois boa parte das bases non querían apoiar a Pachi Vázquez). Vaia, que tanto BNG coma PSdeG deberán analizar as causas que os levaron a esta situación, que está claro que non foi a conxuntura económica actual (que cos recortes debería ser favorable a unha  proposta de cambio).

Gustaríame destacar un detalle que moitos parecen obviar: que o PP manteña a súa proporción de votos parece indicar que os seus votantes non se limitan a anciáns e xente do rural como queren dar a entender algúns, senón que están repartidos de xeito bastante uniforme por todos os grupos demográficos. Parece así que 4 de cada 10 galegos é afín ao partido popular, e aínda que non sexan máis da metade da poboación, ao existir máis dunha forza de esquerdas, é moi complicado apartalos do poder agás que se chegue a un nivel de desencanto que polo momento non chegou , especialmente porque o mal recordo que para moitos quedou do bipartito deu lugar a unha resistencia ao cambio. ¿Mudará algo en catro anos? Como mínimo, mudarán os candidatos, polo que se algo teremos seguro é movemento na vida política galega nos vindeiros meses.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS