Windows volve con forza, pese ao que digan algúns

Non entendo como algunhas compañías deixan falar publicamente aos seus directivos, porque chegan a dicir auténticas barbaridades. Sobran as veces que Steve Ballmer fai un comentario que provoca numerosos...

Non entendo como algunhas compañías deixan falar publicamente aos seus directivos, porque chegan a dicir auténticas barbaridades. Sobran as veces que Steve Ballmer fai un comentario que provoca numerosos rumores, e logo resulta que era unha metedura de zoca do máximo responsable de Microsoft (que non esquezamos que non é de perfil técnico como Bill Gates).

[content_right title=”Marc Benioff, CEO de Salesforce”][pullquote]Windows é irrelevante[/pullquote][/content_right]Pero agora é Microsoft que ten que afrontar certas declaracións na súa contra, da boca, nin máis nin menos, que do director xeral de Salesforce, Marc Benioff, que non se lle ocorreu outra cousa mellor que dicir que “Windows 8 é un gambito” (ou sexa, unha especie de arroutada de Microsoft para saír ao paso) rematando a faena engadindo que “É a fin de Windows… Windows é irrelevante”. ¿Como é posible que un alto directivo dunha das compañías máis importantes dos sector tecnolóxico poida dicir unha barbaridade así? Quero entender que estamos ante unhas declaracións para dar a nota e saír nos medios, porque doutro xeito non tería explicación que ocupase tal posto de responsabilidade.

Dicir que Windows é irrelevante é como dicir que agora que están de moda as enerxías renovables o petróleo non pinta nada. Aínda que na prensa e nos mercados bolsistas estea a premiarse actualmente a Apple no ámbito do hardware e a compañías de servizos baseados na Internet (que está por ver se non son outra burbulla tecnolóxica), Windows segue a ser omnipresente. Pode que hoxe dean máis cartos os smartphones, e que nese ámbito Microsoft non conseguise despuntar (aínda), pero do que non hai dúbida é de que nos escritorios informáticos Windows é o rei, funcionando en máis do 90% dos equipos (incluso moitos Mac teñen Windows instalado como S.O. secundario), e incluso o Microsoft Office é unha das ferramentas máis empregadas do mundo. De feito, para moitos as únicas aplicacións necesarias nun ordenador son o navegador de Internet, o Word e o Excel.

Windows non estará de moda, pero segue a ser o sistema operativo de referencia e, de feito, Windows 7 é a versión do S.O. de Microsoft de adopción máis rápida, atraendo non só aos usuarios de Windows Vista, senón tamén a moitos que quedaran ancorados en Windows XP. Non hai motivos para que con Windows 8 non volva a pasar o mesmo, especialmente porque o sistema consegue funcionar mellor. O único atranco que ten Windows 8 é que mudou as cousas de sitio con respecto ás versións anteriores, e engadiu un escritorio principal novo (do que pode pasarse olimpicamente se queremos, pero ao que cómpre ir afacéndose) que nun principio provocará rexeitamento (como acontece con todos os cambios) pero que é un paso de xigante na integración de ordenadores, tablets, móbiles e consolas.

Estou convencido de que Microsoft vai recuperar moito pulo no remate do presente ano, e que durante 2013 a compañía vai ter moito que dicir. A compañía está a aproveitar a boa acollida da súa consola de videoxogos doméstica Xbox 360 (que é a grande vencedora da presente xeración con 70 millóns de unidades en todo o mundo e unha elevada facturación en xogos e outros servizos asociados, o que non pode dicir a Wii pese a vender moitas máis consolas), e procura levar as chaves deste éxito a móbiles (Windows Phone) e a ordenadores e tablets (Windows 8 e Windows RT), nunha revolución que comezará os días 26 e 29 deste mes, e que está a causar grande expectación.

Por unha banda hai moita xente que, despois de probar Windows 8 (está dispoñible unha versión de proba de balde coa que poder xogar para comprobar a compatibilidade do noso software e hardware e a súa mellora en velocidade) convéncese ao momento da súa excelencia e incluso demora a compra de ordenador para pillalo co novo S.O. (aínda que a actualización dende outros Windows sexa moi barata); logo temos os que buscan un tablet, que ao ver que o vindeiro venres van saír unha chea de dispositivos tipo iPad como o Surface de Microsoft (que está a esgotar as unidades de reserva en varios países na súa versión con Windows RT) están a contemplar a posibilidade de apostar por Windows RT (un Windows 8 limitado para tablets) ou incluso por Windows 8 Pro (nos tablets máis potentes poderanse executar aplicacións completas de Windows, pois estariamos ante ordenadores completos); e, finalmente, no mundo dos móbiles parace estar a callar a idea de que Windows Phone 8 é unha proposta interesante, que grazas ao atractivo de móbiles como o Nokia Lumia 920 (que nas tendas de The Phone House de Francia xa recibe máis reservas que o iPhone 5) pode conseguir gañarse unha posición no mercado que se ben non poderá superar a Android (pois a cantidade de terminais baixo a plataforma promovida por Google é astronómica, e inclúe móbiles relativamente baratos como o Samsung Galaxy Mini, supervendas en España) pode converterse na opción preferente de quen queira ter un móbil conectado á Internet pero queira fuxir das complicacións de Android. A Apple non a metería aínda na ecuación, pois é de esperar que durante un par de anos manteña o seu pulo por mera inercia, aínda que dá a impresión de que a compañía está a perder boa parte da súa maxia, percorrendo camiños que no seu día Steve Jobs marcara como errados.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...