Mirando ás eleccións do vindeiro domingo

Onte publicáronse as últimas enquisas sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro domingo, contrastando moito os resultados segundo o medio no que os consultemos, coincidindo todos na...

Onte publicáronse as últimas enquisas sobre as eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro domingo, contrastando moito os resultados segundo o medio no que os consultemos, coincidindo todos na vitoria do Partido Popular, aínda que nalgún caso poñan en dúbida a súa maioría absoluta.

Resultados da enquisa diaria de La Voz de Galicia

Coido que o rigor deste tipo de consultas é mínimo, resultando especialmente rechamante que a enquisa diaria de La Voz de Galicia chegase a reflectir bailes de ata 2 escanos no caso do PP e de 4 escanos no caso de Alternativa Galega de Esquerdas, algo que resulta moi difícil de crer pese a soster que a bolsa de indecisos sería do 37,4% e o das abstencións declaradas do 17,5%.

Comparativa dos resultados electoriais entre 2009 e a enquisa publicada pola Cadena SER

No xornal de Sabón non hai dúbidas sobre a maioría absoluta do Partido Popular e debuxan un escenario no que o PP levaría 39 escanos, o PSdeG 21, o BNG 10 e Alternativa 5, o que dista bastante dos estudos demoscópicos de My Word para a Cadena SER, que cifra os resultados para o PP en 37-38 escanos, o PSdeG con 19-20 escanos, o BNG con 11-12 escanos e Alternativa con 6-7 escanos. Nesta caso paréceme que xogaron con algo de trampa, pois colocan as cousas nunha situación na que case é imposible errar: o PP ou gaña ou perde. ¡Así tamén acerto eu! Pero o que paréceme moi esaxerado e entender que Alternativa pode chegar ata a 7 escanos, pois a Lei D’Hondt fai moi complicado que unha cuarta forza cobre tal peso.

A min dáme a impresión de que o PP vai manter a súa posición actual no Parlamento galego, en boa medida por carecer dunha oposición forte, cun PSdeG que vai caer bastante (lembremos que non celebraron as primarias previstas e que a súa candidatura converteuse en case unha depuración, o que deu unha imaxe moi mala do seu candidato), un BNG que aínda que actualmente presuma de que as enquisas aseguran que manterán o seu número de escanos parece que quere enganarse a si mesmo, e unha Alternativa Galega de Esquerdas que é toda unha incógnita, e que o tempo dirá se é un proxecto a longo prazo ou unha simple unión temporal de forzas. Do que non parece haber dúbidas é de que o partido de Mario Conde vai resultar totalmente irrelevante, o que parece indicar que os galegos non somos tan parvos como nos queren facer quedar en moitas ocasións.

O domingo procurarei facer un repaso dos resultados, detallando os de Melide, nos que teño certa curiosidade, non polo número de votos que recibirá o PP (que serán moitos), senón sobre o reparto da bolsa de votos nacionalistas entre o BNG e Alternativa.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS