A privacidade de Facebook explicada en 2 palabras

Estes días montouse un rebumbio sobre un suposto fallo de seguridade en Facebook que facía que as mensaxes privadas dos seus usuarios dos anos 2007-2009 aparecesen na súa Cronoloxía...

Estes días montouse un rebumbio sobre un suposto fallo de seguridade en Facebook que facía que as mensaxes privadas dos seus usuarios dos anos 2007-2009 aparecesen na súa Cronoloxía de xeito visible, bola de neve que principiou no diario francés Metro, [MODO IRÓNICO ON] toda unha referencia á hora de dar información tecnolóxica e de contrastar a información que publica [MODO IRÓNICO OFF], o que provocou que moitos outros medios de comunicación desen credibilidade a un simple bulo.

Grave foi que o diario El País chegase a publicar a falsa nova na súa portada, e que aínda hoxe non corrixe a nova ao respecto na súa páxina web. De feito, a redactora do artigo asegura en Twitter que na súa Cronoloxía apareceron  mensaxes de amigos que “tiñan pecho” (algo que dubido moito, principalmente porque o pecho de privacidade apareceu na primavera de 2009, ou sexa, despois das mensaxes ás que a xente está a facer referencia).

Peor aínda foi o de FACUA-Consumidores en Acción, entidade que asegurou que vai denunciar a Facebook ante a Axencia Española de Protección de Datos, pese a carecer de ningunha evidencia, o que me lembra a cando Prodeni denunciou a Antena 3 polo programa Sorpresa, sorpresa no que se emitira unha curiosa secuencia na que saían Ricky Martin, unha menor de idade, un can e un tarro de marmelada (Nocilla ou calquera outra sustancia comestible segundo quen o conte).

Curiosamente estamos ante un caso igual que o de Ricky Martin: xente fiándose da súa falsa memoria para lanzar acusacións igualmente falsas. Cando miramos na Cronoloxía de Facebook en mensaxes vellas veremos que as anotacións dos nosos amigos no noso Taboleiro de 2007, 2008 e parte de 2009 poden parecer privadas, pero resulta que sempre foron públicas porque daquela Facebook funcionaba dun xeito diferente e as conversas eran de Taboleiro a Taboleiro. De feito, todas esas mensaxes están accesibles dende a súa publicación, só que agora é máis doado mergullarse en vellas publicacións no noso taboleiro porque agora temos atallos para ir anos atrás. De feito, Facebook tivo un longo proceso de migración de perfís de usuario á vista de Cronoloxía que incluso permitía un período de graza para poder tanto destacar como ocultar informacións publicadas a través dos nosos perfís, pero a xente pasa olimpicamente dos cambios porque parécenlle feos, e logo protestan cando deixan que os pille o touro. Non podemos dicir que os de Facebook non se puxeran pesadiños recomendando migrar á Cronoloxía/Biografía/Timeline, e que ao facelo instasen a seguir certas recomendacións (que a xente pase delas é outro cantar).

Despois de toda esta parrafada, ¿por qué digo que todo este enredo podía explicarse en dúas palabras? Coido que con imaxes vese mellor. Velaquí o que vemos en Facebook cando queremos enviar unha mensaxe privada a un amigo:

Cando remitimos algo a un taboleiro o cadro de diálogo é diferente:

Si, todo queda en 2 palabras. ¿Tan difícil é distinguir entre enviar e publicar? ¿É preciso consultar a palabra publicar no dicionario para saír de dúbidas do que supón premer tal botón? Ai, se os de Barrio Sésamo levantasen a cabeza…

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS