Un ano máis comunícanme que o vindeiro venres vai celebrarse en Melide o xa consolidado Campionato de Tirapedras, que nesta ocasión terá lugar na Praza das Coles:
Por sexto ano consecutivo, o casco histórico da vila de Melide será o escenario de actividades de posta en valor dos xogos tradicionais, recuperando algúns dos seus espazos públicos a súa función ancestral de espazos de xogo, aínda que só sexa por unha horas.
O acto central será o VI Campionato de Tirapedras da Galiza Central, unha proba que se celebrará o venres, 17 de agosto, a partir das 11.15 h. na Praza das Coles. Na edición de 2011 participaron un total de 38 tiradores e tiradoras, pero na presente edición todo indica que o número de concursantes vai ser superior, dada a expectación creada. Basicamente, cada competidor dispoñerá de seis lanzamentos contra dúas dianas (de diferente valor –e dificultade- cada unha delas). Ao final, as tres persoas que acaden as máximas puntuacións en cada categoría serán as gañadoras.
No Campionato non existe distinción por sexos, aínda que si por idades. Os nenos/as de entre 8 e 14 anos lanzarán a unha distancia duns cinco metros e terán os seus propios premios. Os maiores desa idade, lanzarán a uns dez metros. Debe terse en conta, así e todo, que nos xogos tradicionais as regras foron sempre acordadas antes de comezar cada xogo; precisamente por iso a organización tratará de respectar os puntos de vista consensuados entre os participantes antes de comezar a competición, razón pola cal as distancias poderán ser levemente modificadas, segundo as dificultades que se observen nas tiradas de adestramento.
O evento está organizado pola Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional, entidade que leva desenvolvidas ao longo de toda a xeografía galega máis de 300 actividades de divulgación do patrimonio lúdico tradicional. Na presente edición o Campionato conta co patrocinio da Adega O Mandil, e co apoio do Concello de Melide e da Sociedade de Pesca Deportiva Ponte Mazaira.
Eu non estarei pola vila ata o día seguinte, pero atendendo aos precedentes, espero poder seguir o evento pola televisión. 😀
Debe estar conectado para enviar un comentario.