As exposicións de Batman e Frank Quitely en Viñetas

Esta tarde baixei ata PALEXCO para poder asistir á visita guiada da exposición sobre Batman que alí había, e teño que admitir que levei xusto a impresión contraria que...

Orixinais de Batman no PALEXCO
Esta tarde baixei ata PALEXCO para poder asistir á visita guiada da exposición sobre Batman que alí había, e teño que admitir que levei xusto a impresión contraria que coa exposición de Dragon Ball que vin onte, pois a variedade e a calidade dos contidos que podían verse alí era impresionante.
Michael Kompa e Carlos Portela
Alí estaba Michael Kompa, o comisario da exposición, que explicaba cada un dos orixinais expostos coa axuda de Carlos Portela, que traducía ao español as súas palabras e engadía algún comentario da súa colleita.
Tiñamos alí preto de medio cento de orixinais, a meirande parte en branco e negro, que ilustraban tanto etapas clásicas do gardián de Gotham como pezas máis modernas (algunha ilustración tiña só 2 anos). Como curiosidade, ata había unha pequena ilustración do creador de Batman, Bob Kane, aínda que moitos de seguro que gozaron moito máis co feito de poder ver unha portada rexeitada de Alex Ross (na que se homenaxeaban momentos moi recoñecidos do Señor da Noite):
portada rexeitada de Alex Ross
Pero unha das curiosidades da mostra de material de Batman é que xurdira no Festival do Cómic de Múnic de 2011 e revisouse para Viñetas co gallo do 70º aniversario do batmóbil (celebración que coido que está mal datada, pois Batman xa utilizaba un coche na súa primeira aparición en Detective Comics), o que puido notarse nun par de láminas de Matt Wagner nas que aparecía o vehículo, pero tamén no merchandising que podía verse no recinto, entre os que destacan moitas figuras de grande calidade, que engadían moito atractivo á exposición, especialmente para o público que non está moi afeito ao mundo do cómic.
Figura de Batgirl en Viñetas
A colección de pequenos batmóbiles de Kompa ten bastante mérito, pois el mesmo recoñeceu que comezou a adquirilos hai pouco (pensando na mostra), e coido que quedaron eclipsados polas distintas figuras de Batman que estaban expostas, recollendo distintas etapas da historia do Cabaleiro Escuro e reflectindo en varios casos historias moi concretas (están as figuras de The Dark Knight Returns e a de La Broma Asesina, por citar un par).
Ah, si, e tamén podía verse a Batgirl de Bruce Timm, autor do que tamén había unha ilustración en cor que deu lugar a unha instantánea que casualmente saíume moi blogomilleira: 😉
momento blogomilleiro
Michael Kompa tamén coincidiu en destacar que Timm é unha das figuras máis importantes na historia de Batman, pola repercusión que conseguiu a súa serie de animación, á que debémoslle moito.
Cando estaba fronte a ilustración de Timm Bruce un asistente preguntoulle polos seus ilustradores de Batman favoritos, ao que Kompa respondeu destacando a Neal Adams como o autor de referencia, ao que seguirían outros como Brian Bolland e Jim Lee.
Exposición de Batman en PALEXCO
Tras a experiencia da visita guiada só podo recomendar a exposición como unha oportunidade magnífica para ver orixinais moi representativos da historia de Batman, entre os que non faltan Breyfogle, Byrne, Mignola, Chaykin ou Sale. Difícil será volver a ver unha colección de orixinais tan completa.

E xa que estamos con Batman, e hai poucos días puxen un par de parodias do tema Call Me Maybe de Carly Rae Jepsen, toca agora pór aquí un novo vídeo musical que aproveita o tema musical para parodiar unha escena da película The Dark Knight Rises: 😀

Ver letra da canción ▼

Exposición de Frank Quitely

lápis de All Star Superman
Ao ser Frank Quitely un dos autores convidados a Viñetas desde o Atlántico era obrigado contar cunha exposición dos seus orixinais, e podemos dicir que estamos ante una selección moi completa pois conta con numerosas páxinas publicadas en Electric Soup e Judge Dredd Maazine (material relativamente pouco coñecido) xunto con pezas de obras máis importantes (The Authority, Flex Mentallo, New X-Men, We3…), entre as que non faltaban 3 páxinas completas da que hoxe é a súa obra de referencia, All Star Superman.

Os Eternos por Frank Quitelly
Aínda que a ilustración da que máis gustei foi sen dúbida a dos Eternos de The Sandman: Endless Nights. Pero posiblemente o máis interesante da mostra é que non estamos ante unha selección de material de segunda (como acontece con moitos autores cos que só están dispoñibles orixinais de obras menores e correspondentes a páxinas difíciles de identificar) senón que é unha mostra bastante representativa da obra de Quitely.

O ambiente da feira hoxe

Viñetas desde o Atlántico o mércores
Quixera concluír que no Rúa da BD hoxe foi o día no que, pese a circular bastante xente, parecía que había menor actividade, cando menos ao que se refire á compra de comics, aínda que tal sensación é normal tendo en conta que onte o bulir da xente era brutal. Esperemos que de cara á fin de semana o evento recupere pulo e rematemos todos cunha boa lembranza dunha edición de Viñetas que coido que xa pagou a pena pola exposición de Batman e o feito de que convidaran a Quitely.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS