O Señor da Noite érguese

Tras ver The Dark Knight Rises teño sensacións enfrontadas: por unha banda a película non é o desastre que agardaba (aínda que non estea á altura das 2 entregas...

Batman
Tras ver The Dark Knight Rises teño sensacións enfrontadas: por unha banda a película non é o desastre que agardaba (aínda que non estea á altura das 2 entregas anteriores) e, por outra banda, pecha bastante ben a triloxía de Christopher Nolan. E precisamente isto último é o que máis me sorprende do filme, porque chegado o momento enténdese a triloxía como un todo, e iso agradécese.
Bane contra Batman
A película combina varios argumentos do cómic (La Caída del Murciélago, Tierra de Nadie e algúns detalles de varias aventuras de Catwoman) co acontecido nas dúas entregas anteriores, construíndo algo sólido, aínda que con carencias. Posiblemente a película intentou ser demasiado grande: moita duración (da película, que non da acción, que transcorre en 2 ou 3 días separados por un lapso de varias semanas), moitos personaxes (as ligazóns persoas que se establecen entre persoas que acaban de coñecerse carecen de credibilidade), multitude de cameos (poderiamos dicir que só faltou Heath Ledger por motivos evidentes, e incluso fan acto de presenza algúns personaxes que non se poden citar sen facer un spoiler), demasiadas explosións… e curiosamente, moi pouco Batman. Ao final, de querer ver unha boa película de Batman, habería que quedar coa primeira entrega da saga.
Bane
Coido que o principal fallo de The Dark Knight Rises é o antagonista de Batman, Bane, que no cómic era un personaxe bastante patético (ata se fixo dos bos para intentar atoparlle sitio en distintas coleccións) e claramente non estaba á altura de Ra’s Al Ghul, Joker e Dúas Caras, pero supoño que o elixiron porque Riddler, o Pingüín ou Mr. Freeze resultarían tan lamentables como nas películas anteriores. Probablemente se elixisen un malo pouco coñecido (a galería de viláns de Bats é inmensa) e unha historia máis modesta, podería saír a cousa mellor (por exemplo, o Espantallo de Batman Begins foi todo un acerto).
Catwoman
Tamén podemos dicir que Catwoman forma parte desta produción para que Anne Hathaway faga de bonito floreiro enfundada en coiro, aínda que tampouco é que amosase moito a súa sexualidade máis aló da súa indumentaria. Vese que non era por aí por onde quería ir Nolan (nas outras películas tamén fuxiu de personaxes como a Vicky Bale de Kim Bassinger, a Catwoman de Michelle Pfeiffer ou a Poison Ivy de Uma Thurman), e case apostaría algo a que Hathaway está nesta obra por motivos comerciais (para saír nos carteis, vaia).
Bruce Wayne
Pola contra, Christian Bale, Gary Oldman, Michael Caine, Morgan Freeman e mesmo Joseph Gordon-Levitt están espléndidos nos seus papeis, cada un cos seus grandes momentos. Case é unha mágoa que non continúen coa saga, pero posiblemente sexa mellor así. Terei que agardar un tempo para poder valorar esta triloxía con perspectiva, pero polo momento quedo con que estamos ante un bo peche de saga, algo que é moito menos frecuente do que debería. Saber pór un final a unha historia é algo que cada vez agradezo máis en cine e televisión, e Christopher Nolan soubo dar unha lección sobre como facelo ben (aínda que moitos poidan discrepar ao ver os últimos minutos da película, pero iso xa sería cuestión de gustos).

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS