Se non o vexo, non o creo. Despois de 20 edicións da Festa do Melindre, evento que parecía estar condenado a desaparecer, pois partía dun prantexamento moi limitado (o melindre é un produto que elaboran 4 establecementos locais, polo que a súa festa parecía limitarse a unha ringleira de casetas un domingo), pero que finalmente soubo reinventarse nunha entrega tan tardía.
Desta volta a Festa do Melindre tiña un programa de actos bastante completo, casetas con produtos tanto do contorno melidense como de fóra de Galicia (o que achegou moita vida ao evento) e incluso tivo bastante publicidade nos medios de comunicación, nos que se falou da festa durante varios días tanto a través de cuñas como con entrevistas. Dá a impresión de que se tomaron a organización da festa moi en serio, en boa medida para conseguir o recoñecemento de Festa Galega de Interese Turístico.
Non podemos esquecer que ao éxito da presente edición da Festa do Melindre tamén contribuíu de xeito decisivo o bo tempo, de xeito que tivemos unha afluencia de xente realmente impresionante.
O labor de conducir a cerimonia central da Festa do Melindre recaeu en Marta Landín, a quen tivemos lonxe da pequena pantalla galega durante anos, por desenvolver a súa profesión en Telemadrid, pero que continúa facéndoo igual de ben ao conectar co público da nosa terra. Incluso podedes comprobalo nalgunhas das gravacións que figuran en Ustream, plataforma que serviu para seguir o evento en directo a través da Internet.
Non faltou ao evento o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, quen así amosou o seu apoio a esta festa, que pon en valor este doce tradicional, promovendo ademais o turismo na zona.
E si, xuntouse moita… moita xente. Incluso era difícil moverse entre a multitude, o que curiosamente era algo do que estar contento, pois tras 2 décadas de decepcións a festa superou todas as expectativas, adoptando unha fórmula que agardemos que continúe a trunfar en vindeiras edicións.
Radio Galega
De 12:00 a 14:00 horas o programa Come e Fala da Radio Galega, presentado polo simpático e sempre amable Xosé Manuel García, foi narrando en directo a celebración na nosa vila, alternando discursos das autoridades con entrevistas, publicidade que agardo que beneficie enormemente á repostería, a hostelaría e o turismo na zona.
Televisión de Galicia
A radio non foi o único medio que se achegou á nosa celebración gastrónica, senón que o evento incluso serviu para abrir A Revista Fin de Semana da TVG:
Como ben puidéchedes ver, este ano tampouco faltou o noso benquerido Chicho no posto do Estilo.
Os de A Revista retomaron a festa melidense durante o programa dun xeito máis larpeiro:
E para rematar a cobertura televisiva, o Telexornal do mediodía tampouco faltou á Festa do Melindre:
Maruxas de nata
Tras dar un paseo polos stands, fixen unha pausa no de Marta Álvarez, a quen coñecín Granxa Maruxa son unha delicia. Nin que dicir que na miña casa as tomamos de sobremesa xunto cuns melindres.
Pero por se non coñecedes a historia de Marta, velaquí o seu maxistral relatorio no TEDxGalicia:
Coñecer a historia de superación de Marta Álvarez contribúe a ver dun xeito aínda mellor as súas galletas de nata, que levaron a ser rendible a súa explotación agraria, e a crear un produto recoñecible en toda Galicia. Esperemos que a repostaría melidense poida seguir eses pasos, e que a nosa comarca non sexa recoñecida só polo queixo.