Onte celebramos no Audiotorio da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura o 10º aniversario da edición impresa de Código Cero e o noso I Foro Tecnolóxico, un encontro do sector tecnolóxico no que tivemos a honra de contar con representantes das principais asociacións das TIC, dos departamentos da Administración relacionados con este ámbito, así como moitos outros profesionais e amigos que quixeron acompañarnos na festa.
A colaboración do sempre divertido e orixinal Xavier Alcalá tamén foi un luxo, aínda que admito que sempre que o penso resúltame curioso compartir conversas e comentarios cun autor do que tiven que ler un libro cando ía ao Instituto (A Nosa Cinza). 😉
Dende aquí quixera agradecer a asistencia a quen se achegou á xuntanza, entre os que non faltou a presenza melidense da man de Javi Mouriño (Intermax) e Santos López (concelleiro de Promoción Económica que desta volta quixo facer de embaixador da Festa do Melindre).
Fíxome especial ilusión que se achegasen Sabela Barreiro e Xurxo Méndez, de GalApps, a quen non coñecía en persoa, e dos que sempre é unha honra falar nos medios de comunicación, pois fan un grande labor de normalización lingüística coas súas aplicacións móbiles.
Tamén quixera agradecer á CRTVG, pola cobertura que fixo do acto tanto en radio como en televisión:
E o mesmo teño que dicir dos compañeiros de El Correo Gallego, que hoxe dedicáronnos unha páxina:
O I Foro Tecnolóxico de Código Cero avala o forte impulso e futuro das TIC
A revista galega con sede en Santiago celebra dez anos de actividade
O número de empresas deste sector TIC creceu nun 7,4%
A primeira edición do foro da revista galega de novas tecnoloxías Código Cero, que vén de cumprir dez anos de traxectoria, contou onte coa presenza na Cidade da Cultura Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) nunha mesa compartida xunto o escritor e colaborador desa publicación Xavier Alcalá e Marcus Fernández, co fundador e webmaster de Código Cero.
Pereira recordou que en comparación con outros sectores o sector TIC (Tecnoloxias de Comunicación e Información) ten unha maior capacidade de adaptación e innovación, o que lle facilita a entrada a novos nichos de mercado.
Segundo o Europe’s 500, o ranquin das 500 empresas europeas que máis crecen, o 29% destas compañías pertencen ao sector tecnolóxico. En Galicia o sector tecnolóxico mantén o nivel de emprego e incluso incrementa o número de empresas demostrando a súa capacidade de crecemento e a posibilidade de consolidar un sector estable laboralmente.
No período 2010-2011 o número de empresas do sector TIC creceu un 7,4% situándose nas 1.897 empresas e empregando a preto de 1.900 traballadores.
Entre as fortalezas do sector TIC galego, Pereira destacou que se caracteriza pola compoñente innovadora e a súa capacidade para afrontar importantes proxectos tecnolóxicos.
Neste sentido, indicou que a creación da Axencia para a Modernización e a posta en marcha do CPDI permitirá ao sector público desenvolver proxectos innovadores que contribúan a dinamizar o sector TIC da Comunidade. Tamén lembrou o potencial das universidades e dos centros tecnolóxicos galegos e a súa importante contribución para consolidar o sector tecnolóxico como elemento clave do desenvolvemento económico galego.
Nunha entrevista previa publicada en EL CORREO, Fernández, preguntado pola situación actual en Galicia sinalou: “Temo que a situación non está a altura do agardado. Hai uns anos tiñamos unhas expectativas moi boas, co xurdimento do chamado Blogomíllo e numerosos proxectos de comunicación na lnternet en galego, pero moitos esmoreceron, e agora temos unha importante carencia de contidos na nosa lingua. É un aspecto que temos que solucionar entre todos”.
Moitas grazas a todos. Así dá gusto contribuír á divulgacion das Tecnoloxías da Información e da Comunicación na nosa comunidade.