Xa temos dicionario de galego en liña

A Real Academia Galega (RAG) estreou hoxe páxina web, o que é unha nova moi importante para a nosa lingua, non só porque teñamos agora unha fiestra aberta a...

realacademiagalega.org
A Real Academia Galega (RAG) estreou hoxe páxina web, o que é unha nova moi importante para a nosa lingua, non só porque teñamos agora unha fiestra aberta a unha institución centenaria que serve para visibilizala, senón porque integra un dicionario en liña que agradecerán todos os que escriban en galego e queiran facer unha consulta rápida sempre que teñan un ordenador a man.

Méndez Ferrín
Esta mañá puiden asistir á presentación do novo espazo na Rede, e alí o presidente da RAG, Méndez Ferrín, quixo deixar claro que “hoxe na Academia toca innovar”, propósito que o honra. Temos agora un organismo máis transparente e moito máis visible. Espero que nos vindeiros días os docentes da nosa comunidade se poñan as pilas e empreguen a nova páxina web como unha ferramenta educativa máis, pois os contidos que achega son moi interesantes.

Manuel GonzálezPero resulta evidente que a estrela desta casa da Real Academia Galega na Internet é o seu dicionario en liña, en boa medida por un par de antecedentes:
1- O dicionario en liña que ten a Consellería de Educación fai uso da normativa do galego de 1997, ou sexa, que leva obsoleto 9 anos.
2- O dicionario de Ir Indo na Rede xa non está aberto ao público, senón que precisa de pagamento para a súa consulta.
Agora temos unha ferramenta de balde, actualizada e completísima. Chega con consultar termos como botar para ver o traballo que tiveron que facer dende o grupo que coordinou durante 9 anos Manolo González para ofrecernos esta obra tan boa como próxima.
Un dos detalles que tamén resultan de grande utilidade é a integración do Dicionario de pronuncia, ou sexa, que agora podemos estar certos de se unha palabra ten o pechado ou o aberto ou de como temos que ler complexo, grazas en boa medida ao excelente traballo que fixo o actor Luís Iglesia para pór voz á obra. Iso si, mete algo de medo que sexa Carmelo Matalobos o que fale dende a pantalla do ordenador cando tes algunha dúbida lingüística.

Axeitos
E xa que comento o do ordenador, durante a presentación o académico Xosé Luís Axeitos tivo a ben adiantar que en breve tamén estará dispoñible unha aplicación móbil para facilitar a consulta do Dicionario da RAG e case calquera momento e lugar. Unha grande nova que de seguro será benvida.

Como curiosidade non podo evitar comentar que o novo dicionario permite a súa integración noutras páxinas web, e como mostra, anímovos a consultalo dende esta mesma entrada:

Se queredes, comentade algunha curiosidade sobre as entradas do dicionario. Eu, polo momento, quedei sorprendido ao ver que o tesauro recolle a palabra gazafello (ao igual que os de GADIS conseguiron introducir a palabra greleiro -a), pero deixa fóra a nada insiginificante conachada, que non é precisamente a forma feminina do participio do verbo conachar. 😀

DicionarioGalego no móbil
ACTUALIZACIÓN: A aplicación para móbiles Android de GalApps, DicionarioGalego, vén de actualizarse para soportar a consulta do Dicionario da RAG, de xeito que xa podemos levar o novo dicionario comodamente no peto.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS