Xa está aquí a reformulación de Tierras de Santiago en Terras de Santiago, e aínda que a súa páxina web fique coa marca e o dominio anterior (supoño que solucionarano ao longo da semana), podemos dar a benvida a un novo medio en galego, dirixido por Juan Salgado, e que distribúe de balde 30.000 exemplares nos 25 concellos que consideran que están na zona de influencia de Santiago de Compostela, entre os que figura Melide, de aí que non debera sorprendernos ver nas súas páxinas unha entrevista que fixeron ao xerente de Intermax, Javier Mouriño, que leva dende a nosa vila un interesante proxecto para levar a Internet sen fíos a onde non chega por canles convencionais.
Javier Mouriño: “Queremos atraer máis empresas a Galicia”
– Empresario novo e innovador, é agradable que nestes tempos de crise isto sexa posible…
– Penso que si. Intermax é a empresa que máis tempo me ocupa e na que máis a gusto estou. A cuestión é botarlle ganas e ánimo. O núcleo principal de Intermax está composto por xente moza e con moitas ganas.
– Sobre todo con ganas, que é o máis importante.
– E como con todo. Débeste de fixar un obxectivo que che permita percorrer ese camiño de fins que vas alcanzando. Ao final, vas sumando no día a día; no noso caso, clientes e xente conectada e novos proxectos que levan da man tamén emprego, que é moi importante.
– Non levan demasiado tempo, pero parece que a evolución da empresa é envexable.
– Estamos todos os anos aumentando o número de clientes conectados e número de redes. Ao final, en canto aos usuarios, estamos case todos os anos duplicando o seu número, e seguimos nesta liña. O obxectivo que temos até 2013 sería tentar chegar a toda Galicia.
– Agora mesmo, a cantos concellos chegan?
– Temos concellos das catro provincias, principalmente da Coruña e de Lugo, pero a Ourense e Pontevedra tamén estamos chegando. Alcanzamos uns 40 parques eólicos aos que lles prestamos servizo, e a un morea de torres que están situadas nos montes. O único que fai falla é poñer redes de acceso para que os clientes se poidan conectar con elas.
– Supoño que o tempo lle estará a dar a razón porque cando comezou nesta aventura lle dirían que toleou, ou algo así.
– A verdade é que mo dixeron e mo din case todos os días porque estamos iniciando proxectos novos. Ás veces asusta un pouco todo o que vas facer, pero eu sempre prefiro pensar a curto prazo. É dicir, por exemplo, a nivel de concellos, ir un a un. Neste mes chegaremos ao cliente 10.000 e hai dous anos non pensabamos que poderiamos alcanzar esta cifra.
– Falaba de proxectos en marcha, cales son?
– O principal chámase Lexus. É un servizo de banda ancha especial. Ten como fin atraer empresas de telecomunicacións. Aquí, en Galicia, e no resto de España o ancho de banda é bastante caro. Nós temos unha rede de fibra propia alugada a terceiros que nos permite conexións de 300, 1.000 e 2.000 megas a un prezo relativamente baixo. O que isto permite é que dende pequenos informáticos ou grandes empresas que se dedican ao hostin, a albergar páxinas web, poidan vir para polígonos industriais galegos ou outros emprazamentos calquera montar aquí o seu negocio e cun operador galego. Dentro do segundo proxecto, o que imos tentar é aproveitar piscinas climatizadas de Galicia para albergar estes servidores. Pretendemos compatibilizar o sistema de refrixeración e poñelo coa piscina para que se poida aforrar a metade do gasto enerxético. Por dicilo así, coa auga da piscina imos arrefriar os servidores e cos servidorres quentar a auga da piscina.
– Con que concellos están xa en conversa?
– Pois, por exemplo, en Melide, Santiago, Lugo, Lalín… Aínda así, estamos tentando captar máis empresas que veñan para aquí, de todo tipo. Non ten por qué ser de software. Moitas empresas, ou incluso a propia Xunta, precisan albergar os seus servidores.
– Que papel xogan as administracións nos seus proxectos?
– Temos a sorte de contar con algunhas axudas, pero o noso negocio está baseado en nós mesmos. Tentamos ser eficientes con poucas axudas. Evidentemente, as administracións públicas e as operadoras ou outro tipo de empresas póñense á disposición de terceiras empresas para que as xestionen, pero se lles paga o que é o investimento inicial na rede. A unha empresa como nós élle moi complicado instalar a rede para amortizala e sáelle caro ao usuario final. Aínda así, dentro das poucas axudas que hai agora mesmo, si que contamos con algunhas das administracións.
– Cal sería o terceiro proxecto?
– Chámase Igrexa 2.0. Estamos vixiando e conectando todas as igrexas do rural galego. Xa levamos unhas 20. É un proxecto bastante interesante, porque estamos axudando a protexer o patrimonio eclesiástico.
– Aínda que quede un pouco mal dicilo, veulles ben o roubo do Códice Calixtino…
– A verdade é que, cando foi o roubo, xa levabamos un tempo pensando na idea da Igrexa 2.0 uns 3 meses. Tiñamos solucións de videovixilancia tanto para particulares coma para empresas. E co roubo do Códice intensificouse moitísimo máis.
– ¿Evitaron xa moitos roubos nesas igrexas?
– Eu creo que o noso sistema funciona máis dun xeito preventivo. E houbo casos, non de roubos grandes, pero si de tirarlle das orellas á xente. Pero o noso proxecto vai alén dun sistema de videovixilancia. Permite controlar a igrexa día e noite. As imaxes grávanse no servidor de cada cliente e ten accesos só cando hai movemento. Se non pasa nada, non hai gravación. E, por outra banda, no tema da dixitalización da igrexa, permitimos que o párroco poida tocar as campás dende o seu terminal móbil… É dicir, controlar toda a igrexa sen estar alí. Outro paso máis sería a retransmisión da misa da túa parroquia a través do streaming, de Internet. Grazas a unhas experiencias piloto xa se está a implementar e temos un sistema para permitir que varios párrocos falen entre as igrexas de xeito gratuíto, cunha cámara web e unha pantalla de TV.
– Cal é a resposta dos curas cando se lle propón todo isto?
– Hai de todo… Ao final, ven que se lles facilita o seu traballo. Por iso penso que a aceptación é positiva. Evidentemente, nun mundo tradicional é máis complicado convencer a xente de que a era dixital pode ser positiva, pero estou contento coa aceptación.
– Outro dos proxectos, xa no mundo máis moderno, é o da marcha melidense…
– Efectivamente. No tema da movida, temos colaboracións cun montón de locais de marcha, que nos propuxeron emitir a música a través de Internet, o que se chama a Movida 2.0. Hoxe en día pódese escoitar a través de Internet as sesións de música que pinchan os DJ de Melide. Amais, todos os venres e sábados se emite unha sesión dun local por Radio Melide. Na Internet pódese acceder á música de varios locais dende calquera parte do mundo.
– Está claro que ve vostede negocio en calquera parte…
– A min gústame facer negocio, e tamén xerar emprego. Somos xente que temos ideas e as analizamos até o fondo. Moitas delas, o 90% queda na papeleira. Pero ese 10% sae ben e lévase a cabo en colaboración con outra xente ou simplemente como negocio directo noso para dar servizo aos nosos clientes ou a terceiros, para facilitarlles a súa calidade de vida.
A entrevista de Inés Dopazo a Javier Mouriño emitiuse orixinalmente o venres pasado no programa Preguntoiro de Correo TV: