No momento de escribir estas liñas estou a seguir en directo o evento #NeThinking, que xunta a grandes figuras da comunicación e da industria cultural na Illa de San Simon para debater sobre os cambios que están a provocar as redes sociais, os modelos de negocios da era da Internet, os novos modelos de comunicación, a fiabilidade dos contidos na Rede, os dereitos de autor, a saturación da información… o que supoño que todos coincidiremos en que é algo interesante, pero por desgraza, o número de espectadores que o seguimos a través da Rede está no contorno dos 120 (oscilando 10 arriba ou abaixo). ¿Cómo é posible?
A reducida audiencia en liña do evento debería chamarnos á reflexión porque:
– de terse celebrado o encontro nunha cidade galega, completaría un auditorio con 300-500 asistentes sen moito problema
– de emitirse por algunha desas canles de TDT desaproveitadas que hai actualmente, poderían ter milleiros de espectadores (superando incluso ao 59 segundos deste noite), aínda que dubido que puidese roubar moitos aos preto de 2 millóns que seguen Sálvame diario
– os numerosos asistentes aos moitos congresos de redes sociais e comunicación só en Galicia (e este evento ten proxección estatal) superan amplamente o milleiro, e en moitos casos pagan por asistir.
¿Por qué non hai máis xente seguindo en directo (e de balde) este encontro? ¿Fallou a promoción? ¿Carecemos da cultura para seguir eventos a través da Internet? Sexa como fose, dá vergoña que non haxa máis público atendendo a un encontro deste tipo, e só quero confiar en que esta carencia non sexa da nosa sociedade, porque en caso contrario os foros de debate e reflexión estarían comezando a cheirar a morto. 🙁
ACTUALIZACIÓN: Despois das 19:00 horas, en plena voráxine applemaníaca a audiencia de #NeThinking non dá chegado aos 100 espectadores.