La Voz de Galicia dá un paso adiante e dous atrás na súa páxina web

Hoxe é o día no que La Voz de Galicia estrea nova feitura da súa páxina web, o que nun principio se anunciaba como un acontecemento feliz no que...

Hoxe é o día no que La Voz de Galicia estrea nova feitura da súa páxina web, o que nun principio se anunciaba como un acontecemento feliz no que aseguraban que era unha aposta pola inmediatez e unha mellora da usabilidade do espazo virtual, cun maior nivel de personalización e grandes melloras.
Anuncio da nova páxina web de La Voz de Galicia
Si, como anuncio queda ben, pero a práctica é ben distinta. Temos un novo xornal electrónico no que é certo que hai máis multimedia, o que se nota especialmente nas galerías de imaxes (característica que parece sacada da aplicación para iPad de La Voz), pero parece que as melloras rematan aí, indo todo o demais para peor:
Menú de navegación: Inicialmente a simplificación do menú superior é unha nova magnífica, pois o menú anterior era absurdo, pois ocupaban a metade do espazo contidos (servizos integrados) que pouco ou nada tiñan que ver con La Voz de Galicia e os seus lectores, pero finalmente é o meirande erro do novo molde da web, pois cada vez que vas a unha das seccións quedas encerrado na mesma, de xeito que para saltar a outra sección tes que pasar antes pola portada, o que mata totalmente o concepto de barra de navegación e convértese nun ridículo exercicio de seguir as faragullas de pan coma Hänsel e Gretel.
Pero a cousa tamén é bastante mala no que á selección de seccións se refire. ¿Por qué están destacadas as áreas de Saúde e Emigración e España, Internacional, Sociedade e O Agro están agochadas baixo o apartado de +Máis? ¿Por qué segue ausente a sección de Marítimo? ¿Por qué unha sección bautizada coma O Agro está nun perfecto español? ¿Por qué Xente e Sociedade son seccións distintas?
Deseño de portada: Ao entrar na portada atopamos unha composición a 3 columnas iguais, polo que pérdese o concepto de portada, e non sabes distinguir os criterios nos que distribúen as informacións. No anuncio do novo deseño aparece unha nova destacada a dúas columnas, polo que supoño que o molde que teñen actualmente activo non é o definitivo, o que non me sorprendería tras ver que a sección de blogs aínda ten a cabeceira vella.
O menú dinámico: ter unha barra cos temas do día no menú de navegación é unha solemne parvada, que queda aínda peor cando vemos que os temas aparecen precedidos por un cancelo coma se fosen hashtags de Twitter. Lémbrame aos tempos nos que a xente metía arrobas por todas partes para facerse os modernos.
Na nova web non aparecen as novas ao minutoNovas ao minuto: Que a páxina web actualízase constantemente é natural no medio e non supón ningunha novidade, polo que non sei por qué intentan destacar tal cousa, especialmente porque non hai un recadro de últimas novas nas que poder ver o que foi ese suposto último minuto. Coido que estamos ante un esquecemento, pois no anuncio da web si aparece tal prestación.
Personalización da edición: Xa, xa… pero o recadro de personalización da edición local está no medio e medio da portada, tendo que facer varios desprazamentos de pantalla para chegar alí (está en altura a máis de 2.200 píxeles co comezo da páxina). Vaia, que é como se non deixase personalizar nada, pois unha nova pola que tes que facer scroll entre dúas e catro veces non é de portada nin nada que se lle pareza. Porque se algo conserva a web de La Voz é esa teima de facer portadas xigantes (manía que teñen os medios españois e que atenta ao sentido común, xa que destacar moitas cousas é como non destacar nada).
Contidos: ao movérmonos polas distintas seccións da nova web coido que hai dúas cousas que se lle veñen a un á cabeza: grande e pouco. A este respecto é moi atinado o comentario que fixo Xoan Castro en Twitter:
dentro de 3 anos LaVoz será un Tumblr
Dá a impresión de que a nova política de La Voz de Galicia é reforzar a súa edición impresa e deixar desnutrida a súa versión dixital (á vez que coa boca grande din o contrario). Aínda que falen de renovación estamos ante unha poda, polo que agora só queda agardar a que deixen que a árbore volva a medrar, porque como continúen a mimar só ao xornal dos 130 anos, van seguir o camiño deses negocios familiares que quedan sen relevo xeracional e teñen que pechar. Por fortuna para eles, a fenda dixital aínda é moi pronunciada en Galicia, e terá moito tempo para corrixir erros coma este.

Para rematar quixera dicir que, cando menos hoxe, o funcionamento da páxina web de La Voz de Galicia foi malísimo, o que podería vir provocado polos usuarios que queren ver as novidades que presenta a páxina, pero que posiblemente sexa consecuencia dalgúns dos cambios presentes (o feito de ter que visitar constantemente a portada e que esta recargue de xeito automatico cando a temos aberta poderían ter o seu prezo). E con mal funcionamento refírome a que hai veces que non cargan as páxinas ou cargan parcialmente, o que resultaba especialmente penoso ao intentar ler o xornal na súa versión en galego (que durante boa parte do día era unha invitación a bloquear o acceso a La Voz, pois a web conserva a nosa preferencia e déixanos atrapados nunha serie de páxinas que non cargaban nunca, nin sequera para poder volver á edición en español).
Esperemos que a cousa vaia pulíndose, e co tempo teñamos un medio dixital que se axuste ás demandas do público galego.
ACTUALIZACIÓN (5-1-2011):
A morte de Isaac Díaz Pardo en La Voz de Galicia
Finalmente hoxe demostraron que o novo deseño ofrece a posibilidade de amosar novas destacadas a dúas columnas, aínda que o resto de contidos continúan a parecer dunha importancia uniforme, o que non é moi propio dunha portada.
ACTUALIZACIÓN (10-1-2011): Pensei que os problemas respondían a un mero axuste puntual, pero tras varios días comprobei que o boletín diario de titulares que recibo por correo electrónico carece de utilidade co cambio da páxina web, pois agora xa non remite as novas do día, senón que presenta unha chega de titulares separados por seccións, sen discriminar datas, de xeito que na sección de Santiago, por exemplo, inclúe informacións de ata hai 6 días:
titulares do boletín de La Voz
Tamén comprobei que a sección de Melide leva o mesmo tempo sen incorporar novas cando na edición impresa si publicaron información da vila, o que paréceme un grande erro. Nos últimos anos miraba na edición dixital se saía algo de Melide no xornal para comentalo na casa e agora perdín tal oportunidade (e na Coruña non teño xeito de consultar a edición de Santiago do diario).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS