Nun día triste como este, no que se deu a coñecer o pasamento de Steve Jobs, unha das persoas máis influíntes dos últimos 25 anos, temos que a prensa española centrouse no casamento dunha señora maior, sen ningunha repercusión social máis aló da prensa rosa:
Temos que ir ata EE.UU. para ver como os medios de comunicación non puideron evitar destacar nas súas portadas o falecemento dunha figura moi representativa das TIC tal e como as coñecemos:
Podemos argumentar que a prensa española chegou tarde por un motivo horario, pero iso non é totalmente certo (como demostraron El Mundo e La Voz de Galicia), pois os xornais teñen certo tempo para corrixir as súas edicións a última hora, só que poucos consideraron que a nova fose o suficientemente relevante, mentres que nas emisoras de radio, nas canles de televisión e na Internet foi unha das nova máis importantes e con maior repercusión de todo o ano. Un novo fracaso do papel, que mañá procurarán compensar moitos xornais repasando as repercusións da morte de Jobs, cando todos os seus lectores xa terán coñecido tal información por outras fontes. 🙁
Non é cousa de ser fanboy de Apple, pois hai poucas dúbidas de que as figuras máis importantes do sector nas últimas décadas serían Bill Gates, Steve Jobs, Larry Ellison, Michael Dell, Sergey Brin, Larry Page, Mark Zuckerberg e Jeff Bezos, pero Jobs era o máis mediático de todos eles, atraendo millóns de miradas en cada keynote e apostando por nichos de mercado mal explotados en cadanseu momento, como os reprodutores multimedia portátiles, os smartphones e os tablets.
Apple poderá continuar cos seus éxitos, pero as súas presentacións non volverán a ser igual, como demostraron o pasado martes, de aí que a súa ausencia xa se notaba antes da nova da súa defunción. Jobs marchou, pero deixou pegada.
Debe estar conectado para enviar un comentario.