Hoxe botou a andar unha nova edición de Viñetas desde o Atlántico, inaugurándose o evento oficialmente ás 19:30 horas, e xuntando a moito público nos Xardíns de Méndez Núñez. Este ano destaca entre os convidados o autor de Blacksad (personaxe que conta cunha estatua impresionante na entrada do Kiosko Alfonso), Juan Díaz Canales; e entre as exposicións, coido que as do Palexco serán as máis rechamantes (nos vindeiros días procurarei achegar imaxes).
A verdade é que meteoroloxicamente no podemos queixarnos, pois a semana do cómic na Coruña comezou cun día de sol, pero con certo fresco, o que facía que fose doado moverse pola rúa sen pasar apuros, á vez que tampouco animaba á xente a fuxir á praia, e como consecuencia, veuse máis movemento do habitual nun primeiro día (xa pasaron os anos nos que os primeiros días a xente ía á caza do tesouro).
Non faltaron clásicos das pasadas edicións de Viñetas, como o stand do Xabarín Club, que sempre serve para deixar constancia do impacto que tivo a TVG en moitas das nosas vidas á hora de enchouparnos da cultura popular actual (¿que sería de nós sen esas tardes vendo a Son Goku repartindo leña?).
Tras o éxito do ano pasado, a Asociación Cultural Funcómic volveu a pór á venda as súas orixinais chapas no seu stand, entre as que figuraban cousas tan bizarras como unha imaxe de David Hasselhoff facendo de Nick Fury nunha película para televisión que paga a pena esquecer 😉
Pero este ano Viñetas desde o Atlántico tamén é unha ocasión estupenda para visitar a Fundación Novacaixagalicia, onde está a ter lugar (ata fin de mes) unha exposición de ciencia ficción moi recomendable.
Poder ver unha maqueta da Estrela da Morte é todo un luxo.
Aínda que moitos quedan decepcionados ao ver a auténtica escala da maqueta, de xeito que a xigante estación espacial ten máis pinta dunha bola de petanca 🙁
Tamén hai algunhas ilustracións moi curradas que ilustraron carteis de películas ou portadas de revistas cinematográficas, así como fotografías asinadas e moito máis material de grande interese para os amantes do cine en xeral, e da ciencia ficción en particular.
E precisamente nesa liña está exposto ¡un condensador de fluzo! Si, a fonte de enerxía que permitía ao DeLorean de Regreso al Futuro viaxar no tempo. ¡Frikada máxima!
Aínda que eu admito que boteille o ollo a un anaco de kriptonita. Vou mirar de roubala antes de que remate a exposición, porque se quero conquistar o mundo precisarei dalgo para poder derrotar antes a Superman, ¿non? 😀
Para min foi igualmente impactante poder ver que alí estaba a Máscara de Loki (ou sexa, a de La Máscara, que nada ten que ver coa película de Thor). Se o sei, levo traxe e a canción de Cuban Pete para montar un baile na Fundación.
Pero se tras a ExpoSyfy saídes con medo, tranquilos, que Batman está vixilando dende o alto do Banco Pastor. Ningún mal escapará da súa vista (¿ou iso tocáballe a Green Lantern?).
8 Agosto, 2011
Debe estar conectado para enviar un comentario.