Os pasados xoves e venres tivo lugar a segunda edición do encontro profesional B-web, e o nome do evento facíame lembrar a canción esa que dicía “in every life we have some trouble, if you worry you make it double. Don’t worry, beeee web” (xa sei que a letra non é exactamente así, e que moitos prefiren engadir un “que malo será” ao final), aínda que o certo é que cando andaba polas escaleiras e corredores de EXPOCoruña o que cantaruxaba non era precisamente ese tema:
Pero non era o único tolo polos Angry Birds, senón que dentro do salón profesional de B-web cheguei a pillar xogando en vivo (aproveitando a arquitectura efémera dos expositores) a Josuke (ConfirmSign) e Eva Monroy (Vadanic):
Vaia, que dentro dos eventos formais tamén hai espazo para pasalo ben cos amigos 😉
Primeira xornada moi animada
O primeiro día do B-web foi moi intenso, comezando cunha introdución ao estado da arte por parte de Carlos Blanco (non, non é o humorista galego), unha persoa da que levei unha agradable impresión, pois foi bastante humilde, especialmente en comparación con algúns oradores que viñan do mundo do marketing e están tan afeitos a vender fume que non cando falan cos profesionais do sector non saben deixar a careta na casa.
Unha das cousas que Blanco defendeu no seu relatorio foi a forza do social gaming, e mesmo predicou co exemplo, xa que durante o resto da mañá estivo a xogar ao City Ville mentres escoitaba atentamente os distintos relatorios. Eu temo discrepar con Carlos Blanco sobre o tema, pois dáme a impresión de que os xogos sociais están a repetir a burbulla dos xogos para o móbil (non me refiro aos xogos para smartphone), e non existe mercado para tantos actores como están a xurdir.
Pero se algo hai que destacar da sesión matinal foi a intervención de Luisa Rodríguez Arca, de Inforpress, compañía que levou o Twitter de AENA durante a crise dos controladores aéreos, o que se converteu en todo un exemplo de aproveitamento das redes sociais como canle de comunicación cos clientes.
Coido que nesta ocasión o carteliño do fondo prestábase a facer algunha broma
Pedíronme que gravara a súa intervención, e aínda que a calidade do son é bastante mala, coido que a algún pode interesarlle:
Xa pola tarde, na quenda de preguntas da ponencia de Juan Pablo Bustos (Ubiqua) sobre as aplicacións móbiles, fun un tanto flamer e solteille que practicamente todo o que dixera para aplicacións podería terse aplicado a webapps, aludindo ao caro que resulta desenvolver para varias plataformas á vez, o que iniciou toda unha cadea de intervencións dende o público. Incluso ataquei dando a volta a un dos argumentos que empregaran varios relatores, pois menosprezaban a publicidade na prensa (argumentando que ninguén dos presentes mercara o xornal pola mañá, o que non é moi válido tendo en conta o sesgo da audiencia), e eu dixen que actualmente para unha empresa galega resúltalle máis práctico publicar unha páxina completa en La Voz de Galicia que facer unha aplicación para iPhone que instalen 40 persoas. Non é que estea moi conforme con atacar ao desenvolvemento de aplicacións móbiles, pero parecía bastante evidente que ao formar parte dun estrato social hiperconectado tendemos a esquecer a realidade: en Galicia os medios tradicionais aínda son a canle de comunicación principal, e a fenda dixital está moi pronunciada.
Pero sen dúbida o mellor de todo o B-web chegaría ao pechar a tarde, con Víctor Puig de Overalia, quen explicou varios casos prácticos nos que empresas como Dodot, Tulipán, INDITEX, o Diario AS e Antena 3 pifiárona á hora de protexer a súa reputación na Internet ao non saber atender axeitadamente (en tempo e forma) as crises xurdidas por publicar contidos ofensivos, non respectar os dereitos de autor, manipular información ou realizar prácticas comerciais abusivas.
Houbo momentos nos que Puig parecía estar en El Club de la Comedia, de xeito que os asistentes gozábamos da súa exposición á vez que aprendíamos dos erros alleos. Todo un 10.
Velaquí a súa presentación (aínda que sen a narración de Puig perde moito):
Un dos detalles máis significativos do xoves foi a enorme actividade no backchannel, ou sexa que a xente non paraba de tuitear, polo que ao pouco de comezar o B-web o hashtag #bweb2011 xa era Trending Topic (tema do momento), o que pola tarde converteunos en vítimas dunha vaga de spam. É a primeira vez que vexo tal nun evento tecnolóxico.
Xornada de peche demasiado variada
O segundo día do B-web pareceume que non saíu todo o ben que podería, pois os asistentes comezaron a amosar fatiga e aconteceu algo que tamén acusan moitos outros eventos (como os macroconcertos): actividades paralelas. Así, mentres no auditorio podiamos escoitar exposicións, transcorrían uns obradoiros nos que podíase aprender bastante, e que eran máis interesantes que a meirande parte das conferencias.
Rubén Bastón impartiu un mini-curso sobre a xestión de community management e redes sociais, que convenceu como é habitual (por algo Rubén foi o único orador que repetía da pasada edición do B-web); mentres que Javier Pedreira Wicho repasou a historia de Microsiervos á vez que daba numerosos detalles que axudaban á hora de planificar a creación e administración dun blog pensando na súa explotación comercial. Entre os detalles máis significativos estaban que Wicho non pensa que AdSense sexa o tipo de publicidade máis recomendable para un blog e que a publicidade só é o 60% dos ingresos de Microsiervos (o 40% restante é pola venda de contidos).
Do obradoiro de Francesc Pumarola sobre a estratexia dixital para PEME temo que non podo dicir nada, pois resultoume imposible achegarme (nese momento había moita actividade no auditorio).
Durante a mañá do venres tiveron lugar varios relatorios, e posiblemente o que máis convenceu a todos foi o de Víctor Salgado sobre protección de datos, que pese a non ser o tema que máis interesaba á xente, conseguiu cativar á audiencia, á vez que concienciou aos asistentes sobre a perda de control que temos sobre todo o que publicarmos na Internet.
Xa pola tarde, destacaron unha serie de case studies case todos made in Galicia como Bluguía (un sistema de guías turísticas interactivas desenvolvido en Vigo), a plataforma de distribución de contos infantís interactivos ContoPlanet (actualmente dispoñible como aplicación para iOS, e que é toda unha gozada), a tenda en liña Toupa.net (con produtos culturais galegos) e unha rede social galega para libros (Rede Libros).
Pero o caso de estudo máis polémico foi o de Cabozo, pois Ánxel Folgueira presentou este proxecto no que leva uns anos traballando con Antonio Mariño e, ao carecer dun plan de negocio e de perspectivas de futuro, gañou o rexeitamento e a crítica feroz do público.
Realmente non se trataba de que a xente non gustase de Cabozo, senón que non entendía que tal desenvolvemento puidese ser un exemplo a seguir, dando lugar a unha crispación innecesaria, pero que animou a tarde do venres, como xa pasara o día anterior co debate sobre as aplicacións móbiles.
Alfonso Freire de Lúdica 7 aproveitou a oportunidade para anunciar que en febreiro de 2012 teremos unha nova edición de Compostweets, e continuou rendendo homenaxe aos participantes na edición deste ano a través dun vídeo que para min foi toda unha decepción, pois pasáranse co hype, anticipando que ían facer algo moi especial e resultou ser un slideshow de fotografías que xa vira meses atrás 🙁
De todos os xeitos espero que a vindeira edición de Compostweets sexa todo un éxito e estou desexando ver cómo será o novo formato que teñen pensado para o encontro.
O evento rematou coa mesa redonda Tengo una pregunta de social media para usted, que prometía moito, pero finalmente tivo pouca chicha. Botei en falta que un dos polemistas se indignase, berrase ou ameazase con marchar. ¿Por qué non podemos ter un Sálvame en condicións nun encontro deste tipo? 🙂
Para pórlle a guinda ao pastel do B-web, a xente de Compostweets comunicoume por Twitter que no sorteo que fixeron gañei un xantar e un circuíto termal no Hotel Talaso Atlántico. ¡Menuda potra!