O domingo será a Festa do Melindre

Con tanta precampaña electoral xa esquecía que o vindeiro domingo celebrarase a Festa do Melindre en Melide, como vén de anunciar o Concello na súa web: Melide celebrará o...

Con tanta precampaña electoral xa esquecía que o vindeiro domingo celebrarase a Festa do Melindre en Melide, como vén de anunciar o Concello na súa web:

Melide celebrará o 8 de maio a edición número 20 da Festa do Melindre

Presentación da Festa do Melindre

O actor Manuel San Martín (Manuel Cabanas en “Libro de familia”) será o encargado do pregón ás 12.30h. O Concello homenaxeará este ano o oficio dos telleiros de varias parroquias melidenses. Nestes momentos o equipo de goberno tramita a solicitude do nomeamento de Festa galega de interese turístico para a “Festa do melindre e da repostería tradicional da Terra de Melide”.

O Concello de Melide e a asociación da repostería tradicional da Terra de Melide “Melide, terra doce” presentaron a edición número 20 da festa que homenaxea á repostería artesanal, e que se celebrará na praza do Convento, o segundo domingo de maio, o día 8.

O concelleiro de Promoción Económica, Antonio Díaz, e encargado da organización da festa avanzou que o encargado de pronunciar o pregón (ás 12.30h) será o actor Manuel San Martín, que encarna a Manuel Cabanas na exitosa serie “Libro de familia” que se roda precisamente na praza do Convento de Melide.

Alberto Rodríguez, presidente da asociación “Melide, terra doce”, que aglutina ás catro casas de repostería tradicional de Melide destacou na rolda de prensa que “a festa do melindre consolídase cada ano, e proba diso é que nestes momentos se está preto de acadar a denominación de Festa galega de interese turístico, que servirá para situarnos nos circuítos máis prestixiosos da cultura e o turismo galegos”.

O domingo 8 de maio, dende as 11h da mañá abrirán os stands de artesanía que se colocarán na Rúa Convento. A música poñeraa o pasarrúas da Escola de Gaitas Axóuxere e o grupo “Os melidaos”.

Despois do pregón ofrecerase unha degustación gratuíta dos tres produtos insignia da repostería tradicional de Melide, os ricos, melindres e amendoados, que estarán á venda na praza durante todo o día.

Homenaxe aos telleiros de Furelos, Piñor e O Leboreiro

Durante a presentación do cartel deste ano e da propia festa, Díaz destacou “o carácter cada vez máis profesionalizado da festa, xa que a repostería acada un protagonismo único que se reforza en cada nova edición”. Este ano a organización realizará tamén unha homenaxe a un oficio artesanal propio da Terra de Melide. Nos anos 2008, 2009 e 2010 homenaxeouse ao “latoneiro”, “o tallista de Furelos” e “o ferreiro” de Melide. Nesta ocasión a lembranza aos traballos artesáns estará centrada no oficio dos telleiros, en concreto dos homes e mulleres que traballaban nas telleiras de Furelos, Piñor e O Leboreiro.

O Concello de Melide proxectará durante todo o domingo da festa un documental inédito titulado “As telleiras”, con entrevistas e documentación gráfica cos protagonistas das telleiras de Furelos, Piñor e O Leboreiro. Un día antes, o sábado, o documental proxectarase para os propios veciños destes lugares, na Casa Museo de Furelos (21h).

Ao ver que esta celebración chega á súa edición número 20 non podo facer máis que sentirme vellom aínda que supoño que dentro de 10 anos a festa vai ter bastante coña (XXX). 😛

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS