¿Qué pasa cando unha forza irresistible atopa un corpo inamovible? Hai cousas que non poden pasar, e no mundo da tecnoloxía tamén existen os equivalentes á auga e ao aceite á hora de mesturar trebellos, polo que quixera comentar os casos que puiden ver nos últimos días, e que a máis de algún friki coma min poderá facerlle graza.
Por unha banda, o pasado venres tiven a honra de asistir á fundación da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (AGCCCT), na que distintos divulgadores nos xuntamos para intentar colaborar no futuro á hora de transmitir o coñecemento científico e tecnolóxico á sociedade, e alí pareceume moi curioso que o neurocientífico Xurxo Mariño (a quen moitos coñeceredes do programa Conexións da TVG) tivese un iPhone 4, non porque sexa un teléfono impropio da súa persoa, senón porque o portátil que tiña diante era ¡un IBM! Ou sexa, que en poucos centímetros colisionaban un ordenador de IBM cun sistema operativo de Microsoft cun dispositivo de Apple… só faltaba que Luisa Martínez tivese un móbil con Android (non preguntei) para rematar a escena.
Pero o que vin onte na Coruña aínda foi máis surrealista, pois na presentación de Ovi Mapas 3.6 (nunha viaxa na que nos levaron de María Pita á Torre de Hércules en limusina) puiden ver a unha xornalista facendo algo que normalmente comentabamos a xeito de broma ao falar dos tablets con cámara: botou unha fotografía a un móbil de Nokia co seu Samsung Galaxy Tab de 7 polgadas. O peor de todo é que era baixo a luz do sol (ou sexa, que non se vía nadiña nas pantallas) polo que a escena metía medo (nin que dicir que eu tirei a fotografía polo visor da cámara, xa que era imposible ver nada na pantalla LCD externa).
Dentro da limusina cadaquén tiña un móbil do seu pai e da súa nai, ou sexa, que non faltaban trebellos de Apple ou con Android nun evento organizado pro Nokia, o que dá que pensar. ¿Acaso a propia xente de Nokia era consciente de que para usuarios avanzados apenas tiñan nada que ofrecer? ¿Perdeuse o pudor de amosar un trebello dunha marca ante os seus competidores?
De todos os xeitos, recoñezo que o Nokia E7 sorprendeume agradablemente, cunha pantalla cun magnífico ángulo de visión, bo nivel de brillo, resposta táctil correcta, boa conectividade e un altofalante bastante potente. Segue a funcionar co sistema operativo Symbian (que continúo a pensar que quedou ancorado no pasado) pero mentres non cheguen ao mercado os móbiles de Nokia con Windows Phone 7 parece unha opción atinada (ao parecer está a ter unha demanda bastante elevada), especialmente porque este tipo de terminais tende a contar de boas subvencións por parte dos operadores de telefonía móbil. Ah, e non é moco de pavo o detalle de que a navegación con Ovi Mapas conte con voz en galego (ou permita a súa personalización).
Debe estar conectado para enviar un comentario.