Durante a mañá comentáronme varias persoas a existencia de Pervi.es (incluso citou o tema Xosé Ramón Nóvoa no seu Visionarios del Ciberespacio en RadioVoz), como unha nova plataforma de redes sociais creada dende Redondela por uns rapaces de 15 anos da que falaban en La Voz de Galicia, e eu flipei un chisco porque nunca escoitara falar deles.
Ao ler o artigo en cuestión atopei cousas que cheiraban moi mal como que programaran o sistema en 5 días, así que decidín botar un ollo, rexistreime e comecei a localizar elementos sen traducir do inglés, polo que a cousa parecía clara: non estaba ante un servizo programado en Redondela, senón ante unha instalación puntual dunha solución coñecida coma SocialEngine (da que espero que adquiriran a súa correspondente licenza de uso).
Chegado a tal punto molesteime bastante, pois os rapaces detrás do proxecto realizaron declaracións coma que «Nuestro objetivo es conquistar también el mercado anglosajón. Además, dentro de una semana -avanza Samuel- estará también en gallego y se podrá utilizar incluso en Portugal» ou que garanten «el máximo nivel de privacidad, incluso en las fotos que se suben, algo que ni siquiera Facebook ofrece ahora». Iso é coma se un autor dun blog feito con WordPress comeza a dicir que vai crear un produto mellor que Blogger e que vai superar a xigantes tecnolóxicos cun simple aloxamento web compartido.
Paréceme estupendo que dende Galicia aparezan proxectos interesantes, e que os mozos realicen emprendementos tecnolóxicos, pero vender motos e ir de pantasma pola vida está moi mal. Ese tipo de prácticas só provoca desconfianza no sector TIC, e logo as empresas serias teñen problemas para atopar financiamento porque resulta moi complicado separar o gran da palla.
Espero que Adrián Álvarez e Samuel Rodríguez teñan moito éxito no futuro, pero deberían ser un pouquiño máis humildes e honestos, xa que vendendo motos só poden rematar mal, e aínda que estamos predispostos a descubrir novos Mark Zuckerberg, os espellismos son moi negativos a longo prazo.
ACTUALIZACIÓN: Dende Cabozo tamén están molestos co tema, especialmente polo feito de que en La Voz digan que Pervi.es é a primeira rede social galega.
2ª ACTUALIZACIÓN: Non podo evitar comentar que na redacción do Telexornal da TVG hai xente moi incompetente, pois veñen de cubrir a nova de Pervi, cometendo os mesmos erros que La Voz de Galicia (coma falar de Pervi como a primeira rede social galega ou dicir que o servizo programouse en Redondela), pero con moitas horas de diferencia, e con facer unha simple busca en Google ou Twitter poderían decatarse de que a información que deron carece de rigor.
Tampouco teñen desperdicio os nomes de usuario que poden verse no video coma Jacinto Melapela, Shurperro Te La Mete, Trollaco De San Simón, José María Aznar ou Trolles Everywhere, que deixan claro que boa parte dos novos usuarios de Pervi e xente que está de carallada (creando eventos como quedadas masturbatorias).
3ª ACTUALIZACIÓN: Como era de agardar, dende V Televisión non verifican as informacións publicadas en La Voz de Galicia, e amplían a información sobre Pervi enmerdando máis a polémica:
Que Pervi estea inspirado na película La Red Social demostra a grande orixinalidade do proxecto e que o Adrián non entendeu a película para nada ao dicir que plataformas coma Facebook non se fixan no usuario e pensan só nos cartos (cando no filme amosan xusto o contrario). Non esquezamos que os modelos de negocio de Facebook e Twitter aínda non están moi claros. Amais, dificilmente Adrián e Samuel poden estar a adaptar o servizo ás necesidades dos usuarios cando están ante unha ferramenta prefabricada.
Tampouco entendo que unha empresa ofrecese 1.600 euros por unha copia ¿pirata? dunha aplicación que custa 250 dólares (180 euros). De ser así o mellor sería coller os cartos e correr 😉
Mirando o vídeo de V Televisión vexo que a nova de Pervi foi parar á portada dunha das edicións de La Voz de Galicia:
Ao ver iso retiro todos os meus argumentos desculpando a falta de coñecementos técnicos dun redactor dunha delegación, pois para destacar algo de tal xeito hai que saber o que se publica. Queda claro que esta bola de neve está provocada directamente por La Voz de Galicia, aínda que é moi triste que ao longo do día non rectificaran a información publicada de ningún xeito e contribuísen a soster unha falsidade.
ACTUALIZACIÓN (30-10-2010): En La Voz de Galicia publican hoxe un artigo no que intentan xustificarse, aínda que con pouca fortuna.