Bos Días ao Android (e ao Nexus One)

Esta mañá no Bos Días estiven a amosar o Nexus One a Carlos Amado, Xesús Peleteiro e Laura Casares, para ilustrar as bondades dos móbiles con Android, pero a...

Esta mañá no Bos Días estiven a amosar o Nexus One a Carlos Amado, Xesús Peleteiro e Laura Casares, para ilustrar as bondades dos móbiles con Android, pero a cousa quedou moi incompleta porque non souben planificar ben o tempo e o móbil deume certos problemas por mor da conectividade (ninguén sabía a chave da Wi-Fi do plató e tiven que utilizar a conexión 3G do móbil, que en interiores non é a cousa máis fiable do mundo, de xeito que cousas coma o vídeo de Martín Barreiro en YouTube non puido verse en directo:

O tema daba, coma mínimo, para un programa máis (incluso levaba exemplos de recoñecemento de imaxes e de códigos QR), pero coma o venres que vén vai ser a miña derradeira colaboración no Bos Días (despois comeza a programación de verán) reservaremos o programa de despedida para tecnoloxía máis propia dos meses que teremos por diante.

Non podo evitar comentar que antes e despois da miña intervención de hoxe no Bos Días fixemos varias probas de recoñecemento de voz, e ao dicir Xesús Peleteiro non fallara nin a primeira vez, e precisamente por iso atrevinme a usar o seu nome coma exemplo no programa (de non ser así, diría Carlos Amado, que non ten complicación ao ser un nome que non emprega fonemas galegos).

De todos os xeitos supoño que quedaría claro que pretendía dar a entender que entre un iPhone e un móbil con Android a diferenza é pouca, e que depende do usuario o elixir entre unha opción ou outra, resultando normalmente o Android máis económico e versátil, mentres que o iPhone é máis doado de manexar e conta con maior apoio comercial (polo que para moitos é con diferenza o mellor móbil do mercado).
Eu estou encantado co paso do iPhone ao Nexus One, e nos vindeiros días falarei un pouco máis da miña experiencia co teléfono de Google, aínda que admito que, de recomendar un móbil con Android, quedaría antes co HTC Desire e, especialmente, co Samsung Galaxy S (o máis semellante a un iPhone 4 con Android que podemos mercar en Europa).

Para rematar, quixera dicir que antes de pasar polo plató tiven a fortuna de coñecer a Silvia Penide, e pareceume unha persoa encantadora, e casualmente no meu vello iPhone levaba a súa canción Reventaba, polo que aproveitamos para probar o recoñecemento musical da aplicación Shazam (dispoñible tanto para iPhone coma para Android) que identificou perfectamente o tema musical de Penide, artista que está a preparar un novo disco coma comentou no programa magazine matinal da TVG:

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS