Presentación do libro de Enrique Dans na Coruña

Esta tarde tiven a fortuna de poder asistir á presentación do libro de Enrique Dans que tivo lugar na Casa del Libro do centro comercial Dolce Vita, lugar ao...

Presentación do libro de Enrique Dans
Esta tarde tiven a fortuna de poder asistir á presentación do libro de Enrique Dans que tivo lugar na Casa del Libro do centro comercial Dolce Vita, lugar ao que teño serias dúbidas de se volverei a un acto semellante ante o difícil que era seguir a presentación co rebumbio que había (escoitábase máis alta a megafonía que había no exterior con música a todo trapo).
O evento abriuno Moncho Núñez, considerado o pai dos Museos Científicos Coruñeses e actual director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía. Núñez comezou comentando a súa visión particular da evolución dos ordenadores dende os anos 60-70, para pasarlle logo o relevo a Dans, quen practicamente fixo un resumo do seu libro.
O libro de Dans e o da súa mullerPuidemos escoitar a Enrique dicir cousas coma que en España no tenemos nativos digitales, sino huérfanos digitales, porque muchos padres no se enteran de qué va la Red coma recolleu Nacho de la Fuente en Twitter, ou sexa, que aparte da mera divulgación, buscouse conectar co público con certo humor e proximidade, conseguindo que a media hora da intervención de Dans non resultase pesada.
Despois chegou unha quenda de preguntas nas que Víctor Salgado preguntou a Dans polo modelo de explotación musical que trunfará na Rede (¿iTunes ou Spotify?) e con diplomacia respondeu que ambos; Nacho de la Fuente tamén preguntou sobre o futuro dos medios, ao que Dans respondeu que o iPad non é a solución, e que é preciso atopar argumentos para que o usuario queira pagar (a chave está no valor engadido); tamén houbo quen preguntou se algún día sairán coa súa os Aliertasou as Sindes, ao que Enrique contestou que poden ter éxitos a curto prazo, pero que a medio prazo non teñen nada que facer, o que resulta evidente para calquera que lera Todo va a cambiar, pois o autor insiste moito na disrupción.
Dedicatorias de Enrique Dans e Susana AloseteDespois, comezou a sesión de sinaturas, na que, antes de abordar a Dans, asaltei á súa dona, Susana Alosete, pois hai moito que tiña un libro seu, e coma non o presentara en Galicia, quedara sen marcar. A Enrique, en cambio, pedinlle que me fixera unha dedicatoria con DRM (en referencia á polémica suscitada por Joan Planas e que pareceume bastante absurda, pois libre e gratis só son sinónimos en inglés).
Ao final, o mellor do evento foi quedar de palique, coincidindo Pablo Roca (autor do primeiro xogo galego para iPhone), Víctor Salgado, Nacho de la Fuente (¡por fin vino en persoa!), Javier Pedreira Wicho e un servidor, entre outros, e incluso puidemos presenciar como Enrique Dans sacaba o seu flamante Nexus One novo do peto. Tiven o móbil na man, e puiden comprobar o seu tacto, que resulta agradable pero non notei que fose especial (ao parecer ten un recubrimento de teflón, que o diferencia especialmente de terminais coma o HTC Desire).
En definitiva, unha boa experiencia para rematar o día. Ah, e o libro é moi recomendable para calquera que guste da divulgación científica e de ler do cambio social que están a promover as TIC.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS