Percy Jackson y el Ladrón del Rayo

Os medios non parecen estar a dar moita importancia á nova película Percy Jackson y el Ladrón del Rayo e para min é toda unha mágoa, pois paréceme unha...

Percy Jackson y el Ladrón del RayoOs medios non parecen estar a dar moita importancia á nova película Percy Jackson y el Ladrón del Rayo e para min é toda unha mágoa, pois paréceme unha obra basante boa dentro do seu xénero, por combinar con bastante acerto a fórmula das películas de Harry Potter cunha temática propia da serie de televisión Hércules. Sus viajes legendarios.
A historia é moi simple, cun inminente enfrontamento entre os deuses do Olimpo por mor do roubo do raio de Zeus por parte do fillo dalgún outro deus, sendo o principal sospeitoso o protagonista, Percy, descoñecedor de ser un semi-deus. Ata ese punto, a historia ten un aquel coa primeira entrega de Harry Potter, pero faltaban Ron e Hermione, de aí que aparezan o sátiro Grover e a filla de Atenea, Annabeth, que farán compaña ao protagonista na súa aventura.
Os protagonistas da película
Os personaxes combinan bastante ben, cunha atracción constante entre Percy e Annabeth, mentres que Grover dá o toque humorístico á historia (algo moi propio dun sátiro).
Uma Thurman é MedusaSen destripar moito a historia, contarei que os nosos amigos teñen que completar certas misións que están inspiradas na mitoloxía clásica, concretamente no enfrontamento a Medusa por parte de Perseo (aínda que desta volta é un iPod Touch o que fai de espello), a derrota da hidra do lago Lerna por parte de Heracles, fuxir da terra dos lotófagos coma Odiseo (elemento que moitos lembrarán da película de animación As Doce Probas de Astérix, e que en tal ocasión representábase coa Illa do Pracer), e incluso ir ao Hades, aínda que sen ter que capturar ao can Cérbero, atopando un dos mellores momentos do filme, ao presentarse unha visión moi curiosa de Perséfone e Hades:
Perséfone e Hades
É curioso que dean a Hades unha estética de roqueiro, cando o resto de deuses teñen unha aparencia moito máis clásica (fuxindo das túnicas brancas, por sorte):
Atenea, Zeus e Poseidón
Tamén podemos ver a unha arpía, un minotauro, varios centauros… vaia, que pulíronse media mitoloxía grega en menos de dúas horas, polo que dubido que poidan sorprenderme moito na súa secuela, xa confirmada, aínda que parece pouco probable que a saga vaia a ter unha longa continuidade no cine, en boa medida porque parece difícil que poidan atar aos actores para dar certa consistencia á adaptación dos 5 libros que compoñen a historia de Percy Jackson e os deuses do Olimpo.
A min deixoume bo sabor de boca esta película, e recoméndoa a todo o que goce do cine de aventuras xuvenil e da mitoloxía grega light (tipo Hércules ou Xena), aínda que moitos prefirirán agardar á inminente Furia de Titanes (que debería chegar aos cines o día 2 de abril), da que podedes ver o impresionante trailer a continuación:

¿Nótase moito que son un friki da mitoloxía greco-latina? 😉

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS