Avatar, estrea obrigada

O pasado vernes chegou aos cines españois a película de James Cameron Avatar, que para quen non o saiba, está desenvolvida totalmente en 3D, o que é toda unha...

prota co seu avatar
O pasado vernes chegou aos cines españois a película de James Cameron Avatar, que para quen non o saiba, está desenvolvida totalmente en 3D, o que é toda unha revolución audiovisual, superando a moitas películas deste tipo que puidemos ver ata o momento.
A película en si mesma é unha colección de tópicos, que poderiamos definir coma un híbrido entre FernGully e Bailando con lobos (entre moitas outras películas), na que un humano mediante unha tecnoloxía que non explican, métese no corpo dun avatar para infiltrarse nunha cultura extraterrestre. Así, temos un filme no que altérnanse secuencias na base dos humanos con outras no exterior de Pandora, un mundo de fantasía cunha natureza virxe que pretenden explotar os invasores ante un planeta Terra debastado.
¿Por qué só explotar os recursos de Pandora e non invadir o planeta? Pois porque o planeta xa está habitado, a súa fauna é moi agresiva e a atmósfera é velenosa para os humanos, ou sexa, unha serie de desculpas para xustificar a existencia dos avatares, para que a historia non rematase nun plis-plas.
reparto
O reparto da peli é bastante completo, recaendo case todo o peso da película sobre Sam Worthington (a quen vimos hai pouco na última de Terminator e volveremos a ver no remake de Furia de Titáns), aínda que Sigourney Weaver, Michelle Rodríguez e Joel Moore fanlle boa compaña coma humano, mentres que no seu avatar é Zoe Saldana (a Uhura de Star Trek) que o apoia. Coma contrapartida, Stephen Lang interpreta a un desalmado coronel Quaritch, nun papel que defende ben, pese ás súas limitacións (simplemente fai de tipo duro).
graficos computerizados moi 3D
No tocante ás 3D, hai que admitir que están moi traballadas, e ver a película en 2D sería pouco menos que un pecado. Estou totalmente certo de que, se deixamos a tecnoloxía a un lado, estamos ante unha obra do montón, pero se tempos en conta a experiencia da súa visualización, é unha peza imprescindible para este Nadal.
Iso si, non é unha película para nenos, pois hai moita violencia e dura máis de 2 horas e media. Tamén está o detalle de que moita xente acaba mareada ou cansa das 3D (e non polas lentes, que son bastante cómodas). Xusto a persoa que sentou á miña esquerda no cine soltou que estaba mareado cando rematou a peli, mentres que eu acabei co ollo dereito un chisco vermello. Vaia, que as 3D son unha boa experiencia audiovisual en plan espectáculo, pero non poden converterse na imaxe do futuro (coma tamén pasou cos sistemas de son 5.1).
aprendendo a usar o arco
Pero o das imaxes estereoscópicas non é o único especial da película, senón que está o feito de que os Ma’vi (habitantes de Pandora) están creados por ordenador coa tecnoloxía que deu vida á criatura Gollum nas pelis do Señor dos Aneis, ou sexa, que case todo o que vemos en pantalla é virtual, o que resulta impresionante, pois a aparencia acadada é bastante realista (agás en momentos moi puntuais).

¿Recomendo ver a película? Se é nunha sala de cine 3D considero que é unha experiencia audiovisual imprescindible. Agora ben, de non poder ter tal oportunidade, a película pódese deixar tranquilamente para o DVD, pois non ten ningún outro elemento rechamante.
Non digo que o filme sexa dos que hai que ver polos efectos especiais, senón que o que digo é que a experiencia estereoscópica que permite vai moito máis aló que outras obras, polo que é altamente recomendable o seu visionado. De querer probar a experiencia 3D, esta sería a mellor película que poderiamos elixir, pois presenta unha cantidade de planos sen precedentes, e visualmente resulta embriagadora.

ACTUALIZACIÓN (21-12-2009): Xa hai datos de taquilla da estrea de Avatar, cunha caixa de 73 millóns de dólares nos EE.UU. e 232,2 millóns a nivel mundial, o que non é ningún record pero deixa claro que están a comercializar ben o produto, pois xa compensarían o custo da película (230 millóns segundo o iMDb) e aínda faltan moitos días en cartel, o lanzamento en DVD/Blu-ray, a explotación televisiva e a cantidade de produtos derivados que poden saír (dende secuelas ata aplicacións da tecnoloxía desenvolvida a futuros proxectos). Un negocio redondo… ¿ou debería dicir esférico?

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS