Blu:brain, outra oportunidade perdida

Estes días choven as informacións sobre o Blu:brain, un trebello que pretendía revolucionar o consumo de contidos audiovisuais no fogar cun disco duro multimedia capaz de gravar o sinal...

Blu:brain conectado a un televisor
Estes días choven as informacións sobre o Blu:brain, un trebello que pretendía revolucionar o consumo de contidos audiovisuais no fogar cun disco duro multimedia capaz de gravar o sinal da TDT de alta definición, e que anunciouse hai ano e medio, pero que finalmente no chegará ao mercado ata o 15 de febreiro de 2010 ao prohibitivo prezo de 399 euros, e deixando pasar a forte campaña de Nadal.
¿En qué están a pensar dende Blusens? A min isto chéirame ao navegador GPS con imaxes reais, que tanto anunciaron e que finalmente non chegou ao mercado polo seu elevado prezo. ¿Por qué tardaron tanto en lanzar o produto? Porque agora hai unha chea de dispositivos semellantes, xa consolidados, e con mellor prezo.
ZoltarTV
Sen ir máis lonxe, o ZoltarTV ten unhas prestacións moi semellantes (pero superiores) e o seu prezo é máis reducido (podemos atopar o modelo de 1,5 Tb por 299 euros). Nin dicir que o ZoltarTV ten conectividade Wi-Fi N, mentres que o Blu:brain conformouse co IEEE 802.11g (bastante máis lento), e que incomprensiblemente o disco duro de Blusens ten unha capacidade de 250 Gb, o que non está xustificada polo seu tamaño, xa que o Blu:brain ocupa máis que os seus competidores (que optaron por discos duros de 3,5 polgadas en vez de 2,5 polgadas).

Pero, ¿non dicían que o Blu:brain tiña conectividade PLC para funcionar a través da rede eléctrica doméstica? Pois outra bola. Resulta que ten Fast Ethernet (nin que dicir que os competidores teñen en moitos casos Gigabit Ethernet), e que así é compatible con adaptadores PLC (venderán a parella a 119 euros). Vaia, que de optar por tal conectividade, o prezo dispararíase aínda máis.

O único punto forte que podería ter o Blu:brain sería o uso de tecnoloxía IPTV para acceder a canles de televisión dixital e contidos baixo demanda, pero iso dependería dun catálogo potente e uns prezos atractivos, algo no que non confío absolutamente nada.

Coido que o Blu:brain nace morto, e que ninguén vai mercar semellante produto por ser inferior aos seus competidores a un prezo máis elevado e que non estará á venda antes de Nadal e Reis. Unha mágoa que pase tal, pois estaría encantado de ter un produto desas características da man dunha compañía galega.

Asus HDP-R O!PlayPara rematar, engadiría que non podemos valorar ben o Blu:brain ata probalo, pois a cousa aínda podería ser peor, xa que descoñecemos cal é a compatibilidade real no tocante a formatos multimedia. A min paréceme moi difícil que supere ao Asus HDP-R1 O!Play, que está á venda por 85 euros, e que traga con moitísimos formatos de vídeo e audio (é capaz de facer DTS downmix) acceden a ficheiros en rede ou de discos externos USB ou eSATA. Considero que é unha das mellores opcións actuais para quen queira introducirse na reprodución de vídeos en MKV (e de practicamente calquera vídeo descargado da Internet) nun televisor en alta definición, pois para mercar dispositivos máis completos eu agardaría uns meses, xa que sería interesante ver antes cara a onde van os reprodutores de Blu-ray (pois moitos deles tamén están a soportar MKV) e os gravadores de vídeo (algúns modelos aceptan tarxetas para a TDT Premium ou para sinais de satélite/cable). A paciencia non é mala conselleira.

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...