Despois do nostálxico tema de onte, atopei en Boingboing un gráfico que publican en Geekologie no que ilustran rapidamente a evolución do almacenamento de música e datos nos últimos anos:
O gráfico parte dos diskettes, dando a entender que nunha memoria USB poderiamos meter uns 100.000 diskettes, e que nun iPod classic (120 Gb) poderiamos meter máis de 2.000 CD e máis de 28.000 singles. Se metemos na ecuación aos discos duros actuais (que chegan aos 2 Tb) xa a liamos, e aínda temos comparacións máis escandalosas.
¿Alguén contaba hai 20 anos cun incremento das capacidades de almacenamento tan brutal. Por exemplo, no 286 eu tiña un disco duro de 40 Mb, e agora o de máis tamaño que uso é de 1 Tb, ou sexa, 25.000 veces máis grande. Era algo imposible de imaxinar, porque os contidos que almacenabamos daquela ocupaban pouco, mentres que hoxe apenas optimizamos o tamaño dos ficheiros (chega con ver a animalada que ocupan os documentos de texto gravados con calquera paquete ofimático ou as fotografías de máis de 1 Mb para uso doméstico).
O que agora non queda nada claro é se seguiremos a contar con grandes discos duros, ou tenderemos a deixar o material na Rede, para acceder ao mesmo en tempo real. ¿Teremos discos duros multimedia con gravación no salón das nosas casas ou accederemos a todos os contidos baixo demanda? Hai moitos escenarios posibles, e o máis prudente sería apostar por todos á vez, pois é posible que convivan (a banda larga non pode ser realmente universal).
30 Novembro, 2009
Debe estar conectado para enviar un comentario.