Na miña casa recibimos sen problema a Televisión Dixital Terrestre dende hai anos, polo que entendía que en Melide non había ningún problema de recepción, pero vese que si había zonas de sombra, que están a piques de solucionarse para que para o comezo de 2010 poidan proceder ao apagamento analóxico da telelvisión (digo a comezo de 2010 porque aínda que a data oficial é o 31 de decembro, agardarán uns días para non pillar á xente no medio das festas).
Polo momento a Xunta anuncia que comeza a colocación das 7 primeiras estacións das 55 que mellorarán o sinal na área técnica de Santiago de Compostela, de xeito que agora contarase cunha boa recepción na proximidade de Orrea (Agolada), Rodeiro, Barazón (Santiso), Furelos (Melide) e Bascuas (Vila de Cruces), ou sexa, en pleno Cerne de Galicia.
Por desgraza, todos estes avances na TDT coido que no que respecta ao ámbito local non haberá cambios na oferta televisiva, de xeito que continuaríase a recibir o sinal de Correo TV e Localia, mentres que Dez TV, pese a que xa emite en dixital, quedaría fóra, xa que non emite dende Pedroso (eu probei na miña casa a buscar se había algún sinal na canle 55 do UHF e non pillei nadiña). Coido que iso vai afectar negativamente a Dez TV 🙁 , pois o Concello de Melide debería dar prioridade as canles compostelás e, de facerse un debate político de cara ás vindieras eleccións municipais, o lóxico sería que o emitisen Correo TV ou Localia.
Tamén quero destacar que aínda quedan dúas canles de TDT en comezar a operar na demarcación de Compostela, e que deberían facelo antes do apagamento analóxico (senón, sería un auténtico pitorreo). Falo das canles de La Voz de Galicia e do Faro de Vigo.
Cónstame que dende La Voz están a moverse para o lanzamento da súa canle autonómica, pero non escoitei absolutamente nadiña da emisora local do Faro de Vigo en Santiago, o que comprenderedes que moléstame especialmente porque Código TV optou por tal concesión (e era unha canle en activo).
Agardemos que nos vindeiros 5 meses rematen o debuxo do mapa televisivo galego, pois é algo que ten repercusións a longo prazo no panorama audiovisual e informativo.