A semana pasada comentei a unha amiga que DVDgo estaba a facer algo bastante cutre, pois sendo unha tenda de películas a través da Internet, pechaba durante uns días para facer cambios nos seus sistemas, e ao volver a estar operativa a cousa non podía ir peor. Así, o martes recibín por e-mail un anuncio no que avisaban dunha oferta na que unha inmensa selección de series de televisión podía adquirirse co 40% de desconto, e aínda hoxe non fun quen de ver esta oferta completa, porque a páxina non para de dar erros ou, simplemente, tarda minutos en responder… ¡incluso a altas horas da madrugada!
Pero iso non é o peor de todo, senón que tras o peche técnico da semana pasada, a tenda cambiou totalmente de plataforma, de xeito que borrou todos os meus datos agás a ficha de usuario, o que me impide consultar os meus pedidos anteriores e, o máis grave, deixoume sen a miña relación de películas favoritas, que tiña marcadas para poder comprobar o seu prezo para adquirilas cando estives baratas. Vaia, que con este tipo de caralladas están a perder moitas vendas, e dan unha imaxe francamente mala.
O feito, feito está, pero non podo deixar de queixarme para que unha tenda en liña que considero de referencia volva ao rego. Agardo que os responsables desta desfeita aprenderan dos seus erros.
4 Xuño, 2009