Maratón de mitins na noite do sábado

A tarde-noite do sábado en Melide foi un día de moitas actividades, pois había a inauguración da exposición dos 100 anos de electricidade na vila e 2 mitins políticos,...

Carteis dos mitins
A tarde-noite do sábado en Melide foi un día de moitas actividades, pois había a inauguración da exposición dos 100 anos de electricidade na vila e 2 mitins políticos, que desgrazadamente coincidiron no tempo, o que facía imposible ver ambos completos. Coma o do BNG comezaba ás 21:00 horas e o do PP ás 21:30, eu decidín ir primeiro a un e logo correr cara o outro, para poder ver algo de cada encontro.
Moita xente no mitin do BNG en Melide
De primeiro cheguei ao Pazo de Congresos (sitio do que continúo sen entender o nome) onde había varios centos de persoas (estimo que entre 700 e 800), cunha boa organización e un despregamento de medios sen precedentes en Melide (cando menos, eu nunca vira tal na vila) pero cun detalle do que non gustei nada: falta de puntualidade.
O mitin comezou media hora despois do anunciado, pese a que o público foi bastante puntual, e daba mala imaxe porque facía que a hora de inicio do mitin do BNG coincidise co do PP. Pero quitando ese detalle, o evento estaba montado de luxo.
Soqui Cea abriu o mitin
Soqui Cea foi a encargada de abrir o mitin, dun xeito bastante formal e amable, sen facer promesas nin soltar un longo discurso.
Anabel lendo un discurso
A parte difícil toucolle a Anabel Ramos, que soltou unha parrafada inmensa, chea de referencia políticas que non sei se pillarían a meirande parte dos asistentes, o que non me pareceu moi axeitado para a ocasión, pois penso que iso igual era a tarefa dos políticos de fóra.
Do que menos gustei foi do feito de que Anabel lese o discurso en vez de falar seguindo unhas pautas. A lectura era boa (notábase que sabía o texto de memoria) pero non creo que a xente gustase dalgo que se vía tan artificial.
Ana Pontón en Melide
Ana Pontón pola súa banda xa foi directa ao discurso de campaña, aínda que repetindo o mesmo discurso que as anteriores participantes. Non acabo de entender por qué continuaban a falar mal da anterior xestión do Partido Popular, cando non estivo no Goberno galego (nin no estatal) nos últimos 4 anos. ¿Non habería que ir cambiando de discurso?

Por desgraza, chegado ese momento, decidín marcar para o mitin do PP, polo que non puiden escoitar a un afónico Anxo Quintana dicindo que “Señorito é ó que lle dá noxo o galego”.
mitin do PP no Carlos 96
Cando cheguei ao Carlos 96 puiden ver como a sala que estaba reservada para o mitin estaba chega ata os topes, e na entrada nos recibiron cunha presa de caramelos do PP (fíxome graza a cousa). Se nos poñemos a calcular o número de asistentes, coido que a cousa estaría preto dos 300, en boa medida pola limitación do aforo, xa que case todo o mundo estaba sentado e o local non medía precisamente 400 m2. Iso si, notábase unha grande diferenza no mitin con respecto do que se celebraba no Pazo de Congresos: moita máis calor. E con calor non me refiro só á temperatura dun ambiente pechado con moita xente presente, senón que tamén describiría o acendida que estaba algunha xente, que vivía con fervor todo o que alí se dicía.
Quedei sorprendido polo feito de que se estaba a aproveitar o encontro de simpatizantes para dar unha chalar informativa por parte de Dolores Gómez Neira, quen meteu moitísima caña ao Concello, dándome a impresión de que viñan de cambiar as tornas: agora, en vez de ser o BNG o que fala mal do Concello, é o PP o que ten unha actitude mamporreira.
O gasto municipal, os despidos improcedentes, a débeda bancaria, o trato á Orquestra Sinfónica e ao Conservatorio, a eliminación do Certame Miss 3ª Idade… ese tipo de cousas foron as que serviron como argumento para unha intervención moi amena, na que o público se metía moito:

Ángeles no mitin do PP
Ángeles Vázquez continuou tamén co tema, pero afastándose lixeiramente da política local para apoiar a Núñez Feijóo con moita prudencia, xa que incidiu moito en que os vindeiros anos van ser duros, e que pensa que Feijóo é mellor que os dirixentes actuais para capear o temporal.
Despois tocáballe o turno a Carlos Negreira e a Esteban González Pons (¡Pobriño! Tivo que durante case un par de horas a xente falando en galego sen entender papa) pero eu marchei para a casa, que prefería ir tomar unhas filloas que escoitar un discurso político que tamén está presente nos medios de comunicación de masas.

Tras chegar á casa, comentei o que vira en ambos encontros aos meus pais, e resultou que o que comentaran os do PP xa aparecía nun boletín que repartiran estes días, así que mañá ampliarei un pouco este tema cunha copia dixitalizada do devandito boletín (e tamén o do BNG).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS