Moitas incógnitas co peche de Localia

O xoves a última hora da tarde levei toda unha sorpresa ao recibir a nova de que Localia cesaría as súas actividades, o que na Cadena SER citaron de...

LocaliaO xoves a última hora da tarde levei toda unha sorpresa ao recibir a nova de que Localia cesaría as súas actividades, o que na Cadena SER citaron de xeito moi breve, e pouco máis clarexaba a nota publicada por El País (pese a que a decisión do Consello de Administración de PRETESA era do mércores).
O primeiro que pensei foi «¡putadón!», non só polos traballadores da empresa (que por aí publican que son entre 240 e 800… ¡tremenda marxe de erro!) senón tamén porque no caso de A Coruña quedaría sen poder ver ningunha televisión de ámbito local (pois TeleCoruña deixou de emitir hai tempo por non levar concesión de TDT).
Durante a mañá no venres xa se foi detallando o que pasaba, e a cousa non parece ser tan dramática, pois resulta que as emisoras galegas de Localia non son realmente de Localia, senón que só estaban asociadas á rede de emisoras locais do Grupo PRISA (en boa medida porque o concurso de TDT de ámbito local prohibía explicitamente a emisión en cadea), e como mínimo as correspondentes a Utega anunciaron que continuarían as súas actividades, aínda que está por ver cómo encherán o espazo da programación que non corresponde á franxa de local (xa que Localia o que subministraba eran os contidos de cadea… ou sexa, os culebróns e as películas de Playboy da noite 😮 ) e se son capaces de manter a longo prazo un proxecto televisivo que perde moitos cartos (aínda que comentan que en Vigo e A Coruña non deberían ter problemas para manterse).
Se non me equivoco, Localia tería presenza en 10 demarcacións de TDT de ámbito local en Galicia (as marco en negriña):

– A Coruña: La Opinión, Editorial La Capital e Utega
– Ferrol: La Opinión de La Coruña, Editorial La Capital e Radio Coruña
– Santiago: Faro de Vigo, Compostelavisión e Editorial Compostela
Lugo: Telelugo El Progreso de Lugo, Utega e Alternativas de Medios Audiovisuais
– Monforte: Telelugo El Progreso, Telemiño e TV7 Monforte
– Vilalba: Telelugo El Progreso e TV7 Monforte
Viveiro: Telelugo El Progreso
– Ourense: Telemiño, Faro de Vigo e Utega
– Pontevedra: Faro de Vigo SAU, Lérez Canal 29 e Televisión Pontevedra
– Vigo: Faro de Vigo SAU, Utega e Rías Baixas de Produción

Se mirades ben, en Lugo ata terían 2 canles adxudicadas (¡manda carallo! ¡e deixan fóra a TV7 que leva anos funcionando na cidade luguesa!) e neste momento descoñezo que vai ser de Televisión Pontevedra, Telelugo (El Progreso) e Compostelavisión, aínda que supoño que se xuntarán a Utega para manter a rede de emisoras (apostaría a que van crear unha marca galega para poder ter unha imaxe corporativa común e poder compartir recursos), aínda que sexa só porque teñen unha concesión administrativa (e iso vale o seu prezo en ouro). O 1 de xaneiro veremos cómo queda o conto (pois parece ser a data de peche definitivo de Localia).
De todos os xeitos hai que entender que se Localia deixa de funcionar é porque o negocio non é sostible, deixando en evidencia que iso de que haxa 3 televisións locais en cada cidade galega é unha burrada, aínda que a min me gustaría saber qué é de moitas desas iniciativas, pois debo lembrarvos que dende Código TV tivemos que deixar de emitir en Santiago porque non nos deron licenza, mentres que si lla outorgaron ao Faro de Vigo (xornal que dubido moito que chegue a inaugurar televisión local en Compostela, pese a que se comprometeu a elo). Sorte semellante correu TeleCoruña (que tamén cesou as súas emisións, e as televisión locais de La Opinión e El Ideal non aparecen por ningunha parte) e TeleVigo (que parece que aínda resiste, pero que nun principio está fóra da TDT).
¿Por qué a Xunta trata así a empresarios e cidadáns? Forzar ao peche a emisoras de televisión en funcionamento para dar unha concesión a alguén que non ten moito interese en explotala fai que haxa unha menor oferta de contidos televisivos á vez que reduce postos de traballo do sector audiovisual (que xa non anda moi ben). ¡Perdemos todos!
O mesmo se podería dicir do Goberno autonómico anterior, que deu unha das 2 licenzas de televisión autonómica á COPE, que posiblemente se limitará a enchufar Popular TV, o que nos deixará sen unha potencial canle de contidos galegos e en galego. La Voz de Galicia tamén ten unha concesión, pero non se apuran a explotala, e en vista de cómo está a conxuntura económica supoño que non moverán un dedo ata 2010. Vaia, que a TDT está a avanzar moi amodo, e a cousa aínda pode ir a peor de confirmarse certos trapicheos que poderían facer coas canles a nivel estatal (falan de permitir canles de pago e tamén o pago por visión, o que forzaría a mercar novos receptores de TDT).
Ao final coido que todo isto pasa porque se deixa que o Goberno sexa quen regule as concesións administrativas, en vez de existir un ente neutral, e así, segundo quen estea no poder se favorece a uns ou a outros (como bo exemplo temos que na Comunidade de Madrid os de Localia non teñen concesión de TDT, o que foi un dos principais motivos para o seu peche). Se admitimos que os grupos de comunicación teñen tendencias políticas, o lóxico sería que se repartisen emisoras de televisión e radio para que os cidadáns tivesen liberdade de elección.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • O podcasting posto en valor

    Hai algo máis dun ano os oíntes do podcast La Órbita de Endor (LODE) coñecemos un experimento de iVoox a través do que ofrecíanse subscricións de pagamento, e finalmente...
  • O Banjo Fantástico

    Chámase Ollie, ten un banjo, e tras facer unha chea de versións de música de videoxogos como Out Run, Street Fighter II ou Tetris, inicia unha nova serie de...
  • Farruco nos primeiros tempos da Galega

    Aínda que moitos lembren a Xosé Lois Bernal López Farruco na Televisión de Galicia por aparicións na serie Terra de Miranda ou por presentar o programa Vivir Aquí con...
  • Fisterra sucumbe ao carbono modificado

    A pasada fin de semana rematei de ver a serie Altered Carbon en Netflix, historia baseada no libro Carbono Modificado no que preséntase un futuro no que é posible...