¿Pasa Google de nós (por escribir en galego)?

Manuel Gago comentoume trala proxección de Dinosauros 3D na Domus que estaba un tanto escandalizado polo comportamento de Google con respecto da lingua, pois detectou que ultimamente estaba a...

Manuel Gago comentoume trala proxección de Dinosauros 3D na Domus que estaba un tanto escandalizado polo comportamento de Google con respecto da lingua, pois detectou que ultimamente estaba a tratar peor ás webs con contidos en galego.
Para pór en proba a teoría de Gago fun á portada de Culturagalega.org e vin que alí se falaba do Festival tapas e danza e déuseme por comprobar que pasaba se buscaba por tal asunto en Google obtendo resultados moi diversos:
resultados de Google en galego, inglés e español
Así, se accedo dende a versión en galego do buscador temos a Culturagalega.org coma 1º resultado de busca, o que coincide coa busca en inglés, que podería ser o resultado obxectivamente máis atinado; pero a meirande parte dos galegos acceden ao buscador dende a versión en español, polo que o portal da cultura galega aparece ¡na posición nº 41 dos resultados! Remítese así ao usuario á web de La Voz, que está en español e aparece no posto 6 do resto de resultados de busca.
a onde nos leva Google ao buscar sobre o Festival de tapas e danza
Entendo así que os contidos en galego están a ser soterrados por Google, posiblemente porque dende a compañía do buscador entenden que a xente personaliza as preferencias de Google (cando na práctica a meirande parte do público non sabe nin que se pode facer iso) ou emprega coma lingua principal o idioma definido no seu ordenador, deixando de lado boa parte das linguas minoritarias do mundo (ou iso parece).
É lóxico ter en conta a lingua á hora de presentar resultados nun buscador web, así como tamén a proximidade xeográfica, resultando complicado atopar un equilibrio perfecto entre ambos factores, pero está claro que a disparidade do exemplo a tratar é esaxeradisima, pois a mesma páxina pasa dunha posición preferente ata quedar perdida nos resultados de busca sólo pola lingua definida ao realizar as buscas (ignorando outros factores a ter en conta, como que a consulta se realiza dende un ordenador en Galicia co sistema operativo en galego).
Coido que nos vindeiros días imos escoitar falar algo máis deste tema, e que non faltarán as reaccións sobre a posible discriminación de Google ás webs en galego. Un exemplo máis do perigosos que son os monopolios. Agardemos que alguén lles poña as pilas.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS