O novo iPhone 3G decepciona

Esta tarde seguín a presentación do novo iPhone a través da Rede, a través de varios blogs actualizados ao minuto e cunha retransmisión de audio en directo que me...

iPhone 3GEsta tarde seguín a presentación do novo iPhone a través da Rede, a través de varios blogs actualizados ao minuto e cunha retransmisión de audio en directo que me deu vergoña seguir, xa que a audiencia demostraron ser unha chea de fanboys sen criterio ningún. Cada vez que alguén dicía unha frase, o público aplaudía e berraba. Incluso consideraron positivo que os usuarios do iPod Touch teñan que pagar 9,95 dólares por descargar a actualización de software que para o iPhone é de balde.

O evento foi un auténtico coñazo, e non se falou do novo iPhone ata que xa ían 90 minutos de presentación, na que se viron moitas cousas que xa se presentaran na anterior keynote de Jobs. E iso non foi algo que notase só eu, senón que a cotización bolseira de Apple foi caendo ata rematar a xornada cunha caída total do 2,17%, polo que podemos entender que a xente agardaba algo máis.

Vou pasar agora directamente a dicir os cambios do iPhone: o novo iPhone incorpora conectividade 3G e GPS. Punto e pelota. Ou sexa, que nin o terminal adelgaza (engordou 0,7 milímetros e reduciu o seu peso en só 2 gramos), nin a cámara pasa de 2 a 5 Mpíxeles, nin a capacidade de almacenamento medra ata os 32 Gb… ou sexa que esta mañá os do ABC se pasaron de listos ao falar do iPhone2, pois non acertaron nin o nome. Supoño que iso de que o móbil se vai vender en España a 0 euros tamén será unha bolaza.
iPhone 3G deitado
Ah, o que si fixeron foi cambiar a carcasa traseira metálica por unha de plástico (en branco ou negro), mentres que os botóns de plástico pasan a ser de metal. Un cambio moi raro que só parece apuntar a un posible negocio de carcasas personalizadas (pois se só reduciu o peso en 2 gramos…). E no tocante á autonomía, quedou igual en todos os usos agás en telefonía, pois pasou de 250 horas en espera a 300, e de 8 horas en conversa a 10 horas (aínda que se tes o 3G activado só aguanta 5 horas en conversa).
¿Cal é realmente a boa nova do cambio de dispositivo? Pois é a rebaixa do terminal, que na súa versión de 8 Gb pasa de 399 dólares a 199 dólares (299 dólares a de 16 Gb). Iso podería indicar que en España o prezo vai ser de 199 euros, o que non é tan bo prezo como parece, pois o normal é que inclúa un compromiso de permanencia de 18 meses cunha tarifa plana de datos, o que podería ser unha pasta. O que estaría moi ben sería mercar o iPhone 3G de 8 Gb en EE.UU. e liberalo, pois sairía así por 129 euros (e o poderiamos empregar con operadoras coma Simyo, que saen moi a conta), aínda que hai rumores de que en EE.UU. Apple vai deixar de vender o iPhone directamente, polo que se remataría o choio.

As pintas do novo iPhone, no seguinte anuncio:

O firmware 2.0

Vimos que o iPhone tivo uns cambios realmente pequenos, pero en cambio a presentación durou 1 horas e 50 minutos. ¿De qué falaron entón? Pois das novidades do firmware 2.0 do iPhone, ou sexa, do que chegará tanto para o iPhone novo coma para os vellos. As novidades máis importantes son a incorporación de tecnoloxía push (ou sexa, sincronización instantánea de correo, contactos e axenda, facendo ao móbil de Apple válido para usos corporativos) e a App Store, que é a tenda de descargas (moitas de balde) para o iPhone, que nun principio parece que inclúe moitas das aplicacións que xa están hoxe dispoñibles dende o Installer, e algúns xogos moi prometedores.
No tocante ao uso profesional tamén hai que destacar que, aparte de ficheiros PDF, agora tamén poderá ler documentos de Word, Excel e PowerPoint (¡mola!).

Tamén se pode comentar que o firmware novo inclúe de serie o español (ata o momento había que engadir tal soporte lingüístico) aínda que a ampliación de linguaxes soportadas a van a agradecer máis dende outros países (si, soporta mandarín).

Sorprendente o novo firmware continúa sen ter soporte de MMS, a aplicación de SMS parece que continúa tan básica coma antes, o navegador Safari parece que segue coas mesmas limitacións actuais (aínda que espero que inclúan certas cousas que xa facemos os usuarios a machete) e outros detalles que dan a entender que o jailbreak do iPhone vai continuar con forza.

MobileMe

Para a xente que quere ter as vantaxes dos usuarios corporativos no correo electrónico, nos contactos e no calendario, así coma compartir imaxe e gardar ficheiros na Rede os de Apple veñen de mudar o seu .Mac a MobileMe, aínda que se poden esquecer de min, pois o servizo custa 79 euros/ano (para 20 Gb de almacenamento) cando con Google case teño o mesmo de balde.

E agora, ¿qué?

Pois parece posible que o vindeiro día 18 se presente o iPhone en España (aínda que non se venderá aquí ata o 11 de xullo) nun evento no que Movistar amosará as súas cartas.

¿Paga a pena adquirir o novo iPhone? Pois os usuarios que xa teñen o iPhone e que normalmente se conecten por Wi-Fi, o normal é que o terminal 3G non lles resulte interesante (pois tamén dispararía o seu consumo mensual). Eu ao GPS a verdade é que non lle dou moita importancia, pero supoño que para algún usuario será o factor que lle levará a renovar o seu terminal.
Os usuarios que non teñan o iPhone agora terán unha boa oportunidade para modernizarse, aínda que hai que pensar moito no cambio, pois para moitos usos o iPhone é complicado (non vale para calquera), pero para os afeccionados á reprodución multimedia ou aos que queiran ver levar o seu álbum de foto no peto é o trebello definitivo.

Eu continuarei co meu trebello, e vería pouco razoable adquirir outro iPhone, agás que alguén quixese mercarme o móbil actual, principalmente porque non teño ningún interese especial en cambiar de operadora de telefonía móbil. Se Vodafone tivese o iPhone igual cambiaba de idea.
Un detalle a comentar sobre o tema é que a exclusiva do iPhone por parte de Telefónica non será eterna, e podería ser que para o vindeiro ano tamén se apuntase Orange á feira. Iso si, algún listo pode intentar mercar o móbil con Vodafone ou Orange en Portugal, aínda que habería que mirar se é posible zafarse do contrato das operadoras.

O vindeiro día 11 de xullo escoitarase o disparo de saída, e apostaría que moitas páxinas web van a adaptarse ao iPhone para quedar ben. ¿Alguén se atreve a apostar o que van a tardar El País ou El Mundo en subirse ao carro? Eu aposto por ElPaís.com, pois é a web que sae na galería de imaxes do iPhone 😉

ACTUALIZACIÓN: Parece ser que hai un par de detalles curiosos sobre o novo iPhone, xa que agora a base que viña de serie se vende por separado (para min sería un putadón, xa que a base inclúe unha saída de liña) e finalmente o conector de auriculares vale para cascos normais.
A presentación do novo iPhone xa se pode ver en vídeo (precisa Quicktime).
Quen queira ver o mellor do evento en 60 segundos, velaquí o resumo de Mahalo Daily:

ACTUALIZACIÓN (12-6-2008): Finalmente parece que en Europa vai ser posible adquirir o iPhone sen contrato, pero o seu prezo será duns 500 euros, ou sexa, que o prezo máximo de 199 euros marcado por Apple inclúe subvención das operadoras (que poden chegar a ofrecer o móbil gratis para os plans de prezos máis fortes).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS

  • Oregón TV tivo un ano moi tecnolóxico

    Hai anos que non menciono as cancións paródicas de Oregón TV (as súas parodias de Los Panchos e Micky son moito!), pero están a ter un 2019 tan completo...
  • Adeus a Allo

    En 2016 produciuse unha curiosa coincidencia, xa que Google estreou unha aplicación de mensaxería instantánea enriquecida con elementos multimedia chamada Allo mentres que os de Gadis lanzaron a campaña...
  • A outra Ana

    Hai un par de semanas estreouse en España o servizo Amazon Locker, que permite que os usuarios de Amazon como dirección de envío dos seus paquetes, en vez de...
  • O tratamento informativo do WannaCry dáme ganas de chorar

    O pasado venres convidáronme a participar no programa Área Pública da TVG para explicar un pouco o problema co ransomware que tiveron na sede central de Telefónica, causando un...