Gasofa.es e outras cousas en RadioVoz

Hoxe en RadioVoz estiven a falar de varias cousas en Voces de Galicia: A Isidorio Valerio decepcionoulle que o truco para vender os ordenadores con XP preinstalado quede limitado...

Hoxe en RadioVoz estiven a falar de varias cousas en Voces de Galicia:


A Isidorio Valerio decepcionoulle que o truco para vender os ordenadores con XP preinstalado quede limitado practicamente a empresas (ou a quen pague máis) e tamén da web de Gasofa.es, pois nun primeiro momento non lle funcionou.
Gasofa.es
Cando cheguei a casa dinme conta de que o sistema de Gasofa.es ten unha eiva moi importante: o seu mapa estatal non inclúe os datos de toda España. Ou sexa, que para ver os prezos das estacións de servizo da Coruña tes que seleccionar a provincia correspondente.
Aparte dos prezos do carburante tamén publican a localización de radares fixos e lugares onde pasarlle ao coche a Inspección Técnica de Vehículos (ITV).

Tamén insistín no feito de que os discos de rede coma o Planex DigiJuke poden converterse en todo un estándar no futuro, pois resultan moi prácticos. Iso de que o disco duro descargue as series de BitTorrent e YouTube e faga doado acceder ás mesmas dende distintos trebellos. A verdade é que é moito máis cómodo baixar directamente un MP4 de YouTube para velo no iPod/iPhone que descargar un ficheiro FLV e ter que convertelo. Sen dúbida as cousas están a cambiar moito.

Sobre o reprodutor acuático de Speedo, coido que é toda unha revolución para os afeccionados á natación, pero hai que admitir que pode ser tan perigoso coma conducir con auriculares, especialmente nunha piscina.

E, para rematar, o GTA IV, que aínda que custase facelo uns 100 millóns de dólares, os están descontando a toda velocidade, pois parece que venderon 9 millóns de copias no seu lanzamento (609.000 só no Reino Unido) polo que os 210 millóns de dólares que recadou Iron Man en todo o mundo quedaron ensombrecidos, o que ilustrou moi ben Scott Johnson:
Iron Man vs GTA IV

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS