Hai cousa de mes e medio a miña nai preguntoume por unha máquina que anunciaban na televisión para traballar a memoria, para ver se sabía onde podía mercar, pois ela coidaba que se vendía na Farmacia. Tiven que explicarlle que se trataba dun xogo para unha consola portátil, e incidín moito en que consistía nunha serie de exercicios para axilizar a mente, aínda que non podía detallar moito porque nunca vira en funcionamento o Brain Training.
Finalmente o día de Reis regalámoslle á miña nai unha DS co Más Brain Training e agardo que pouco a pouco lle vaia collendo o tranganillo, aínda que admito que algún dos exercicios son moi complicados (especialmente os de memoria).
Para facilitarlle un pouco as cousas á miña nai déuseme por mirar do Brain Training, que por ser a primeira entrega dos xogos do Dr. Kawashima, agardaba que fose máis doado, e accidentalmente topei con información sobre cartuchos R4, M3 e TT, que sirven para cargar xogos na DS mediante tarxetas microSD, cun custe moi semellante ó dun xogo.
Nun princpio prefería pasar de piratadas, por se a cousa resultaba moi complicada (para a usuaria habitual da consola), pero ó ver que a tenda virtual Todoconsolas estaba fisicamente en Coruña decidín arriscarme.
Cando cheguei á rúa dos Tornos levei a sorpresa de que, pese a que estaba a chover, había xente na beirarúa, fóra da tenda, e resultou ser unha inmensa cola de xente que na meirande parte dos casos ía facer o mesmo ca min. Incluso a tenda ampliara o seu horario eses días, polo que sospeito que boa parte dos coruñeses ós que os Reis lles achegaron unha DS estaban a procurar un xeito de ter xogos a esgalla sen gastar un can.
Coido que, agás un fulano que levaba unha PSP e outro que levaba unha Xbox 360, o resto das persoas tiñan unha Nintendo DS, o que me dá a entender que o panorama consoleiro cambiou moito nos últimos anos. Antes as consolas de Nintendo eran para os nenos, e agora hai moitos usuarios ocasionais tanto coa Wii como coa DS.
Listaxe dos xogos máis vendidos en decembro de 2007 |
Este cambio incluso se reflicte nas vendas de videoxogos, e no mes de decembro a DS tiña 6 os 10 títulos máis vendidos, seguida por 2 tí
tulos da PS2 e outros 2 da Wii, ou sexa, que Nintendo arrasa cando chegan as vacacións.
Resulta moi curioso, pero tanto no Nadal coma no verán a DS arrasa en vendas, mentres que se miramos o mes de novembro vemos que a PS2 aínda conserva boa saúde co xogo da WWE no primeiro posto, o PES 2008 no segundo e o Dragon Ball Z: Budokai Tenkaichi 3 no 8º.
Estes datos virían a ratificar que o público infantil e os xogadores ocasionais son a canteira de Nintendo (ou tal sen entende ó ver que os xogos que máis venden son os de Pokémon e Brain Training), mentres que as consolas de nova xeración (Xbox 360 e PS3) parecen relegadas para os gamers.
Tamén existe unha fenda de xénero nas consolas portátiles, pois vese que a PSP de Sony é para rapaces, mentres que a DS é para nenas/mulleres. Segundo Nintendo o 60% dos usuarios da DS teñen entre 30 e 60 anos, e máis da metade son mulleres, o que deixa claro que o conto cambiou moito, e non só se limita á xente que medrou cos videoxogos. Entendo que a xente de máis de 40 anos non tivo videoxogos na súa infancia, polo que son unha especie de neoxogadores polos que ninguén daba un can.
Acaso, ¿alguén se atrevería a dicir hai 1 ano que o xogo Imagina ser mamá chegaría á listaxe dos 10 xogos máis vendidos do mes? Ese tipo de títulos non sairía para ningunha plataforma electrónica se non fose porque lograron que as cativas se viciasen a Tetris, Puzzle Bobble e os Sims, e agora xa xogan tanto coma os nenos, pero a títulos moi diferentes.
Vendo o panorama político actual, vou suxerir a Visual Impact (Ubisoft) que prepare un novo xogo da colección Imagina ser:
¿Conseguirán comercializalo antes do 9 de marzo?
ACTUALIZACIÓN: Acabo de ver un vídeo no que se ve a evolución do mercado nipón de videoxogos entre 1996 e 2007 do que me quedaría cun contrastre entre 2005 e 2007:
Iso supón un claro retroceso para Sony, que en 2002 contaba co 59,7% do mercado e agora ten peores resultados que en 1996, cando repartía a tarta con Nintendo e Sega case a partes iguais. Todo indica que a PS3 foi o grande fiasco da empresa, pois tardaron tanto en colocala no mercado, e a un prezo tan elevado, que tardará moito en imporse. Os cartos que perderon nos 2 últimos anos son irrecuperables, e deixar a Nintendo nunha posición dominante podería ter repercusións a longo prazo (coa incorporación ás consolas dos casual gamers).
Debe estar conectado para enviar un comentario.