Hoxe recollen en CulturaGalega.org un artigo no que destacan a figura do debuxante de comics José Luis García-López:
José Luís, o máis grande
- J.L.García López é un galego que emigrou moi novo a Arxentina e a EEUU despois, para se facer un sitio entre os máis grandes
Cada certo tempo aparecen en prensa noticias sobre españois nos EEUU. Soen ser demostracións de chovinismo nas que se sobrevalora a importancia dalgúns autores na escena americana. Xa aconteceu antes, cando o desembarco de debuxantes patrios marcou o principio da fin da Warren. E sen dúbida voltará a pasar. O problema non é só que acentuemos as virtudes de narradores máis ben discutibles como Pacheco. Máis grave resulta que esquezamos aos que levan toda a vida traballando cos “ianquis”, con obras dunha calidade sobresaliente. Poucos se lembran de José Luís García López, un galego que emigrou moi novo a Arxentina primeiro e aos Estados Unidos despois para facerse un merecido buraco entre os máis grandes. Aínda que considerado como un dos mellores debuxantes do mundo polos seus colegas, García Lopez é practicamente un descoñecido para o público español. A súa presenza ten sido moi irregular, debido entre outras razóns a que o seu traballo non está moi valorado entre os fans. Isto teno levado realizar tarefas de “merchandising” e deseños de conceptos para DC, ficando as súas BDs reducidas a especiais que aparecen cada mil anos.
Sen embargo este ano asistimos a unha fartura de produtos seus. Primeiro chegou un lixiño recente, unha cousa ilexible con Wonder Woman onde a extraordinaria calidade dos seus debuxos ficaba sepultada. Algo mellor resultou “A Muller Hipótese”. O relato, sen ser unha maravilla, ao menos enténdese. De novo José Luís volta a deslumbrarnos. Finalmente, dúas recuperacións. Por un lado o seu traballo dos oitenta en “Os Novos Titáns”, onde substituía a George Pérez, superándoo abondosamente a pesar de contar cun entintado asasino. E polo outro “Deadman”, reedición da súa colaboración con Helfer, unha das cimeiras da súa obra e cuxa impresión non mellora a de Zinco dos noventa. En compensación, inclúese no mesmo volume unha aventura inédita do personaxe, de factura recente. Cun entintado máis seco e unha narrativa contida, José Luís consegue que esta bonita historia de amor desde o alén con aires de thriller voe moi, moi alto.
É fácil afirmar que un debuxante é o máis grande, dirán vostedes. Si, pero neste caso non é gratuíto. José Luís arma as súas figuras co vigor estrutural que só pertence aos máis grandes: Foster, Raymond, Víctor de la Fuente ou Buscema. Esa fortaleza dos personaxes resulta aínda máis sorprendente cando se coñece en persoa, xa que a súa apariencia é fráxil e a enerxía, de habela, debe agacharse moito no seu interior. A isto deben sumar unha prodixiosa mestría na caracterización dos seus actores e na descrición de escenarios e obxectos. Adicionen unha fantasía desbordante en canto á posta en escena. El ten marcado a fronteira da investigación narrativa durante moitos anos. Xa se aprecia en “Os Novos Titáns” a facilidade coa que salta de modelos de páxina caóticos a outros máis estruturados, en función da acción.
José Luís é un mestre na súa arte. Contemplar o seu traballo é un pracer e unha sorpresa constante. É claro e preciso e quizais sexa a súa aparente sinxeleza a que provoque o rexeitamento dos afeccionados. Mais hoxe en día poucos acadan o seu nivel.
Eu non sei se García-López é o mellor debuxante de comics do mundo, en boa medida porque non creo que exista tal figura (para gustos pintan cores), pero o que teño moi claro é que é un dos meus favoritos, e adoro traballos seus tanto en historietas protagonizadas por personaxes de DC como cando fai cousas máis alternativas como Atari Force ou Cinder & Ashe.
O que non desprezaría é o seu labor facendo os deseños de personaxes que darían lugar á serie de figuras de acción Super Poderes, que era a esa na que Superman daba puñetazos se lle xuntabas as pernas. ¿Nótase que me molaba a colección cando era pequeno? Aínda conservo algún deses bonecos (Superman, Batman, Wonder Woman e o Pingüín).
Como detalle podo indicar que creo que o debuxante escribe os seus apelidos separados por un guión para que os norteamericanos non omitan o seu primeiro apelido pensando que é un segundo nome.
A verdade é que nun momento no que Carlos Pacheco, Pascual Ferry, Salvador Larroca e moitos outros españois trunfan en EE.UU. cómpre destacar a José Luís García-López, non por español, senón porque é un gran artista e poucas veces se recoñece a súa valía.
Debe estar conectado para enviar un comentario.