O outro día reflexionaba sobre a presenza de certo tipo de portátiles na serie de televisión Jericho e agora quixera facer o propio coa película La Jungla 4.0, que para os que non a viran vén a ser algo así coma se en 24 quitaran a Jack Bauer e puxeran ó seu pai, un Bruce Willis que non o fai nada nal.
Nesta película os malos son piratas informáticos, uns fulanos que piratean as redes norteamericanas que controlan as comunicacións, o tráfico e a enerxía, para pór ó país en xaque e para cometer logo un roubo multimillonario. Quitando a imposibilidade de tal atraco virtual, informaticamente hai que dicir que a película dá pena, pois pon en boca de supostos expertos na materia auténticas tolerías que só poderían saír da boca dun guionista que entende tanto de tecnoloxía coma da pesca do atún. De feito, parece que copian unha das tramas da película Corrupción en la Red (Antitrust), pois empregan a hackers de todo EE.UU. para cometer o crackeo a grande escala, valéndose dos mellores en cada caso, para despois matalos para non deixar rastro. O detalle é que encargan a McClane que vaia a buscar a un deses hackers antes de que o cepillen, de xeito que rematan facendo unha parella anti-terrorista.
No que si acertaron foi no dormitorio do rapaz, que parece un auténtico centro de operacións de calquera amante da tecnoloxía (trebellos a tutiplén) e o fulano demostrou está á última o amosar que o seu móbil era un Nokia N61:
Tal teléfono ten 3G e Wi-Fi, pero máis que o móbil dun experto en informática parece o que tería un executivo (este terminal parece demasiado unha Blackberry), pero supoño que o teclado podería ter certo peso á hora de querer chatear ou escribir e-mails, tendo un pase.
Se a película se gravase hoxe posiblemente estariamos a falar dun iPhone ou dun Nokia N95 con disco de 8 Gb, pero eses modelos non estaban no mercado durante a rodaxe do filme…
Ademais, parece que os finlandeses de Nokia puxeron unha pasta gansa na película, pois os seus terminais se ven sempre en planos curtos que fan doado que se recoñezan os modelos (especialmente na pantalla do cine).
Na peli, McClane colle o móbil do co-protagonista e este advírtelle de que poderían estar a localizar o terminal, polo que Willis tira con el ó lixo e mángalle outro teléfono a un transeúnte, que casualmente é de alta gama e de fabricación europea, o Nokia 9300i.
Este terminal ten conectividade Wi-Fi e EDGE (coma o iPhone) e una pantalla de 640 x 200 píxeles. Vén a ser unha versión actual do Nokia Communicator 9000i que utilizaba Val Kilmer en El Santo e que foi un terminal que marcou época (daquela custaba un pastón, que se non sería o móbil máis vendido do momento). Supoño que con esta película pretendían recuperar a gloria pasada dos Communicator.
Iso si, tan pronto collen o 9300i na man soltan a grande cagada da película a nivel tecnolóxico, pois din que o móbil non funciona porque desactivaron os satélites… ¡¿mande?! ¿Dende cando a telefonía móbil de acceso celular vai por satélite? Polo que eu sei os móbiles de satélite son un mancontros enormes reservados para uns poucos.
Tras soltar tal perla, incluso o co-protagonista se pon a crackear o Nokia 9300i para conectarse supostamente a unha rede vella de satélites que segundo comenta, podería ser a que usasen os terroristas para comunicarse entre eles:
Uff, iso de crackear cun móbil é toda unha sobrada. Non só teñen pouca memoria, pouca potencia e pouco software, senón que, tratándose dun terminal alleo, ¿cómo carallo fai o hacker para facer algo bo con el? Para esas cousas é preciso un traballo previo que sempre esquecen las películas, de xeito que un experto sempre que senta nun ordenador calquera é capaz de producir virus, tumbar firewalls e facer que as letras de Google bailen a Macarena. E para facer iso non precisan nin de Linux, nin dun compilador de C e nin sequera de tempo 😮
Aínda que si falamos de esaxeracións, está claro que facer crer que Maggie Q pode ser unha hacker non é algo que cole facilmente:
Pero postos a colar fardadas, non entendo por qué en vez de empregar un ordenador portátil ou un UMPC, Maggie Q leva 2 pares de PDA para piratear unha central eléctrica:
Si, na imaxe pódese ver unha Palm T|X e un Tungsten E2, que son modelos de 295 e 199 euros respectivamente… algo cutre para crackear nada (especialmente o E2, que só ten 32 Mb de memoria).
Vai, que iso é algo así coma intentar botar unha partida ó Puzzle Bobble nun Tamagotchi. ¿Non se dan conta de que os PDA non son máis que axendas electrónicas e que na meirande parte dos casos non teñen potencia suficiente ¡nin para ver vídeos de YouTube!
Nesta última imaxe se pode ver que Maggie Q levou en realidade 2 pares de PDA porque na imaxe anterior o teclado externo era diferente (aínda que poderiamos estar ante un fallo de racord). E vese que lle colleron o gusto ós PDA, porque na central dos malos volveu a aparecer outra combinación de PDA+teclado externo (¿campaña anti-teclados virtuais?) como ferramenta de crackeo definitiva:
Pero tan esaxerado é usar un PDA para piratear sistemas informáticos, coma empregar o Nokia 9300i:
Si, si, o coprotagonista, nin corto nin perezoso, programa todo un sistema criptográfico no móbil, e o aplica a un portátil valéndose dun conector USB (que non sei de onde saíu, porque cando roubaron o móbil de Nokia coido que o seu dono non levaba tódolos accesorios na man).
Finalmente direi que a min deume a impresión de que Nokia e Palm soltaron bastante pasta para que aparecesen os seus produtos na película, e supoño que o fixeron pensando no público corporativo (se o obxectivo promocional fosen os mozos a película sería outra, e o uso dos móbiles máis lúdico, como a reprodución multimedia), polo que non creo que lles saíse mal o invento. Ademais, así reforzan a imaxe de Nokia nos EE.UU., nun sector no que os Blackberry teñen moita forza.
O que agora me faría ilusión é que nalgunha teleserie española fixeran operacións semellantes, por exemplo, promocionando o Nokia N95 con 8 Gb e o Samsung SGH-F700V que vai sacar Vodafone antes do Nadal. Incluso algún deixaría caer unha bágoa ante un rescate policial cun diálogo bo coma o seguinte:
-Si no llega a ser por el móvil 3G no habríamos podido dar contigo. ¡Qué velocidad consultado tu posición gracias a Google Maps y el GPS!
-Gracias, me habeis salvado la vida.
-Y es que la vida es móvil, móvil es Vodafone
Agardemos que este anaco de ficción non chegue a producirse nunca en España 😛
Debe estar conectado para enviar un comentario.