Bertez en Galicia Hoxe

En Galicia Hoxe publican este domingo unha entrevista a Berto Yáñez, o administrador de Chuza!: Berto Yáñez: “O ‘blogomillo’ naceu coa crise do Prestige” Berto Yáñez é o creador...

En Galicia Hoxe publican este domingo unha entrevista a Berto Yáñez, o administrador de Chuza!:

Berto Yáñez: “O ‘blogomillo’ naceu coa crise do Prestige”

  • Berto Yáñez é o creador de Chuza!, un portal de información no que a importancia das novas a deciden os propios usuarios da páxina. Considera que a rede de blogs e de medios en galego en internet desenvolveu xa o seu propio público e mantén unha grande actividade, polo que “podemos estar orgullosos dela”

Berto co seu MacBookBerto Yáñez (Viveiro, 1976) é unha das figuras máis activas da rede galega de usuarios de internet. Cofundador da web humorística Aduaneiros sem fronteiras e administrador do portal de información non xerárquica Chuza!, leva xa nove anos producindo contidos para internet, dende Galicia e, dende hai pouco, dende Escocia. É licenciado en Filosofía e todo o que sabe sobre deseño web e programación aprendeuno de xeito autodidacta. Actualmente traballa no diario dixital Vieiros.

¿Que foi o primeiro que escribiu na web, máis aló dos correos electrónicos?

Pois levo tendo traballos relacionados coa produción de contidos para internet dende 1998, pero coido que o primeiro que fixen con algo de relevancia foi abrir un blog durante a crise do Prestige, a comezos do 2003, cando a rede galega aínda estaba por definir.

¿De que falaba nese blog?

Facía unha recompilación de artigos, noticias, vídeos e curiosidades relacionadas do afundimento do petroleiro e coa reacción da clase política. Daquela era unha novidade, así que cheguei a ter moitas visitas, cando a polémica estaba máis quente.

¿Foi ese éxito o que o animou a abrir ‘Aduaneiros sem fronteiras’?

Non, en realidade ‘Aduaneiros sem fronteiras’ era unha idea de tempo atrás, unha destas cousas que comentas nos bares: “Molaría moito facer unha web así”, pero logo nunca acaban por saír. O que nos animou a sacalo foi o nacemento dunha rede galega, dunha serie de blogs como Todonada ou Ascárida, a semente do que se deu en chamar o ‘blogomillo’.

¿Cando se pode dicir que xurdiu o ‘blogomillo’?

O blogomillo xurdiu co Prestige. Nesas datas a xente deuse de conta da forza que podía chegar a ter se se unía, de que as súas protestas non sempre caían en ouvidos xordos, e internet foi unha ferramenta fundamental para crear esa unión. O fraguismo xa estaba en decadencia, e a xente comeuzou a confiar na súa forza e a ter gana de dicir o que pensaba e iso, unido á aparición de ferramentas que facían posible crear un blog en cousa de dez minutos, (como o Blogspot ou, en clave galega, Blogaliza), fomentou a aparición de usuarios de internet que á súa vez eran creadores de contidos. Lembro que cando din de alta Aduaneiros na lista de blogs de Blogaliza, a fomos o número 141.

De todos os xeitos, a aparición de ‘Aduaneiros’ supuxo un certo rebumbio…

Imaxe publicada no blogue persoal de BertoSi. A miña idea e a de Pancho Lapeña, que se incorporou o pouco de comezar a publicar, sempre foi facer parodia das vacas sagradas deste país. Porque semellaba que había certos temas que non se podían tocar, que eran demasiado serios, aínda que despois todo o mundo facía bromas sobre eles en privado. Nós quixemos romper o tecido da galeguidade, aínda que non lle sentou ben a todo o mudo. Lembro que o primeiro que publicamos foi a bandeira de Nunca Máis pero coas palabras Cande Mor. Houbo moitos a quen lles sentou fatal.

Sempre foi unha web polémica…

Máis ben sempre houbo dous bandos, os que entendían o noso humor, e desfrutaban coas bromas, e os que se ofendían con elas. Eu entendo perfectamente que algunhas cousas poidan sentar mal, como cando fixen a montaxe de Mata os teus ídolos, con Castelao recibindo un disparo na cabeza. Entendo que hai xente que ten crenzas moi establecidas e que iso as atacaba de cheo, pero coido que poder rirse dos propios mitos é un signo de que a sociedade ten madurez cultural.

Outras webs, como a ‘Va-Ca.org’, empregaron ese mesmo tipo de humor…

Si, pero a Va-Ca chegou antes que Aduaneiros. Sempre tivemos moi boa relación con eles, dende que o primeiro 25 de xullo que tiñamos as web abertas unímonos para celebrar a FREAC (Fronte Retranqueira Anti-Colonial), que non foi outra cousa que unha churrascada (Ri). Xuntamos cen persoas, e todo.

Probablemente, o voso deseño máis popular foi o ‘Gerador automático’ de poesía galega, que creaba poemas mesturando ó azar versos de varios autores…

(Ri) Aquilo chegou a saír mesmo nos xornais. O certo é que foi unha das primeiras ideas que tivemos, pero como era complicada de facer, tardei en poñela en práctica. Lembro que lla comentei un día a María (Yáñez, autora do blog Todonada) e ela, que ten moitos máis libros de poesía en galego ca min, ofreceuse a facer a selección de versos. Tamén houbo quen o tomou a mal.

Porén, agora xa estás desvinculado dese proxecto ¿non?

Si, é certo. En Aduaneiros había dous estilos, o de Pancho, que é un grande ilustrador e tende a xogar coa imaxe e a composición visual, e o meu, que prefiro destacar o texto e a mensaxe. Era un proxecto moi gráfico, no que eu era a parte menos gráfica, así que funme afastando. Entre 2004 e 2005 estiven un tempo traballando en Escocia, e xa me desvinculei.

¿Como pensaches en crear ‘Chuza!’?

Chuza! chegou despois da grande explosión da rede galega, cando xa había tantos contidos como para xustificar un portal de distribución de noticias.

¿A explosión da rede galega?

O noso big bang, chegou a mediados do 2005, durante a campaña e precampaña das eleccións xerais, cando a sociedade estaba moi mobilizada para pedir a fin do fraguismo. Movementos como Hai que botalos vertebráronse na rede e cada día nacían novas páxinas. ‘Blog’ foi escollida a palabra do ano, e chegou a haber 2.000 blogs en galego. A Galipedia (a Wikipedia en galego) chegou ós 10.000 artigos e apareceron novas ferramentas para crear diarios persoais, como blogalego e blogoteca. E tamén naceu o primeiro encontro Enblogs, organizado polo Consello da Cultura Galega.

¿E que pasou?

Que chegou a haber unha saturación, e o blogomillo morreu un pouco de éxito. Houbo moita mortaldade infantil, blogs que nacían, publicaban tres textos e pechaban. Hoxe a cousa está máis normalizada, e iso é bo. Os blogs cambiaron. Grazas a portais de información como Chuza! ou Menéame, en castelán, xa non teñen sentido aqueles post tan habituais de “mirade que cousa máis graciosa atopei en non sei onde”. Agora iso consúltase en Chuza!, e para ter un blog, hai que escribir textos e contar algo, e por iso só sobreviven os que son capaces de facelo, como Capítulo 0 de Manuel Gago, ou Apocalipse do Porco. Tamén empezamos a ver os primeiros blogs comerciais en galego.

Eu destacaría que Aduaneiros non é unha web humorística senón satírica, e coido que o Prestige provocou a semente que deu lugar despois ó Blogomillo e non o detonante directo, pois cando se afundiu o barco aínda non había moito movemento na blogosfera. Lembremos que o fenómeno dos blogs non destacou nos EE.UU. ata finais de 2004, mentres que a emerxencia máis notable foi en 2005-2006.
O que pasa é que podemos ter moitos xeitos de entender o Blogomillo (algúns consideran que só está composto polo núcleo dos blogues galegos e non pola súa totalidade), pero a min non me gusta ver que o Prestige foi o pai do fenómeno (había blogues en galego antes, e o florecemento foi bastante posterior á catástrofe) aínda que admito que foi un dos principais catalizadores. Igual resulta moi inxenuo pola miña banda, pero prefiro pensar que os blogues non nacen da reivincidación social, senón dunha necesidade sociolingüística, ou sexa, da tendencia natural da xente a comunicarse na súa fala e das súas cousas.
Hoxe podemos falar de política, de literatura, de cine ou de sexo, pero coido que de repetirse outro Prestige tamén o denunciariamos, pero non sería a razón de ser dun novo medio de comunicacións dos galegos para os galegos.

Unha cousa que tamén considero rechamante ó botar un ollo á historia da Internet galega é que morreron moitas webs de referenza. Non sei moi ben por qué, pero sorpréndeme que haxa tantos espazos pioneiros perdidos no tempo coma bágoas na chovia.

Non quero rematar esta entrada sen comentar que se ve que Berto coida ben o seu MacBook, pois o ten moi branquiño (vese que non o levou á praia no verán), aínda que supoño que pronto o veremos en fotografías cun iPod Touch ou un iPhone 😛

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS