O iPhone podería converterse nun dispositivo moi atractivo para o acceso á web, pero amosa unha resolución de pantalla moi reducida, de xeito que a meirande parte das webs teñen un grande problema para verse no móbil: hai que facer desprazamentos horizontais para ler as liñas de texto. Por iso, é posible ver as webs en formato horizontal, pero iso non é suficiente sempre, e para solucionalo nos blogs con WordPress existe un tema chamado iWPhone que funciona combinado cun engadido (plugin), de xeito que amosa a portada deste blogue así:
Non é un sistema moi atractivo, pero resulta moi práctico, xa que presenta a información básica para ver se un quere ler logo unha entrada particular do blogue. Así, poderiamos afirmar que este tema permite un uso máis óptimo dos blogs no iPhone, pero sacrifica a aparencia gráfica dos mesmos e a súa personalidade, polo que non creo que acade moito éxito.
Pero se algo positivo ten este tema é o engadido que fai que só se amose dende o iPhone, de xeito que poderiamos ter un tema específico para os nosos blogues no caso de que se visen dende pantallas pequenas. Vaia, que poderiamos ter unha versión dos mesmos conservando a estética, pero, por exemplo, omitindo os contidos das columnas suplementarias (con fluxos RSS doutras webs, un blogroll inmenso, acceso ó arquivo…) para que a súa carga sexa máis rápida e os contidos aproveiten mellor o pouco tamaño de presentación do iPhone (e dos móbiles semellantes que irán aparecendo nos vindeiros meses).
Así, a xeito de servizo público deuseme por comprobar cómo se verían algúns blogs e páxinas de amigos e coñecidos, para ver se precisarían de medidas urxentes de remodelación no caso de que os seus administradores e lectores fosen adictos ós trebellos de Apple, comezando por Intramuros, por aquilo de que foi o blog que dende o que partiu o meme da miña simpsonización.
Curiosamente en vertical se podía ver bastante ben a aparencia do blog, e en horizontal o texto case colle a tamaño completo. A verdade é que a resolución do iPhone (480 x 320 píxeles) é moi cutre, especialmente se a comparamos con dispositivos que tenden á resolución WVGA (800 x 480 píxeles) que si permitirían unha cómoda lectura, pero coñecendo esa limitación xa temos unha nova referencia de ancho para as columnas de texto para os máis fanáticos (480 píxeles), que curiosamente teñen blogs coma eCuaderno:
E o mesmo lle pasa ó blogue de Modesto, que na súa enésima remodelación estética se ve bastante ben no iPhone:
Aínda así, non é crucial que o ancho non supere os 480 píxeles, xa que cun pouco de zoom out o texto ainda é lexible, e mesmo co ancho completo hai moitas páxinas que se len correctamente, como as seguintes:
–Deakialli (tamén capturei o blog en vertical):
–Microsiervos:
–Trebellos:
–O blog de Andrés Milleiro:
-E, evidentemente, Código Cero:
Pero a experiencia non quedou ausente de sorpresas, e así, ó visitar Chuza en vertical, a web apareceu totalmente descomposta, o que me asustou. Nese momento pensei: “se pasa iso a Chuza, ¿cantas webs van ter que pensar en cambiar de imaxe por mor do iPhone?“.
Pero a cousa solucionouse de xeito doado con só xirar a pantalla. As entradas en Chuza se podían ler sen problemas, e mesmo funcionaban as funcións en AJAX (non as provei profundamente, pero sospeito que a meirande parte da web será operativa no iPhone, o que non masa en mooooitas páxinas, o que está forzando a servizos populares coma Facebook ou Bloglines a adaptarse rapidamente ó teléfono de Apple para non perder certo tipo de usuarios). Ou sexa, que apostaría que Bertiño vai estar contento cando merque o iPhone e vexa que non vai ter que adaptar Chuza para a súa consulta dende calquera lugar:
Pola contra, os medios xeralistas deberían mirar ben se lles paga a pena facer reformas, ou sexa, ter cousas semellantes ó engadido de WordPress, e remitir ós usuarios de móbiles e PDA a versións diferentes das súas webs, xa que as portadas recargadas dan problemas, como podemos ver na web de La Voz:
Podemos ver que, aínda que a cabeceira se ve moi ben no iPhone, segundo imos baixando pola portada, a cantidade de contidos resulta moi confusa, e non é doado distinguir o que hai na mesma.
Se sumamos que o Flash aínda non funciona no iPhone, algunhas webs como a da TVG non funcionarían ben:
A parte do Xabarín Club está en Flash e, aínda que se ve na captura (tomada co iPhoney) non se vería nun iPhone de verdade (a Monchiño, pola contra, veríamolo sen problemas). O que tampouco funcionaría en absoluto é todo o relativo á televisión á carta ou en directo (que utiliza tecnoloxía de Microsoft) polo que, de ter moita difusión o iPhone, algunhas webs deberían reflexionar sobre as súas plataformas dixitais, aínda que hai que recoñecer que as webs que apostaron por Microsoft teñen a batalla medio gañada, xa que hai moitos terminais telefónicos con Windows Mobile (que si poderían acceder ós vídeos). Supoño que nalgún momento os de Apple pasarán polo aro de Adobe, e incluirán Flash no seu terminal, o que cambiaría bastante o panorama, pois o Flash nos móbiles achegaría moitos contidos de vídeo e mesmo xogos (como xa pasa coa Wii).
Para ser un defensor do Nokia N800 e o Toshiba Portégé G900 estou a dedicarlle moita atención ó iPhone, ¿non?
Debe estar conectado para enviar un comentario.