Wi-Fi en Samil

Durante todo o mes de agosto está a funcionar na praia de Samil unha rede Wi-Fi a xeito de experiencia piloto para ver se para o verán que vén...

Durante todo o mes de agosto está a funcionar na praia de Samil unha rede Wi-Fi a xeito de experiencia piloto para ver se para o verán que vén montan cousas semellantes noutros areais galegos, pero os da TVG parece que non se decataron ata o pasado sábado, cando lle dedicaron unha reportaxe á iniciativa en A Revista:
¡Qué naturais saían as preguntas que facían os veraneantes! 😛

Non entendo a santo de qué vén falar agora, cando xa remata o verán, deste tema na televisión. ¿Para qué o fan? ¿Para que toda a xente que podía ter tirado proveito do Wi-Fi se poña de mala hostia porque ninguén os informara do servizo de balde?
Co que tamén flipei é coas cifras de uso da rede Wi-Fi, pois a semana pasada sostiñan que aínda que nun principio rexistraran picos de conexión de ata 20 diarias, finalmente a media quedaba en 2 conexións/día e na reportaxe de TVG parece que esaxeran bastante ó falar de 50 conexións diarias durante a fin de semana, principalmente porque o servizo só funciona dende dispositivos Wi-Fi con navegador web, en contra do que anunciaban (pois falaban de que calquera trebello con Wi-Fi podería aproveitar a conexión, o que é falso en vista do sistema de autentificación empregado). O normal sería que puxeran unha rede aberta, para que a xente se conectase sen problemas, e puidera acceder coas consolas de videoxogos portátiles (por exemplo) que son uns chismes moito máis cómodos de levar á praia ca un portátil.
De feito, ¿quen é o tolo que leva o portátil á praia? Supoño que alguén que non lle ten moito cariño, pois a area non lle vai sentar moi ben. No futuro o servizo podería ter máis éxito grazas á proliferación da conectividade Wi-Fi nos móbiles, así coma un predicible boom dos UMPC (do que falarei outro día), pero polo momento me parece unha iniciativa moi chorra. De experimentar con servizos Wi-Fi era moito mellor que conectasen un merendeiro, un parque ou cousas polo estilo… vaia, que ten máis sentido usar o Wi-Fi na terraza dunha cafetería que no medio dunha praia. Sen ir mais lonxe, na praia fluvial de Furelos un Wi-Fi tería máis sentido que nunha praia de verdade 😮

Para rematar non podo deixar de comentar que sen pasar por Samil podo asegurar que os datos de cobertura que solta o de Retegal son unha trapallada, pois se basea nas coberturas máximas de manual (300 metros en exteriores) en vez de nun caso real. Así, o home entende que no mar non hai interferencias e, polo tanto, o Wi-Fi acada a máxima cobertura, pero esquece que a agua non está coma un prato, e o movemento das ondas afecta os sinais (rebotes a tutiplén). Calquera que sexa realista está caladiño ó dar datos de cobertura ou é algo diplomático (en tódalas presentacións profesionais sobre o tema ás que asistín primou a moderación nesta materia), pois co Wi-Fi tanto podes ter conexión a cen metros como non tela a 15, según como lle cadre. Afectan tantos factores que para responder a tal cuestión habería que facer unha proba de campo (ou sexa, medir o sinal por todo o contorno). Pero non me toca a min explicar estas cousas, para iso é mellor visitar calquera das completísimas webs sobre Wi-Fi que hai na Rede.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS