Onte saíu na Voz unha entrevista de Nacho Mirás Fole a Malén Pampín:
«O que máis me gusta de saír en pantalla é o plus que nos pagan»
- Xornalista e presentador de informativos da Televisión de Galicia
- Estes días está «en boxes» por unha operación de cadeira da que evoluciona estupendamente; pero volverá con forzas renovadas
Dicía o mestre Kapuscinski que, para ser bo xornalista, hai que ser boa persoa, que os cínicos non valen para este oficio. Se un día poñen a TVG e sae Jesús Manuel Pampín Sánchez (Melide, 1958) informando de que o ceo caerá sobre as nosas cabezas, mellor ir buscando un casco, porque será verdade; as boas persoas non menten.
-É vostede un histórico…
-Van vintedous anos.
-Moita xente pensa que a súa cara e o seu xeito de contar as noticias transmiten credibilidade…
-Non sei, son estilos. A clave é a naturalidade, aínda que pareza un tópico. Falar como falas ti habitualmente e, sobre todo, na Galega, ter un galego que chegue, que non sexa finxido.
-É certo. Na TVG tamén hai un galego como de laboratorio que soa raro…
-Hai xente que só fala galego cando presenta. Eles saberán, pero hai que ter un pouco de interese pola materia, sobre todo a xente que procede das cidades. ¿Cóntoche un detalle?
-Conte…
-Unha vez veu un rapaz de Madrid á redacción, fomos ao plató e, cando acababa a visita, dime: «¿Pero aquí la gente no habla en gallego?» ¡Un tío de Madrid! Sentín un pouco de vergoña.
-¿Que cara se lle pon se alguén lle chama á TVG a Telegaita?
-Creo que non hai que dramatizar. No seu tempo era unha realidade, polo tipo de televisión que se facía. Agora, aínda que hai moitísimo que mellorar, evidentemente os contidos cambiaron. Pero iso da telegaita o tomo pola parte anecdótica.
-Si que gañou en luminosidade, hai máis luz nos platós, son menos tristes…
-¿En luz? Esteticamente si que cambiou. Agora, o plató de informativos parece de verdade, antes era como de xoguete. Agora hai outra elegancia.
-¿Os profesionais sofren máis nunha tele pública que nunha canle privada?
-Penso que si. Eu teño unha teoría: cando dependes do tema político, malo, sempre estás condicionado. E claro que sufrimos, porque ti tes uns ideais, unhas utopías xornalísticas de limpeza, de liberdade, e logo non é así. Pero hai graos e graos de presión e condicionantes. Ás veces pásase mal.
-Pasou vostede moito tempo en segunda fila…
-Marxinado.
-Non me atrevía. Pois si, marxinado…
-Absolutamente. Na anterior etapa, cando pasei a informativos, despois de deportes, fun apartado, executado. Fun dos que participou naquela iniciativa lexislativa popular para pedir que se cambiara o nomeamento do director xeral. Alí estiven, traducindo teletipos durante anos. Tampouco che mandaban facer directos, nin saídas… Sete horas alí para traducir noticias nada comprometidas.
-Agora está en pantalla outra vez, é outra motivación…
-Sénteste útil. Agora contan contigo, aportas as túas ideas. Antes era un cero á esquerda. Insisto, todo é mellorable.
-Ía ser vostede o xefe de informativos da Radio Galega, pero dimitiu antes de tomar posesión…
-Eu pactara con alguén ter absoluta liberdade para escoller á xente. Pero cando chegou o director que está actualmente, de todo o prometido, nada. Entón deixeino o día antes de asinar. Non me arrepinto en absoluto. Eu non estou aquí por cartos, e a cota de vaidade xa está cuberta.
-¿Como leva ser unha cara coñecida?
-Mal. Moita xente aínda me recorda polos deportes. O que máis me gusta de saír en pantalla é o plus que nos pagan.
-¿É profeta na súa terra?
-Home, hai un cariño, un sentimento. Pero, máis que nada, polos meus pais, que tiveron un ultramarinos toda a vida e son xente coñecida. A xente ten mitificados aos presentadores. Eu sempre lles digo: «¡Pero se é un traballo como outro calquera!».
-Se estes días non sae na tele, non ten nada que ver con marxinación…
-Non. Cunha operación de cadeira, automarxínome. Xa me operara da outra. Teño tres meses para gozar desa cousiña pequeniña [sinala á súa filla, que lida pola redacción da Voz]. Ten dous anos. Agardei bastante, tívena con 46 anos. Non entendía cando os adultos babeaban cos nenos; agora si, pero so coa miña.
Vaia, como o presentador da TVG é de Melide tiña que pór a entrevista aquí.