Na proximidade das eleccións municipais, déuseme por mirar cales foran os resultados dos anteriores comicios na vila na que eu voto, Melide, e atopei que en 1999 o resultado era de 9 concelleiros para o Partido Popular, 2 para o Bloque Nacionalista Galego e 2 para Democracia Galega:
Pola contra, en 2003 os resultados foron bastante diferentes, perdendo o PP dous concelleiros e quedando con 7, mentres que o BNG ascendeu ata 4 e o PSdeG fíxose con 2 concelleiros no que supón unha forte entrada na política melidense na que tradicionamente estaba ausente:
No tocante á participación, tivemos que en 1999 foi do 66,68% (con 5.175) e en 2003 do 65,75% (con 5.190), o que parece contradictorio, xa que subiu lixeiramente en termos absolutos e baixou lixeiramente en termos relativos, o que teríamos que entender como que se mantivo, polo que estimar que a cousa seguirá así non parece desatinado.
Entendemos entón que para 2007 tamén se elixirá a 13 concelleiros, e que a maioría absoluta se acada con 7, e vendo a regresión do PP a posibilidade da perda do poder parece inevitable (pese a que a enquisa que se realiza en Tierras de Santiago mantén un 50% de apoios para o Partido Popular melidense), polo que me atrevería a facer o vindeiro prognóstico (¿alguén se anima a facer a súa propia quiniela nos comentarios?):
PP: 5 – BNG: 5 – PSdeG: 3
Aínda que preferiría que o resultado fose máis equilibrado:
PP: 5 – BNG: 4 – PSdeG: 4
Moita xente coida que o resultado está máis próximo a un PP:6 – BNG: 4 – PSdeG: 3 ou PP: 6 – BNG: 5 – PSdeG: 2, pero eu estimei que o desgaste do PP sería maior ó non contar con poder nin a nivel estatal, nin a nivel autonómico, nin a nivel provincial.
Con calquera destes resultados sempre habería que dixese que debe gobernar a lista máis votada, pero hai que recoñecer que en moitas ocasións non é que unha opción política teña máis apoios que o resto, senón que son a meirande parte dos cidadáns os que non a apoia (lembremos o que pasou coas anteriores eleccións estatais).
Supoño que a ninguén lle sorprenderá que nas miñas previsións nin considere a candidatura de Cidadáns de Galicia, de xeito que a alcaldía podería recaer sobre Ángeles Vázquez, Socorro Cea ou Manuel Prado:
Na Voz de Galicia fan un repaso dos candidatos, centrándose especialmente no futuro do Polígono Industrial local:
O impulso ao polígono como resorte para un futuro próspero
Os candidatos que se disputan a alcaldía de Melide polas tres principais forzas políticas da comunidade son conscientes de que o vindeiro mandato será decisivo para o desenvolvemento e crecemento do municipio, no que se impón a urxente necesidade de ampliar o polígono industrial e de aprobar o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM). Ánxeles Vázquez (PP), Socorro Cea (BNG) e Manuel Prado (PSOE) coinciden na idea de priorizar ambas actuacións, que defenderán, coas súas diferenzas, como principal cabalo de batalla na contenda electoral aberta ata o vindeiro día 27. Á marxe dos proxectos de futuro, este é o diagnóstico que realizan do concello que aspiran a gobernar durante os próximos catro anos.
Ánxeles Vázquez. O PP estableceu as bases para un futuro aínda mellor, como a redacción do PXOM, a posta en marcha da residencia da terceira idade, a ampliación da escola infantil e a dotación de espazos recreativos e deportivos para os mozos. Melide tamén logrou un saneamento integral cunha inversión de 7 millóns de euros, que foi a maior de todos os tempos. Nas parroquias, os proxectos para instalar depuradoras estanse realizando onde hai terreos para ubicalas, porque hai zonas onde polas condicións orográficas é imposible. Ademais, aqueles lugares que quixeron traída de auga, e así o solicitaron no Concello, téñena.
Socorro Cea. Despois de 16 anos de goberno do PP con maioría absoluta, Melide aínda non conseguíu ter as infraestruturas básicas que precisa calquera concello como son o saneamento, a auga da traída ou o subministro eléctrico axeitado no rural. Si é certo que se deu un paso importante en materia de saneamento na vila, pero Melide ten 26 parroquias máis que non contan con ese servizo. Ademais, 22 non dispoñen de auga da traída, e nas que existe foi porque foron os propios veciños e veciñas os que tiveron que pagala.
Manuel Prado. É verdade que tivo unha boa actuación no tocante ao saneamento na vila, pero as zonas rurais están igual que hai vinte anos: carecen de servizos básicos, non teñen a concentración parcelaria rematada e as vías de comunicación son as mesmas.
Polígono industrial
Os tres candidatos coinciden en que existe unha demanda de solo industrial, pero discrepan acerca de cando xurdiu esta necesidade.
A. V. Hai ano e medio empezáronse a presentar solicitudes no Concello, e, neste momento, a demanda de solo triplica a superficie que se vai urbanizar na segunda fase. O correspondente proxecto aínda non foi entregado ao Concello, que se comprometeu a financiar a depuradora porque a Consellería de Vivenda se negou.
S. C. Están a piques de comezar as obras de urbanización da segunda fase, posible dende o cambio de goberno na Xunta. Hai máis de dez anos que se fala xa desta fase, pero os anteriores gobernos non fixeron nada para levala a cabo. Que non se intente enganar aos veciños dicindo que a consellería se nega a instalar unha depuradora porque é algo que xa lle correspondía ao Concello na primeira fase.
M. P. Son coñecedor da existencia de empresas interesadas en instalarse no polígono dende hai máis de dous anos, e non tiñan terreo. Foi un abandono total por parte do PP. O Concello tampouco foi capaz de solicitar a depuradora á Consellería de Medio Ambiente, que seguro que atendería a demanda.
A. V. Este polígono perténcelle a Xestur, polo que o Concello non é quen para obrigar que as parcelas baleiras revertan de novo ao Instituto Galego de Vivenda e Solo, senón a Xunta.
S. C. Este problema non volverá ocorrer porque no novo convenio quedará reflectida a obriga para quen merque una parcela da segunda fase de solicitar licenza de obra no prazo dun ano, e de ter instalada a empresa no prazo de tres. Isto non o especificaron con claridade os presidentes de Xestur do anterior goberno.
M. P. Nin dende o Concello nin dende o organismo correspondente se fixo nada para que as parcelas sen edificar da primeira fase do polígono revestisen en Xestur.
O que se agradece é que existan espazos na Rede coma o blog de Caboseijas no que se poidan ver información das eleccións locais melidense, que non destacan precisamente por ter relevancia na Internet, pois o único dos partidos que polo momento ten unha web activa é o Partido Popular (e é unha desas páxinas con marcos que parecen de 1997, aínda que cumpre co seu obxectivo publicando a súa candidatura).
Así, á espera de que rematen a web da agrupación local do PSdeG, podemos consultar a listaxe de candidatos:
Agora (texto actualizado xa comezada a campaña electoral) tamén podemos ver ós candidatos do BNG:
Agora só faltaría que na parcela melidense do Blogomillo se iniciase unha actividade que reflectise a tensión electoral na Rede, para que os que non estamos a diario na vila poidamos estar ó tanto do que alí acontece. E xa non digo nada de que os candidatos monten o seus propios blogues, ¿eh?
Debe estar conectado para enviar un comentario.