Os blogues na edición galega de El País

El País fala das bitácoras galegas nun interesante artigo: Máis de 4.000 bitácoras galegas en primavera Blogueiros e analistas falan do estado da comunidade virtual galega ante a multiplicación...

El País fala das bitácoras galegas nun interesante artigo:

Máis de 4.000 bitácoras galegas en primavera
Blogueiros e analistas falan do estado da comunidade virtual galega ante a multiplicación e diversificación de intereses

Pedro Silva, Goretoxo, mantedor do blog De mares e impulsor de blogaliza.org, arrisca unha cifra de 4.000 blogs galegos para a primavera. A día de hoxe pódense contar 2.100 bitácoras en galego, 600 co software de blogaliza.

“Agora calquera pailán ten un blog”, di Silva. “A élite esnob do ‘qué guai son, teño un blog’… non se trataba diso, era o contrario. O importante de todo isto é a democratización da palabra, iso é o revolucionario dos blogues, a entrada de xente que non manexa a técnica”.

Silva non certifica a existencia dun certo síndrome do pioneiro cando, en xaneiro de 2003, os blogueiros galegos quedaron na praza de María Pita e ao final apareceron sete. Entre eles, o mesmo Goretoxo, María Yáñez (do blog Todonada), Martín Pawley (Dias estranhos), Mimosita (MF), Ascarida (Orballo) e Cesare (As túas balas).

Non hai acordo a respecto do primeiro blog en galego, pero Botelha ao mar, aberto no 2000 por Suso de Toro, considérase o primeiro experimento galego coa textura dun blog. “O seguinte paso agora é a adaptación da xente ao medio. A redacción é a primeira encarga no instituto, o que pasa é que nos blogues non hai pés de páxina, senón ligazóns”, resume Silva a propósito da proliferación de blogues inzados de texto e alleos ás posibilidades do soporte. O autor das frases conclusivas sobre o estado da comunidade blog en Galicia tras a popularización da ferramenta foi Xabier Cid, actualmente profesor de galego en Edimburgo. Cid declarou hai tres meses na revista Tempos Novos que o blog estaba “morto como xénero literario” e tamén decretou “a morte do blogomillo

[termo cuñado por María Yáñez para saudar a entrada na bloguería galega do analista Manuel Gago] por exceso de papel”. “Xa non hai comunidade, o que non sei é se pode haber comunidades con tanta masa”, explica.

Deixando á parte a cuestión do blog como xénero literario de seu, falar da morte da comunidade blog galega, agora que non para de medrar, semella un paradoxo. Máis aínda cando os primeiros blogueiros se afoutaron entre eles para contribuír ao crecede e multiplicádevos (os blogues galegos), amalgamados daquela polas feridas do Prestige.

El niño de la guía, alcume do programador informático que mantiña o lembrado blog A aranheira, sinala que antes, con 20 ou 30 blogueiros, “todo era máis sinxelo”. “A comunidade era Todonada, e a xente comezou a crear blogs a partir desa irradiación”, sinala..

Agora que metabloguear é o peor, o retrouso de Ascárida, vai perdendo sentido agás para os iniciados, María Yáñez sinala: “Existen moitos blogomillos. E non sei se están neste”. A mantedora de Todonada entre 2003 e 2006 considera que a xente que comezou a valerse da ferramenta entón “tiñan unha curiosidade tecnolóxica maior. “E é certo que, ao aumentar a comunidade, a súa forza esváese”, engade.

Lucía e Cecilia Novas, autoras do blog Noite subsahariana, nunca quedaron con blogueiros só polo feito de selo. “Nós creamos o personaxe de Lauridinha, pero o problema de acudir ás ceas é que perdes libertade á hora de crear ficción”, din. Para a xente do blog Inseminario (a punk attitude), o da morte da comunidade blog parécelles “unha estupidez, a típica polémica galega sen percorrido. Dentro dunha comunidade non podes actuar coma un francotirador”.

Fernando Garrido, membro do Observatorio para a Cibersociedade, sinala que o bum era previsible. “Na enquisa que fixemos en abril sobre 250 blogues, máis da metade escribían Galiza, pero agora o perfil está a mudar”. En calquera caso, di Garrido, “a tecnoloxía expándese, e o proceso hase repetir. O camiño é a integración de audio, vídeo e fotografía nunha ferramenta. Uns hanse encargar de popularizala e outros virán por tras, xa máis afeitos ao medio”.

Para o mantedor da Plataforma A Regueifa, factótum da música popular galega e dos grupos máis novos, “se o blogomillo serviu para enriquecer o tecido cultural do país, ben estea”. O Regueifeiro recoñece que a antiga oposición pasou a ser funxible. “Fraga era un dos nosos grandes motores”, di. E engade: “Quizais a cuestión é que non apareceron outros blogues de referencia”.

A rede Chuza.org, mantida por Berto Yáñez, pasa por ser o único gran experimento social da bloguería galega tras as eleccións, deixando para outra análise a cadea humana que xunguiu as estatuas de Castelao e Pablo Iglesias o 26 de xuño de 2005 en Compostela, na pendencia do voto emigrante.

Aquela iniciativa partiu de Martin Pawley, mantedor de Dias estranhos, o blog en galego máis visitado, xunto á Regueifa e a Aduaneiros sem fronteiras. Pawley afirma que “aínda non se valorou” a aportación da parroquia virtual á cultura do país. Carlos Neira, responsable de Calidonia, preocúpase doutro fío: se agora en Galicia hai máis de 2.100 blogues en galego, o certo é que en castelán son máis de 10.000 (o único blog galego no top 100 mundial por tráfico e enlaces é Microsiervos, escrito en castelán. “Iso concorda co uso do galego entre a xente nova”, apunta.

O blog Periodismo Incendiario, do xornalista galego Manuel Rico, foi un dos tres nominados ao premio ao mellor blog en español da Deutsche Welle International Weblog Awards, que ao final levou o coruñés Nacho de la Fuente por La Huella Digital. Rico relata que o abriu impulsado pola carraxe que lle facían sentir “radiopredicadores tipo Jiménez Losantos”. E tamén,confesa, “pola depresión dos 39 anos”.

Aínda que quizais é máis interesante a proposta de Manolo Bragado de crear un Primeiro Congreso dos blogs en galego co gallo do devandito artigo.
Non podo evitar engadir que de feito xa hai moitísimos puntos de encontro para os membros do blogomillo, que van dende o EnBlogs ata a case totalidade de congresos e conferencias que se organizan sobre temas relativos á Internet (a Resaca Das Letras, Enredad@s, as xornadas co CMG, etc.) pero está claro que non existe un punto de encontro oficial e común,

Comentarios

ENTRADAS RELACIONADAS