Libro Aberto, hora chunga

Dende Chuza! informan dunha columna de Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe criticando o horario de Libro Aberto na TVG: Libros e televisión Non é boa noticia, non,...

Dende Chuza! informan dunha columna de Miguel Anxo Fernán Vello en Galicia Hoxe criticando o horario de Libro Aberto na TVG:

Libros e televisión
Romón en Libro AbertoNon é boa noticia, non, que o programa da TVG titulado Libro aberto comece a ser emitido, nesta nova andaina outonal, a partir das 1:40 horas da noite, se non hai demoras propias da programación que lle afecten. Os responsábeis de enviar os libros televisivos a esta sima horaria nocturnal terán as súas razóns para procederen así, mais o mundo autoral e o mundo editorial xa están a manifestar –en ‘blogs’, correos electrónicos, conversas directas, tertulias varias– un certo estupor –dígase tamén pasmo– en relación con este proceder “catacúmbico” da TVG a respecto dos libros. Ray Bradbury definía a televisión como unha “medusa que converte en pedra a millóns de persoas todas as noites a ollaren para ela”. Mais o autor de Farenheit 451 engadía a seguir que esa “medusa” vén ser unha “serea que chama e que canta, que promete moito e que en realidade dá moi pouco”. Enténdaseme ben. Porque non sempre isto é así. Eu recordo que cando o programa Saló de lectura da BTV –espazo de éxito e de referencia recoñecido por unha ampla marxe de público– viu alterado o seu horario de emisión pasando dunha hora de máxima audiencia ás 11 da noite, Jorge Herralde (Anagrama) e 16 editores máis manifestaron publicamente a súa estrañeza polo cambio de horario do citado programa, “desterrado a horarios minoritarios”. Ou sexa, ás 11 da noite. E asinaban un texto de “protesta”, entre outros, Cristóbal Pera (Debate), Beatriz de Moura (Tusquets), López de Lamadrid (Random House Mondadori), Mauricio Bach (Destino), Andreu Jaume (Lumen) e Elena Ramírez (Seix Barral). “Pedimos aos responsábeis máximos de BTV que restitúan Saló de la lectura ao seu horario habitual”, dicían. A verdade, non sei se estes importantes editores o conseguiron. No noso caso, Libro Aberto, tomen nota, emitíase antes a partir das 12:30 da noite. E agora pasa a emitirse, tomen nota de novo, a partir das 1:40 horas tamén da noite. Como di Manuel Bragado, “somos xentes optimistas da vontade e seguimos crendo que outra TVG debería ser posíbel”.

Queda constancia a tendencia da TVG por soterrar os programas novos en horarios pésimos. Parecen querer dar a razón ó Goberno anterior, de xeito que as apostas seguras serían os Tonechos, Gayoso e Piñeiro, mentres que o resto de programas están destinados ó fracaso máis absoluto, non pola súa calidade, senón pola súa mala programación.
A verdade é que non entendo para qué se pode facer un programa se logo se emite despois da 1 da madrugada. ¿Será que só queren quedar ben coa xente á que llos encargan (por iso de darlles de comer)? ¿Cómo ninguén rende contas por esta política que non afecta á audiencia senón á dignidade da TVG?

ACTUALIACIÓN: La Voz de Galicia publicou os datos da audiencia de Libro Aberto:

«Libro aberto» acada un 11,5% de cota de pantalla no seu retorno
Malia o considerable retraso no seu horario con respecto á temporada anterior, o regreso do espazo literario da TVG Libro aberto (mércores, á 1.40 horas) mantivo as boas cifras dos programas precedentes. No seu retorno á grella, o espazo que presenta Manuel Romón e dirixe Luís Rei Núñez mantivo o número de espectadores por riba dos 20.000, a media da temporada anterior. Pero en cota de pantalla duplicou as cifras: dunha media de 6,1% pasou a 11,5%, que o converte no espazo literario máis visto dos que se emiten en España, todos eles programados por canles públicas de televisión.

Coido que están a confundir o número de espectadores co share. Ter un bo share despois da 1 da madrugada non serve para nada, porque a audiencia acumulada é ridícula, e a difusión da cultura se mide en persoas e non en porcentaxe de televidentes, polo que a TVG estalle facendo un fraco favor á literatura.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS