A cidade da Coruña acollerá a vindeira semana unha das feiras do cómic máis frescas de España, principalmente porque non está limitada a espazos pechados, pois os Cantóns acollerán ás casetas nas que se poderán mercar as últimas novidades (e pezas de coleccionista) mentres que no Kiosco Alfonso e no Palexco se poderán ver exposicións e conferenzas.
O certame será do 14 ó 20 de agosto, e na web do Concello explican o seguinte:
Entre as novidades figura a incorporación dun novo espazo expositivo, a Casa dos Peixes, e a participación no Ano da Memoria Histórica coa exhibición dunha mostra de tebeos dos dous bandos contendentes na guerra civil. Por segundo ano consecutivo, o Salón ten participación feminina: a obra da estadounidense Jessica Abel, autora de La perdida, representará o cómic elaborado por mulleres. O Salón conta tamén con presenza de autores españois, entre eles Kim, o creador de Martínez el Facha.
Os visitantes poderán contemplar unha ampla mostra de orixinais de cada un dos autores invitados, cuxa presenza durante o desenvolvemento do certame é unha das singularidades desta cita anual co mundo do Cómic, que dirixe o debuxante galego Miguelanxo Prado. As mostras exhibiranse no Kiosco Alfonso, Palexco, Palacio de María Pita, Durán Loriga, Sala COAG e Casa dos Peixes.KIOSCO ALFONSO
No Kiosco Alfonso colgarán os orixinais do debuxante norteamericano Brent Anderson, o francés Frederik Peeters, o canadense Guy Delisle, o croata Asad Ribic e o español Ángel de la Calle.
Brent Anderson é o autor da novela gráfica dos X-Men , Dios ama, el hombre mata, recoñecida como un referente das series de mutantes. É tamén, xunto con outros grandes autores, o creador dunha das series definitivas dos anos noventa: Astro City (unha América de ficción onde os superheroes existen dende o século XIX).
Frederik Peeters é un autor que pese á súa xuventude ten xa unha dilatada traxectoria profesional. No ano 2001 publicou Píldoras Azules, de toques autobiográficos, na que afronta o tema da SIDA. Acompañada dun éxito editorial abraiante, tanto na súa edición orixinal como nas diversas traducións, entre elas a española, este tebeo puxo o seu autor no pico da onda.
Guy Delisle, autor canadense afincado en Francia, é o creador de Aline et les autres, considerado pola prestixiosa revista Cómic Journal, como un dos cinco mellores álbums publicados en Europa en 1999. A súa obra Shezhen, baseada nunha experiencia de tres meses en China, obtivo un éxito total de crítica e público e converteuno nun dos autores máis importantes dentro da chamada Nouvelle Bande Dessinèe.
O croata Asad Ribic traballou para o mercado alemán e actualmente faino para o norteamericano, primeiro coa editorial DC, dentro da súa liña Vértigo, e despois para a rival, Marvel Cómics, realizando diversas portadas e números de recheo en series como Lobezno, X-Men e en xeral series asociadas ao universo mutante. No 2005 sae á luz o cómic que o catapulta á fama, Loki, con guións de Robert Rodi.
Ángel de la Calle é subdirector da Semana Negra de Gijón e director das Xornadas do Cómic Vila de Avilés. Vinculado ao underground durante a transición política española, nos anos oitenta simultaneou a historieta (en revistas como Rambla ou Cómix Internacional) co deseño e a ilustración, actividades ás que terminará por dedicarse case en exclusiva.PALEXCO
Na sala de Exposicións de Palexco colgarán os orixinais os norteamericanos Bruce Timm e Jessica Abel, os españois Lorenzo Gómez e Fermín Salís e o francés Manu Larcenet.
Bruce Timm é un dos ilustradores máis recoñecidos no mundo da animación, campo que conseguiu revolucionar nos anos noventa, a través das súas ideas e deseños para a multipremiada Las Aventuras de Batman. Dende 1989 traballa na Warner Bros para a que realizou a serie de animación de Superman, Las aventuras de Batman, o proxecto futurista Batman Beyond e a serie de animación de La Liga de la Justicia.
Lorenzo Gómez gañou no ano 2001 o primeiro premio do Certame de Cómic do INJUVE, o que supón un punto de inflexión na súa carreira. A partir de aí comeza a súa colaboración na desaparecida revista TOS, co Colectivo D Tebeos de Almería e na revista Dos Veces Breve. Publicou a súa primeira e de momento única monografía, o Diario Sentimental de Julián Pi, no ano 2003. Con esta obra conseguiu o premio de La cárcel de papel ao mellor tebeo nacional e o do Salón do Cómic de Madrid (Expocómic). Tamén no Salón do Cómic de Barcelona foi seleccionado dúas veces consecutivas como autor revelación.
As obras de Manu Larcenet teñen un marcado carácter persoal a medio camiño entre o realismo e a caricatura. Unha das súas obras de máis éxito é a serie Una aventura rocambolesca de…, onde utilizando diversos personaxes históricos como Van Gogh ou Sigmund Freud, conta biografías tan surrealistas como divertidas. Los combates cotidianos, publicada no ano 2003, é a obra que o dará a coñecer fóra de Francia. A obra alzouse con varios premios dentro e fóra do seu país, entre eles o premio ao mellor álbum do Salón de Angoulème do ano 2004.
Fermín Salís é debuxante de tebeos e ilustrador. Colabora na maioría das revistas actuais de cómic como TOS, Dos Veces Breve, Buen Provecho, etc. Participou, ademais, nos libros colectivos Tapa Roja, Artículo 20 e Project Superior (Seleccionado para un premio Harvey). As súas obras traducíronse e foron editadas nos Estados Unidos e en Francia. Gañou numerosos premios, entre eles o de autor revelación no Salón Internacional do Cómic de Barcelona do 2004.
Jessica Abel é a representa feminina desta novena edición de Viñetas. A súa obra máis coñecida e premiada é La Perdida. Publicada en principio de forma seriada, e recompilada posteriormente nun tomo, conta o periplo dunha rapaza americana durante a súa estancia en México, cunha elevada carga autobiográfica. A obra recibiu o premio Harvey á mellor serie do ano 2002, galardón que lle abriu as portas do gran público.
Tal descripción me parece decepcionante. ¿Por qué? Pois porque entendo que Bruce Timm non vai asistir, senón que só vai ter unha exposición (o que nos tempos da Internet non ten moito interese, xa que moitísimas galerías de imaxes con obras de Timm). En fin, sempre se poderá aproveitar a ocasión para ver a colegas e falar coa xente que se pase por alí, aínda que sexa unha mágoa que non poidamos repetir a experiencia da primeira edición de Viñetas (que contara coa presenza de Adam Hughes, Marv Wolfman, Carlos Pacheco, Cels Piñol e outros).
ACTUALIZACIÓN: Fernando (Tanxencias) comentoume que Bruce Timm está na listaxe de convidados a Viñetas, polo que, agás cancelacións de última hora, suponse que asistirá ó evento 😉
Na web do Concello tamén puxeron a rolda de prensa da presentación de Viñetas.
Debe estar conectado para enviar un comentario.