Se temos figuras ilustres no panorama audiovisual galego poderiamos dicir que Enrique Banet (realizador do programa de televisión Senda Verde, e persoa comprometida co medioambiente) e Mabel Rivera (actriz que recibiu numerosos premios tanto en Galicia como fóra e que foi unha das poucas persoas que deixou o xugo da TVG renunciando ó seu papel en Pratos Combinados coma un signo da súa independencia) están bastante molestos co que está a pasar en Galicia nos últimos días, e non poden facer máis que lembrar que xa estabamos avisados, pois na curta que fixeron no Hai que botalos chamaban a atención en que había que cambiar a política de tratamento do monte para loitar contra o lume (ou sexa, que había que deixar de tirar cartos na extinción e aplicar medidas preventivas). Para deixar claro o asunto publican unha carta aberta que me chegou por correo electrónico (grazas por lembrarvos de min) e que reproduzo aquí:
Os dous asinantes deste escrito, profesionais ben coñecidos en amplos sectores da sociedade galega debido, entre outros motivos, ás nosas continuadas aparicións na T.V.G., participamos o pasado martes día 8 na rolda de prensa convocada por un grupo de compañeiros, á súa vez sobradamente coñecidos, do teatro e do audiovisual de Galicia. Do acto, recollido por diversos medios, informouse posteriormente nos sucesivos telexornais do día. Se ben é certo que ningún de nós os dous estabamos no estrado, senón sentados entre o público, non é menos verdade que gran parte do tempo a atención de TODOS os presentes (os propios compañeiros da mesa, o público e os medios alí desprazados, especialmente as cámaras da T.V.G., que mudaron de posición para recoller de fronte toda a nosa intervención, que foi certamente longa) se concentrou no debate que nós suscitamos. Pois ben, se nos atemos á información aparecida reiteradamente nos informativos da canle pública, calquera podería pensar que simplemente pasabamos por alí. E nada máis lonxe da realidade: ningún de nós os dous estivemos xamais de paso neste País, que é o noso, nin no público nin no privado. Ben ao contrario, levamos moitos anos mantendo abertamente un claro posicionamento e un compromiso activo coa realidade social, cultural e MEDIOAMBIENTAL de Galicia. De xeito que, sen ánimo de reclamar ningún tipo de protagonismo persoal, nin moito menos de llelo restar aos compañeiros convocantes do acto, queremos denunciar un tratamento informativo que consideramos que desvirtuou por completo o carácter desa comparecencia. Non estamos en condicións de afirmar que o fixesen de maneira intencionada, pero para nós supuxo unha evidencia máis de que na nova televisión pública hai discursos que segue interesando silenciar, e isto si que non nos parece casual.
Tiveron Vdes. a oportunidade de recuperar un dos mellores espacios de servicio público da historia da canle autonómica, xerme dunha auténtica EDUCACIÓN AMBIENTAL, como era o programa Senda Verde, reiteradamente censurado, limitado de medios e finalmente retirado da programación e o seu director improcedentemente despedido en clara represalia por sumarse a unha campaña cidadá na que moitos nos unimos para esixir un cambio para Galicia. Cando Vdes. tomaron o relevo, en vez de recuperar e dotar dos medios que cabe esperar dunha canle pública para un espazo medioambiental xa consolidado e co forte calado social acadado polo programa ao que nos referimos, limitáronse a deixalo morrer de maneira tan torpe coma irresponsable. Non se confundan: non estamos reclamando un programita na tele, non buscamos colocarnos. Todo o contrario, protestamos aínda máis contundentemente polo feito de que nin sequera se molestaron Vdes. en substituír de inmediato ese necesario espacio por algún outro, a ser posible (será posible?) de rigor e características similares. Ou por sete, ou por vinte: desgraciadamente (ou deberiamos dicir desgraZAdamente?) os problemas da nosa sociedade, e aínda máis da rural, dan para iso e para moito máis, e proba dilo é a demente situación que estamos a vivir nestes días e que nos ven dando a razón do xeito máis cruel que ninguén puidera nunca imaxinar. Unha imperdoable coincidencia de criterio que os iguala a Vdes. de maneira vergoñenta cos seus antecesores nos cargos directivos da canle autonómica. Por certo que, en canto a criterios de programación, o seguidismo do que veñen Vdes. facendo gala con respecto ao réxime anterior non acaba aí, senón que continúan Vdes. fiando a tremenda responsabilidade que comporta a xestión dunha televisión pública nos mesmos tres tristes piares fundamentais: as reposicións, a carallada e a verbena.
Por certo que a campaña cidadá por unha Galicia mellor, e moi significadamente por unha nova televisión pública, plural e de calidade, chamábase HAI QUE BOTALOS, lembran?, e nela tivemos a honra de compartir trincheira con algúns dos que agora ocupan os cargos directivos da nova televisión. Recordámoslles, por se tamén o esqueceron, o título da curtametraxe que nós aportamos a esa campaña: Incendios.
Pola nosa parte, nin mudamos de compromiso nin pensamos renunciar ao dereito de manifestalo de maneira libre, crítica, responsable, independente e perante quen sexa preciso. Polo que a Vdes. respecta, non teñen nin dereito nin autoridade moral para silenciarnos.
Para calquera cousa que se lles ofreza, contan Vdes. co noso boto.
Atentamente,
Enrique Banet (realizador de TV) Mabel Rivera (actriz)
As denuncias que fan Enrique e Mabel coido que son indiscutibles. Non só se ignoraron as suxerencias de Enrique na loita contra o lume, senón que tamén se está a facer unha política na TVG que dá a entender que non se cambiou de Goberno, senón que só se cambiou á xente que se beneficia dos sus cargos. E duro dicir tal, pero o certo é que na TVG os únicos cambios perceptibles no último ano son que cambiaron as caras no Telexornal e quitaron o Supermartes, porque os programas que incorporaron á grella de programación (Hai debate, Volver ao rego e Somos unha potenzia) os botan a altas horas da noite (polo que non os ven nin os mouchos) e o resto de incorporacións (Mundo verbena, Supermáster ou Perdelo todo) parecen obra dos anteriores responsables da TVG. ¿Tan difícil é cambiar o panorama audiovisual? ¿Nin sequera cun radical cambio de goberno se pode modernizar a Televisión de Galicia?
Para rematar, quixera publicar aquí a curta de Hai que botalos á que se fai mención no comunicado. Da carraxe ver que moitas das cousas que se denuncian aí continúan sen cambiar: