Hoxe levei unha grata sorpresa ao poder visitar o novo Media Markt que abrirán mañá ás 9:00 horas no centro comercial Dolce Vita de A Coruña, xa que tanto as dimensións do establecemento (3.000 m2) coma o enorme surtido de produtos deixáronme impresionado.
Os prezos non están nada mal, coma podedes ver no catálogo que estará vixente ata finais de mes:
A tenda non só ten os típicos produtos de electrónica de consumo que podemos atopar en PC City e outros establecementos semellantes, senón que incluso venden películas en DVD e Blu-ray.
Aínda que admito que puxen os ollos coma pratos ao contemplar que tamén había unha sección de merchandising con bonecos de películas e videoxogos:
Coido que no deseño do establecemento debeu de colarse algún friki, que meteu produtos que nun establecemento de electrónica tradicional non meterían nin de coña.
Aínda así, a meirande parte da xente flipará ao ver que o local tamén é moi alto, resultando sobrecolledora a sección de televisores:
Alí tiñan o Philips Cinema 21:9, un televisor de 56 polgadas que custa 3.999 euros e está destinado a baixar de prezo por falta de vendas, xa que mercar unha pantalla en formato cinematográfico só serviría para ver películas en Blu-ray, pero quedaría desbotado para ver a televisión (incluso as series) xa que é demasiado panorámico. Vaia, que está na tenda para fardar.
Aínda que non guste moito do Dolce Vita (principalmente polo tráfico que hai para chegar alí), que teña que mercar algo de electrónica de consumo de cara ao Nadal faría ben en botar unha ollada ao Media Markt. Así, xunto con El Corte Inglés, Carrefour, PC City, o Miró de Espacio Coruña, a FNAC e outros establecementos cativos temos unha impresionante oferta na cidade que debería servir para que os consumidores poidamos atopar bos prezos.
ACTUALIZACIÓN (30-10-2009): Mónica Pérez captou o mogollón da inauguración do Media Markt coruñés, no que segundo parece estaban a vender televisores coma churros:
Comentáronme que hai un bulo (que incluso rula por Twitter) no que daban a entender que o televisor que saía no catálogo de Media Markt estaba á venda hoxe por 1 euro, e seica houbo xente que chegou co televisor á caixa toda convencida da oferta… e deixaron o trebello alí 😮
Debe estar conectado para enviar un comentario.