Libro de ilustracións para nostálxicos do Spectrum

En febreiro de 1987, tras unha operación de vesícula biliar, regaláronme un ordenador ZX Spectrum +2, e ese acontecemento marcou o meu futuro levándome finalmente ao sector da Informática,...

ZX Spectrum +2En febreiro de 1987, tras unha operación de vesícula biliar, regaláronme un ordenador ZX Spectrum +2, e ese acontecemento marcou o meu futuro levándome finalmente ao sector da Informática, pero nalqueles primeiros anos os ordenadores eran máis inocentes, e a súa principal actividade era a de servir de dispositivos orientados aos xogos. Como curiosidade, ás poucas semanas de ter o Spectrum os xogos pasaron de custar 2.500 pesetas a venderse ¡a 875 pesetas! (se fixeran algo semellante na actualidade o panorama cambiaría bastante).
Portada de SpectrumComo os equipos eran moi básicos, era posible que cun equipo de 2 ou 3 persoas puidese facerse un xogo completo (cando na actualidade hai xogos con centos de persoas involucradas no seu desenvolvemento) o que permitiu que en España florecese unha industria que tivo unha forza incrible entre 1984 e 1991. Pero este fenómeno de producións Made In Spain tiña tres ilustradores case oficiais: José María Ponce (autor de moitas das portadas da revista MicroHobby), Luis Royo (autor das carátulas de xogos coma Game Over ou Hundra) e Alfonso Azpiri (que fixo o propio con títulos coma Army Moves, Lorna, Nonamed ou Viaje al Centro de la Tierra).
Agora temos a fortuna de que Planeta de Agostini vai editar o libro Spectrum, El Arte para videojuegos de Azpiri, que en 128 páxinas recolle todo un repaso polas portadas de videoxogos elaboradas por Alfonso Azpiri. ¿É preciso dicir que xa pedín que me gardaran un en Tanxencias? Só pola súas cubertas xa paga a pena:
cuberta do libro
Para quen non o colla, a imaxe imita o formato que tiñan a portadas das casetes nas que viñan os xogos, que en moitos casos contaban con fases distintas por cada cara (aínda que había que rematar a cara A para obter o código de acceso para a cara B).
A ver se tras este volume atrévense a lanzar unha recompilación semellante de Luis Royo, pois a recuperación de material de Ponce si que parece demasiado complicada (perdinlle totalmente a pista a tal ilustrador).

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS