A tradución automática invade a tenda de Kindle en galego

Na miña intervención na pasada edición do LGx15 facía algúns comentarios sobre os tradutores automáticos, dando a entender que facían auténticas desfeitas simplemente porque algúns entenden que son ferramentas...

Na miña intervención na pasada edición do LGx15 facía algúns comentarios sobre os tradutores automáticos, dando a entender que facían auténticas desfeitas simplemente porque algúns entenden que son ferramentas o suficientemente maduras como para poder empregarse para a produción de textos finais, cando están moi lonxe diso, e só poden empregarse como simples métodos para axilizar as traducións máis mecánicas.

Sobra dicir que no caso da literatura a tradución automática é unha aberración, xa que na literalidade pérdense numerosos recursos que van dende a rima e a sonoridade até os xogos de palabras ou os matices que se conseguen reflectir empregando unhas palabras ou expresións determinadas.

Tenda de KinldeEra preciso que matizase isto? O certo é que non son o máis atinado para falar deste tipo de cousas, pero fágoo simplemente porque fiquei escandalizado ao ir botar unha ollada á sección de Amazon de libros electrónicos en galego, para ver se estaba a medrar a bo ritmo e descubrín unha invasión de libros moi sospeitosos, en boa medida de autores descoñecidos, que cheiraban ao que poderiamos chamar «spam literario». Vaia, que hai xente que edita moito e en todas cantas linguas pode para ter presenza no servizo Kindle Unlimited e así poder sacar tallada do reparto de cartos que se fai nesta plataforma de tarifa plana.

Este fenómeno lémbrame bastante á proliferación de páxinas web con novas falsas, que non buscan enganar á opinión pública, senón simplemente chamar a atención dos lectores para captar visualizacións e así conseguir rendemento económico a través da publicidade.

Até hai pouco en Galicia estabamos libres deste tipo de prácticas, pero agora a nosa lingua está a padecer unha praga: os libros traducidos automaticamente. De feito, a meirande parte das novidades de Kindle en galego corresponden a obras escritas noutras linguas que tentan facelas pasar por escritas en galego cando resulta evidente que son ilexibles. Velaquí unha mostra do libro A Escaleira Circular:

Pero podemos tirar tamén de clásicos da literatura para comprobar este fenómeno, e así aparece agora unha tradución do Call of the Wild de Jack London, que nada ten que ver con edicións en papel como A Chamada da Natureza de Vicens Vives ou A chamada da selva de Xerais, pois A Chamda do Salvaxe é un texto incomprensible, como podedes comprobar neste parágrafo da súa primeira páxina:

Non sei como en Amazon permiten este tipo de prácticas e confío en que tomen medidas contra as mesmas expulsando da súa plataforma a quen publica obras dun xeito tan vergoñento, no que entendo que é unha fraude.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS