Comeza BOOM! Film & Comic en Vigo

Os organizadores dos eventos frikis coruñeses téñenme comentado que cada ano rexistran un número impresionante de visitantes de Vigo, o que resultaba bastante rechamante, pois o sur de Galicia...

boom_film_and_comic

Os organizadores dos eventos frikis coruñeses téñenme comentado que cada ano rexistran un número impresionante de visitantes de Vigo, o que resultaba bastante rechamante, pois o sur de Galicia parece un ermo no que á actividade do sector se refire, pero por fin parece que hai que detectou que tal carencia podía corrixirse, e a xente de BlackHouse Entertainment atreveuse a organizar no Auditorio Mar de Vigo a primeira edición do BOOM! Film & Comic, un evento que parece beber das populares Comic-Con, ou sexa, que combina banda deseñada, televisión, ciencia ficción, cosplay, videoxogos e mortos viventes durante un par de días.

O grande reclamo que teñen este ano é a ExpoSyfy (semellante á que visitou A Coruña durante a celebración de Viñetas desde o Atlántico en 2011), que é de acceso de balde, mentres que para participar das actividades de BOOM! Film & Comic haberá que mercar unha entrada diaria ou un pase de fin de semana (a 7 e 12 euros respectivamente en venta anticipada).

O evento comeza mañá, e unha das súa actividades máis interesantes do día será a charla do experto en efectos especiais de maquillaxe Alberto Hortas ás 16:30 horas; os autores Kenny Ruiz e Antonio Seijas tamén terán sesións de sinaturas ás 19:00 horas; mentres que ás 19:20 horas Javier Olivares, un dos creadores de El Ministerio del Tiempo, falará deste éxito de Televisión Española que vén de ser renovado; e para pechar a xornada botarán o filme Sharknado ás 22:00 horas.

nosolocosplay_10443388_1642713522623596_4396003818313284279_n

Supoño que o sábado será o día máis concorrido (cando menos é así normalmente nos eventos coruñeses) e será cando ás 18:00 horas se celebre o concurso de cosplay, contando con figuras relevantes deste sector como xuíces. Teño curiosidade por ver se hai un nivel de participantes á altura da HobbyCon.

Tampouco faltan sesións de sinaturas ás 19:00 horas con José Domingo, David Braña, Anel Montoro, Patricio Clarey e Lara Fuentes, coincidindo cun encontro co ilustrador Ricardo Cavolo, que parece espertar bastante entusiasmo. O actor de La que se avecina, Nacho Guerreros, estará no Auditorio ás 20:00 horas, e seguirano os toliños de Mongolia ás 21:00 horas. Rematará a xornada a proxección ás 22:00 horas de Sharknado 2.

Podedes consultar o programa completo en liña, e así poder decidir cando pasar por alí. Espero que o encontro sexa todo un éxito para que conte con máis edicións e incremente a competencia coas celebracións coruñesas, porque entendo que a competencia é boa. Amais, esta feira está programado o suficientemente lonxe do verán como para non solaparse cos eventos na Coruña, o que supoño que atraerá a xente con mono de frikerío.

Comentarios

Chíos e rechouchíos

ENTRADAS RELACIONADAS